CARTA A FELIPE VI, REI

Decidín escribirlle unha carta ao Rei. Sentín a necesidade de facelo logo de ler o seu discurso na entrega dos Premios Príncipe de Asturias deste ano. Mandeina certificada o día 3 e foi recibida na Zarzuela o día 6.

Creo no que lle digo. Non se pode xogar gratuitamente coas palabras. Penso que parte da situación de deterioro da vida social que vivimos, ten a súa orixe na contaminación da linguaxe, no emprego espurio das palabras por parte dos que exercen e ostentan cargos públicos e poder. As palabras cargadas de significados falsos ou equívocos, e baleiras de contido, forman parte da salmodia do cotián e rematan por anestesiar e por xustificar discursos ambiguos sobre asuntos como a corrupción, pero tamén, sobre a falta de satisfacción ás vítimas da represión franquista. Xa no lo advertiu José Ángel Valente, quen no Diario anónimo, que recolle as súas reflexións ata os instantes finais, escribía: … el lenguaje está confiscado: forma parte o es la base de un patrimonio cultural que el sistema no considera alterable. Incluso la crítica puede ser relativamente aceptada si opera con ese lenguaje patrimonial”. A vacuidade do baleiro. Algo así percibo eu nos discursos que elabora a Casa Real, tanto nos de Felipe VI, como nos de Juan Carlos I. Algo así percibo en case todos os discursos da clase política. Velaí vai a carta:

A FELIPE VI, REI:

Escríbolle esta carta tras a lectura do discurso pronunciado por vostede o venres 24 de outubro, na cerimonia de entrega dos premios Príncipe de Asturias. Decidín ler o discurso completo por curiosidade, tras comprobar que os tres medios escritos aos que tiven acceso o sábado 25, reproducían con exactitude unha serie de frases que recollo a continuación.

Debo dicir, antes de nada, e por non enganar a ninguén, que son republicano, tanto por pensamento como por tradición familiar. Non concibo ningún cargo público que ostente a representación dos cidadáns, que se exerza por herdanza e tradición e non por elección libre e democrática dos representados.

Volvendo ao seu discurso, son varias os fragmentos que destacaban os medios e que chamaron a miña atención. Asegura vostede que España é un estado social e democrático de dereito, inspirado nos principios de liberdade e igualdade, de xustiza e pluralismo. Considera que debemos coidar e favorecer a nosa vida en común e non repetir erros do pasado. Implícase ao afirmar que queremos unha España afastada da división e da discordia, de que non somos rivais os uns dos outros, senón protagonistas dun mesmo camiño e afirma que compartimos intereses e valores.

Concordo con vostede en que os españois non queremos vivir unha situación como a que fracturou a sociedade de maneira tráxica hai sete décadas, e coido que todos faremos o posible para evitala, incluso renunciando a unha parte das nosas conviccións. Porén, esas palabras sobre igualdade, xustiza, división, rivalidade, semellan baleiras diante da realidade cotián á que asistimos, cunha fractura social que aumenta cada mañá, co resultado de que a maior parte da poboación cada día é máis pobre, e a outra parte máis rica, sen que exista vocación ningunha de repartir a riqueza ou a pobreza, e de superar esa división, máis ben o contrario.

Porén, non é diso do que lle quero falar. Non é doado superar, transcorridos setenta e catro, os efectos da Guerra Civil e negalo supón, cando menos, falta de atención e de sensibilidade. Hai feridas que, malia as declaracións institucionais, aínda sangran, sen que ningún discurso poida achegar consolo nin alivio a tanta dor. Supoño que coñece o informe elaborado polo Grupo de Traballo das Nacións Unidas, que se fixo público no mes de setembro, en relación coas desaparicións forzadas cometidas durante a Guerra Civil e a ditadura, informe que chama a atención sobre a falta de colaboración de gobernos e tribunais españois, denunciando os obstáculos que o propio Estado pon aos familiares das vítimas para saber a verdade e, se é posible, recuperar os restos dos seres queridos. Aquí, os estamentos do Estado parecen agardar pola morte de familiares e testemuñas, como mellor maneira de sacarse de enriba un problema que os incomoda. É ese o estado democrático de dereito ao que se refire no seu discurso? É este o mellor xeito de garantir e revitalizar a nosa convivencia? Este é un capítulo sen pechar da nosa historia e as palabras baleiras non producen acougo nin contribúen a reparar a inxustiza.

Se de verdade cre vostede nas súas palabras, e gustaríame pensar que si, que son ditas dende a convición e dende o corazón, podería asumir este asunto como cuestión de Estado e liderar a reparación do dano, axudando aos familiares que desexen recuperar os corpos dos seres queridos, actuando diante dun goberno insensible e belixerante neste asunto. Na miña opinión, isto non suporía abandonar a posición neutral que se lle supón á Monarquía, neutralidade necesaria con respecto do que pode decidirse por canles democráticas e pola ecuación das maiorías. Pero non debera ser esta cuestión de programa partidario, nin de ideoloxía. Máis de cen mil persoas seguen enterradas en gabeas, anexos de camposantos, bosques inzados de eucaliptos e iso é así tanto en territorios que padeceron a guerra e nos que se combateu, como naqueles outros que dende o primeiro día caeron en mans dos insurrectos, como Galicia, onde a represión foi brutal, sen existir outra razón para tanta infamia que o planificado exterminio do rival.

Podería, tamén, xestionar que exista dotación nos orzamentos do Estado destinada a este fin, que axude a costear as taxas e gastos das exhumacións, evitando que teñan que ser os sindicatos de electricistas noruegueses, entre outros, os que financien esta actividade, cuestión que debería avergoñar aos representantes do Estado español. Quizais podería, incluso, destinar unha parte da asignación da Casa Real a este fin, encabezando, dese xeito, o proceso de reconciliación definitiva e amosando un xeito de ollar a historia con sabedoría, tal e como nos propón no seu discurso. De facelo, se cadra, un día espertamos e descubrimos que vostede é, tamén, o rei dos republicanos.
Atentamente,

4 opinións sobre “CARTA A FELIPE VI, REI

  1. Querido Amigo. Antes de haber enviado a carta deberías de haber contado con nos para espetar a nosa firma e DNI na carta.

    E iso que tocas unha parte importante de nosa historia, que habería outras que tamen lle han chirríar nos tímpanos.

    Saúde

    Gústame

    • A próxima vez, imos xuntos. Pero esta necesitaba escribila eu, porque si me afectou o discurso. Sentín desacougo. Grazas pola túa solidariedade e a vindeira vez, conto contigo. Chisco

      Gústame

Os comentarios están pechados.