MAR DE AMOR

Chegou duro o inverno anticipado e as praias de Carnota moficaron fisonomía e aspecto. As ondas baten e trasladan area que cobre as penedas, que penetra cara a marisma, que desfigura o rostro amable que ofrecían no verán.  No horizonte, contra os cons, as columnas de escuma elévanse como fervenzas ou ofrendas.

Sobre a liña da marea quedan as crebas, como esta con forma de embarcación, atopada por un veciño anónimo no porto de Quilmas, chegada dende Maine (USA), e depositada no colexio do Pindo (a imaxe corresponde á información facilitada por La Voz de Galicia). Outra creba que cruzou o Atlántico, como aquela estación meteorolóxica de febreiro.

creba grande

Eu atopei un cabaliño de mar de plástico, con manchas de fuel. Maribel unha boia de pesca na que prendeu o coral, e Níels un tubo que levou de lembranza a Islandia e que di servirá para facerlle a respiración boca a espiráculo aos cetáceos do Ártico. Unha riqueza ou unha pobreza, depende da perspectiva con que se mire, que todo isto non deixa de ser lixo.

Moita xente escolle este mar como destino. Seres queridos chegan ata aquí cargados coa levidade das cinzas, que pesan mentres non se ceiban, e que son espalladas no mar xunto coas flores de homenaxe e lembranza. Mar de amor.

Rosa de amorO outro día Violeta atopou esta rosa sobre a area mollada do devalo. Flor de amor e, tamén, creba fráxil e efémera, entre o aquí e o acolá, entre a dor e a lembranza.

Xa antes escribín noutro lugar que un quixera pensar que tamén son crebas, as máis fermosas, aquilo que cantou o poeta e navegante Paio Gómes Chariño: “Sobre o mar ven quen frores de amor ten”, quizais as mesmas flores deste fragmento dun poema de Eva Veiga:

                        “Contra as pálpebras baten
                        restos dun naufraxio
                        e a luz oxida as beiras
                        das estendidas pétalas”