MARK STRAND

Este blog pretende ser lugar de vida, onde se contan cousas que suceden, onde se presta atención á amizade, as emocións e as descubertas, pero ás veces, a morte, como parte da vida que é, obriga a un comentario que pretende ser máis celebración que obituario. Sucedeu hai pouco con Aurora Bernárdez e sucede agora con Mark Strand.

strand_pic1Mark Strand faleceu o pasado sábado 29 de novembrom en Nova York. Nacera en 1937 na illa Prince Edward, na costa leste do Canadá, un lugar frío, que debe ser fermoso, refuxio de cetáceos e, acaso, memoria de vellas navegacións vikingas. Porén, Strand está considerado como poeta estadounidense, xa que foi neste país onde fixou a residencia e onde escribiu e publicou a súa obra. Ultimamente alternaba períodos de residencia en Nova York con outros en Madrid, cidade que lle gustaba e na se consideraba un descoñecido, o que lle permitía desenvolver a súa práctica vital de home solitario.

Coñecino, sequera brevemente, cando veu participar no ciclo de POETAS DI(N)VERSOS, no mes de maio de 2012. Presentoumo Yolanda Castaño, a directora dese proxecto enriquecedor que cada mes, propón o diálogo dunha poeta ou poeta galego, con outra ou outro chegado de fóra. Aquel día Mark Strand recitaba xunto con Cesáreo Sánchez Iglesias. A min tocaríame a quenda seguinte, no mes de xuño, xunto co poeta indio Sudeep Sen.

Gustoume moito escoitar recitar a Mark aquel serán, porque era dominador do ritmo, amais de simpático e elegante, tan alto, vestido de escuro, rindo e facendo rir. Eu coñecía cousas del, en particular o libro Hombre y camello, ao que pertence o poema que recita no vídeo do final deste artigo, pero ese día, alí, merquei un libro que me conmoveu, Casi invisible. Descubrín na lectura que iniciei de inmediato, dous poemas que me podían interesar para a novela na que traballo hoxe. Daquela andaba na procura de materiais. Necesitaba a súa autorización, non xa para utilizar os seus poemas, senón para xogar con eles. Escribiulle Yolanda e tamén eu, falándolle do asunto e recibín a súa conformidade cómplice.

Strand, como Antonio Gamoneda, sostiña que a poesía era, sobre todo, ritmo, e que este non era só elemento melódico, senón que o ritmo, a música, teñen significado por si mesmos. Consideraba, ademais, que a poesía cambiaba o ritmo da realidade e iso era un dos seus valores. Era un poeta maior, para min unha das voces máis importantes da poesía actual. Eu estoulle agradecido e considero aquel breve encontro, no que eu me empeñei en falarlle no meu torpe inglés, descoñecendo que el sabía castelán, como un agasallo da vida. Aquí deixo un dos poemas de Casi invisible, cos que xoga Alma, a protagonista da novela e que ela, é dicir, eu, traduce ao galego:

THE STREET AT THE END OF THE WORLD

Haven’t we been down this street before? I think we have; I think they move it every few years, but it keeps coming back with its ravens and dead branches, crumbling curbs, its lines of people just stepping from a landscape that goes blank the moment they leave it. And what of the walled city with it circling swallows and the sun setting behind it, haven’t we seen that before? And what of the ship about to set off to the isle of black rainbows and midnight flowers, and the bearded tour guides waving us on? Yes, my dear, we have seen that too, but now you must hold my arm and close your eyes.

A RUA NO FIN DO MUNDO

Non pasaramos por esta rúa antes? Penso que si; Eu creo que a moven cada poucos anos, pero ela segue a volver con seus corvos e pólas mortas, coas beirarrúas desintegrándose, as súas fileiras de persoas acabadas de saír dunha paisaxe que desaparece en canto a deixan. E que dicir da cidade amurallada coas andoriñas voando en círculo e o sol a se por por detrás, non vimos isto antes? E que dicir do buque a piques de partir cara á illa dos Arcos da Vella negros e flores da media noite, e os barbudos guías turísticos acenando cara nós para que sigamos adiante? Si, miña querida, vimos isto tamén, pero agora tes que collerte do meu brazo e pechar os ollos.