CINE ALAMEDA, BELINDA E OUTRAS PELÍCULAS

sono galegoOnte, arredor da presentación do libro O soño galego de Julio Cortázar, publicado por Linteo, no Museo de Belas Artes da Coruña, sucederon cousas. A máis importante, sen dúbida, o colapso que viviu a cidade pola manifestación dos traballadores de Alcoa. Pola manifestación en si, tampouco. A cidade foi tomada pola policía, como se agardasen unha batalla campal. Iso dificultou aínda máis o tráfico, transformando o centro e península da cidade nun lugar sen acceso e sen saída e atrasando a público e a Secretario Xeral de Cultura.

A manifestación remataba á beira do Museo, onde están as instalacións da Rede Eléctrica Española, xa que o problema de Alcoa, din os empresarios que propoñen o peche, é o custo da enerxía. Dende aquí quero expresar o meu apoio aos traballadores e a miña solidariedade. Non puiden estar con eles en ningunha das dúas manifestacións convocadas, xa que o pasado venres, durante a primeira, eu presentaba a homenaxe a Miguel González Garcés, e onte… onte presentaba o libro.

A programación de onte estaba concevida como unha homenaxe a Julio Cortázar. Nela estaba programaa a miña presentación e, tamén, a estrea dun documental: Cortázar Galicia, de Juan de la Colina. Cando agardabamos para empezar, un fotógrafo pediunos posar, porque dado o atraso, non podía agardar para facer a foto na mesa. Foi el quen me dixo que había anos, xa me retratara con máis escritores, no Carballiño, na cabina do cine Alameda, á beira da máquina de proxección. O fotógrafo é Moncho Fuentes e aquela foto foi feita o día da presentación doutro libro, Narradores de cine, co que Xerais conmemoraba o centenario do cine en Galicia. Eran as Xornadas de cine do Carballiño do ano 1996. Pedinlla e mandouma. De esquerda a dereita (o burro diante…) estamos: eu, Moncho Caride, Camilo Franco, Xerardo Méndez e José Antonio García Rodríguez.

cinealameda_002

Naquel libro eu incluín o relato Belinda. Cando me chamou Camilo para pedirme unha historia sobre cine, pensei en facelle unha homenaxe a meu pai, logo de 46 anos traballando arredor del, case todos no Xesteira, pero tamén no Iago e no Losada. Pensaba eu en xogar cun cine e unha película e que el entrase dalgún xeito no guión. Pregunteille cal fora a película que máis lle gustara dos centos ou miles que programara ao longo da vida. El díxome: Ben-Hur! Eu non vía ao meu pai no circo romano, organizando a carreira de cuádrigas, aínda que si lle din algunha volta á idea. Insistín, buscando outra oportunidade, e el comentou que unha película que lembraba moitas veces, porque o impresionara, era Belinda.

belindaDirixida por Jean Negulesco en 1948, o filme é adaptación da obra de teatro de Elmer Harris. A protagonista, Hane Wyman, recibiu o Óscar daquel ano pola súa interpretación. A historia da rapaza muda violada, permitiume xogar con espacios queridos: Magarelos de Allariz e co cine Xesteira, introducindo na historia a meu pai e a un falanxista desnortado e vagamundo. Gustou moito da historia Miguel Castelo, quen chegou a escribir un guión para unha curtametraxe de media hora, pero non conseguiu financiamento, e iso que fomos falar con Baltar pai. Este relato incorporouse logo ao libro Historias roubadas, publicado por Everest, e non é a única de cine que alí hai.

Si, sucederon cousas na presentación de onte. Algunhas, curiosas, contareinas nos vindeiros días. Outras non foron tan agradables. Ao remate, un grupo de mulleres pasaba por diante da mesa onde o libreiro vendía os libros e comentaban: el libro puede ser interesante, pero está en gallego. Si estuviese en español lo compraría, pero en gallego que lo compre él. Supoño que eu era él. Así está a cousa.

O documental de Juan de la Colina é moi evocador. Xoga coas imaxes das viaxes de Aurora e Cortázar a Galicia e cos lugares onde estiveron e por onde pasaron. Os fundidos das fotografías sobre a paisaxe urbana ou rural actual están moi ben. O remate é suxerente, surrealista, dixo Pepe Mondelo no coloquio, coa imaxe dun can, que fai de extra e agasalla momentos magníficos, mentres soan as campás dun templo.

4 opinións sobre “CINE ALAMEDA, BELINDA E OUTRAS PELÍCULAS

  1. Decir que eu non fun eu o que che pediu un posado, foi C. Pardellas da Opinión da Coruña. Eu te recoñecín e casualidades da vida, facía 15 días que revisando e orgaizando o arquivo de negativos, atopei e escaneei o negativo para enviarlla a camilo Franco.
    E como curiosidade, decir que nesa época eu traballaba na Voz de galicia na ediciónO Ribeiro – O Carballiño, pero que antes, do 1980 a 1989, traballei de operador no Cine Rivas e logo no Cine Alameda. Coma teu pai, polo que vexo.

    Veña, saude e a seguir dándolle duro

    Gústame

    • Perdoa, Moncho, as presentacións é o que teñen. Un está pendente do que pasa, de quen entra, quen sae, cun punto de tensión, e non fixa moito a atención. Logo a memoria, tamén, é o que é… En calquera caso, unha aperta e grazas. Chisco

      Gústame

  2. Neno, neno, pasan os anos e non sei se imos a peor, pero pasan os anos… hahahahahahaha

    Deches con Moncho, que cousas pasn

    Gústame

Os comentarios están pechados.