FRANCISCO PORRÚA (I)

PACO PORRUAOnte, sobre as 21,00 horas, mentres presentabamos o documental de Juan de la Colina Cortazar Galicia e o meu libro O soño galego de Julio Cortázar, mentres falabamos del, falecía Francisco Porrúa, o editor.

Entre hoxe e mañá, para aqueles que non o coñezan, quero publicar, en homenaxe, o capítulo que, co seu nome, figura no libro, irá en dúas entregas, que é longo, agora a primeira:

PACO PORRÚA
Galego sen saudade, segundo a súa propia expresión, a vivencia de Galicia de Francisco Porrúa sitúase entre a memoria da infancia, cando aprendeu o valor da amizade, da liberdade e a convivencia cunha natureza humanizada e amable, e un soño que se repite obsesivamente nos últimos tempos: vese a si mesmo no interior dun autobús que descende sen chófer unha rúa de Corcubión e, cando chega á praza, antes de colisionar, el esperta e exclama: Que curta foi a viaxe!, e insiste no carácter amable dese soño.
Francisco José Joaquín Jesús Porrúa Fernández naceu en Corcubión, concello da provincia da Coruña, en 1922. Coñecer agora, sequera en parte, a súa árbore xenealóxica, axudaranos máis adiante, cando nos fale do seu traballo de tradutor e a súa relación co libro, cos libros. Fillo de Francisco Porrúa Figueroa, natural de Corcubión, e de Carmen Fernández y González de Lema, nacida en Laxe, eran seus avós paternos Manuel Porrúa Valdivielso e Cándida Figueroa Domenech, sendo os maternos Jesús Fernández Abelenda e Florinda González de Lema y Calo.
Con ano e medio marcha á Arxentina. Regresa a Galicia en 1932 e vive tres anos de adolescencia en Ferrol, onde o avó exercía de notario, pasando os veráns en Corcubión e algúns períodos máis curtos en Oza dos Ríos. Ao cabo, emigra de novo, indo a vivir a Comodoro Rivadavia, ata que rematados os estudos secundarios, o pai formula a alternativa de buscar un traballo ou estudar bacharelato en Buenos Aires. A opción elixida é a de continuar os estudos e prepararse para a vida universitaria na capital. En Buenos Aires estuda e traballa en cuestións de imprenta, traducindo e corrixindo artigos para enciclopedias.
Na Patagonia, aínda que eu tiña un campo de xogos que podería dicirse que era inmenso, un outeiro sobre o que estaba a casa e que miraba o mar, era unha vida moi restrinxida coa natureza, porque os invernos eran duros, había ventos case continuos, ventos do oeste que son ventos de area. Corcubión, daquela, era una especie de campo de xogos no que eu tiña unha relación co tempo, co tempo que tiñan as cousas. Porque os nenos da miña idade andaban sempre, ou case sempre, buscando tesouros dos tempos das guerras napoleónicas. Sentíame moi cómodo porque estaba ao coidado do meu pai, pero sen o meu pai, sempre ao coidado de mulleres, unha visión case freudiana. É dicir, as irmás do meu pai e as irmás da miña nai eran as que coidaban de min. Hai outro lugar que lembro con moito cariño, un lugar un pouco alto e nós viviamos detrás da estación de ferrocarril. Ese lugar chamábase Oza dos Ríos. Alí foi a novidade da vida do bosque. Era a primeira vez que vivía nun bosque. Pasara polos bosques de Río de Xaneiro e Brasil e vira algúns bosques en Ferrol e A Graña, moi fermosos. En Oza dos Ríos, durante o tempo en que vivín alí, entendíame coas cousas da natureza, máis que coa natureza, co verde. Tamén a sociedade, os amigos, as amigas, todo isto era para mín… na Patagonia eu tiña un amigo, que era o fillo da señora que lavaba a roupa da casa e nos vendía ovos. Pero en Corcubión estaba rodeado de xente…
É sábado de finais de setembro e anúnciase o outono en Barcelona. Dende a terraza do seu apartamento, diante do parque da Ciudadela, vense as cúpulas dos edificios tinxidos dun intenso vermello crepuscular. O té quente fai máis cálida a hora. Empoleirados no aire, entre pombas, non podemos evitar o balbordo da rúa que ás veces vence a voz de Francisco Porrúa na gravación.
Editor, fundador en 1955 da editorial Minotauro que, segundo Luís Seoane, ofrecía nos seus catálogos algúns dos autores máis inmensamente minoritarios do mundo, iníciase coa publicación de Crónicas marcianas de Ray Bradbury, con limiar de Jorge Luis Borges. Logo propoñerá a Cortázar a publicación das Historias de Cronopios y de Famas. Pero o seu traballo de editor compleméntase co que desenvolve, durante máis de vinte anos, na editorial Sudamericana, sendo responsable da edición de Las armas Secretas; Todos los fuegos el fuego; Los premios; Rayuela; Buenos Aires, Buenos Aires; 62. Modelo para armar; Libro de Manuel, títulos todos de Julio Cortázar ou de Cien años de soledad de Gabriel García Márquez, pero non de Octaedro, libro de Julio no que xa non intervén.
—Creo que Octaedro é unha edición censurada polos mesmos editores, por Sudamericana de entón.
A edición de que dispoñemos agora, ¿tamén está censurada?
—Creo que non, que á edición española restituíronselle os contos que a censura quixo suprimir.
Cen, así de redondo é o número de cartas que lle escribe Julio Cortázar e que aparecen recollidas nos tres tomos da correspondencia publicada por Aurora. Cen cartas que definen unha relación que trascende a normal entre autor e editor, cen cartas que explican moitas das circunstancias que rodean a obra de Cortázar, pero que tamén son expresión dunha firme e fonda amizade. Considera que sempre tivo o hábito ou a fatalidade de ter amigos no outro lado do océano. Cando estaba na Arxentina, Julio, que era o seu amigo, estaba en París. Cando chegou a España, en 1977, deixou dous queridos amigos na Arxentina, agora ten moi bos amigos en Estados Unidos.
—Iso si mo tomaba moi en serio, como se ve nas cartas de Julio a min, establecéndose unha amizade que comportaba obrigas, pero obrigas tácitas. O escritor, Julio neste caso, sabe que eu farei todo o posible por imprimir ben o libro e eu sei que Julio está facilitándome un material que a mín me resulta interesante, válido e importante. Aí non hai aparentemente cousas sentimentais, pero hai a emoción da amizade, iso é evidente. E hai unha carta de Julio que a min sorprendeume cando a lin de novo, logo de moitos anos, que é esa carta na que el fala de agradecemento…
—Hai varias: «unha amizade que é para min coma unha presenza incesante»
—Unha bonita carta
—«… xemelgos que se ignoran, a suma de coincidencias e correspondencias, máis ou menos máxicas que hai entre nós é para deixalo frío a Cagliosto…»
Ben, o que eu che digo e que tal vez non tes anotado, é unha na que el fala do agradecemento que lle gustaría transmitir e comunicarme a min, e di que iso é difícil entre homes, que é preciso o escenario dunha confitería, dun café, pero logo di esta frase, logo de advertir que esas cousas non se din: «pero todas estas cosas que no se han dicho, están dichas para siempre». É mesurado e ó tempo mostra unha grande paixón. En Julio nunca verás un individuo que se tira dos pelos, é unha persoa que reacciona aparentemente con mesura, pero que é capaz de vivir unha grande paixón.
Ó pouco tempo de entrar a traballar en Sudamericana, Julio envía o orixinal de Las armas secretas. Paco Porrúa ten repetido en moitas entrevistas que nos almacéns da editorial estaban case todos os exemplares de Bestiario sen vender, pero insiste que non hai escritores completamente descoñecidos.
—Nalgúns lugares, nunha librería onde se reunían os surrealistas da cidade, dicíase que había un escritor descoñecido que se chamaba Julio Cortázar, que editara un libro moi bo en Sudamericana. Eu falei cos propietarios e recibín a aquiescencia de parte deles, ó lles dicir que conviña editar Las armas secretas. Mandeille unha carta a Julio e aí empezou a nosa relación.

Tamén deixo a carta que me escribiu cando lle enviei o orixinal mecanografado.

Carta Porrúa

Unha opinión sobre “FRANCISCO PORRÚA (I)

  1. Pingback: As crebas » O editor corcubionés Francisco Porrúa na agarimosa lembranza do escritor Francisco Fernández Naval

Os comentarios están pechados.