MAN SEGUE EN CAMELLE

ManOnte cumpríanse doce anos do falecemento de Man, o alemán de Camelle; vítima da catástrofe do Prestige e símbolo colectivo do sufrimento diante de tanta morte, Onte, convocados por Antón Sobral, acudimos a Camelle por lembrar a Man e tamén por escoitar a Carmen Hermo, quen con sixilo, pero con moito amor, dedicación e solvencia,Antón Sobral desenvolveu durante os dous últimos anos un traballo que nos fai soñar coa posibilidade de que Man e a súa memoria sexan unha realidade de futuro e parte da riqueza patrimonial da Costa da Morte.

Chegamos ás 12,00 e logo de saúdar aos amigos e de tomar un café, achegámonos ao xardín escultórico que foi o seu fogar. Alí é evidente a desfeita, consecuencia de dous factores, un certo abandono e, sobre todo, a acción do mar logo dun inverno tan duro como foi o pasado. A construción que lle servía de morada, centro de referencia do conxunto, é unha ruína sen cuberta. Algunhas das máis simbólicas formas que Man ergueu na beirada por lle dar corpo ao aire, desapareceron. Sobre as rochas quedan apenas as pegadas do cemento e os bolos escollidos por el confúndense co resto que forma ese coído exterior ao dique contra o que el loitou.

Carmen HermoPero xa dentro do que hoxe é “A casa do alemán”, escoitando a Carmen, foi medrando a esperanza de que o patrimonio artístico de Manfred Gnädinger, nacido en Radofzell en 1936, teña unha oportunidade de sobrevivir e se transformar en referencia artística, vital e turística de Camelle e da Costa da Morte.

Man xardín 2

Por Carmen soubemos que faltan poucas semanas para que a Fundación Man sexa unha realidade. Tamén que aprobado o proxecto MAN (Mar, Arte e Natureza), dentro das iniciativas que promove o Grupo de Acción Costeira, zona 3, Costa da Morte, xa é unha realidade accesible a páxina web: mandecamelle.com; tamén se realizou un traballo rigoroso de inventariar boa parte do material: fotografías (feitas por Man ou por visitantes), libros intervidos por el, libretas de visitantes, esculturas e pezas realizadas con plástico fundido. Pero ademais, tomando como referencia unha das súas obras fotográficas: Museum vom Einsiedler Man, (Museo do ermitaño Man) creouse un espazo expositivo para amosar parte do seu legado, que poderá visitarse proximamente na “Casa do alemán”. O proxecto desenvolvido por Carmen e as persoas que colaboraron con ela, implica, tamén, que Man xa teña imaxe corporativa, folletos explicativos do proxecto e unha sinaléctica específica de acceso ao espazo onde viviu e traballou dende que afincou en Camelle, no ano 1962.

Man muelle 1

No debate posterior falouse da rehabilitación da caseta, como elemento central que conserve o seu espirito. Sería necesario elaborar un proxecto que permitise poñer cifras ao custo da reconstrución. O concello de Camariñas, neste momento, garda 6.000 euros para realizar unha intervención de urxencia que impida a perda definitiva dese lugar construido por Man para vivir. Apuntei eu a posibilidade de iniciar unha campaña para promover a idea de que a propia comunidade, a través de achegas individuais, se constitúa en custodia dese patrimonio excepcional e tan simbólico, asumindo de maneria colectiva a restauración da caseta, unha vez exista proxecto e orzamento. Escoitando as intervencións da xente, souben que un grupo de veciños limpa periodicamente o espazo do xardín escultórico.

Man Caseta

Man non foi un tolo que vivia espido sobre as penedas do litoral. Man foi un artista que levou ao extremo o concepto Land art, desenvolvido dende principios dos anos sesenta, precisamente cando el chega a Camelle. Como Richard Long, Man abriu carreiros pola beirada, colocou pedras dándolle orde e sentido, xogou coas crebas. Lonxe do afán comercial, quizais intuindo que todo o que facía era efémero, por estar sometido á natureza, Man elaboraba as súas instalacións na paisaxe coa intención de crear unha emoción no espectador. Para lograr iso necesitaba compenetrarse e comprometerse co lugar, por iso o seu corpo nu, os baños diarios, a exposición ao vento.

Arpón golfiñoMoitos dos que acudimos á cita fomos xantar a Punta Arnela, o restaurante de Camariñas que nos acolle sempre que imos aos encontros Arte e Natureza promovidos por Antón Sobral en Camelle. Sentado á beira de Carmen faláballe eu da importancia do traballo desenvolvido e comentáballe que, tendo un edificio como “A casa do alemán” e agora tamén: inventario, páxina web, Fundación e, en pouco tempo, exposición permanente, a memoria e o espirito de Man estaban salvados. Faloume ela de que nunha gravación radiofónica, dunha entrevista feita a Man no ano 1985, fálase de que tamén deixou a súa pegada artística no Monte Pindo. Sería interesante dar con elas, Pindo e Man enriqueceríanse mutuamente con esa referencia. A entrevista pódese escoitar na páxina web. No restaurante onde xantamos estupendamente, coma sempre, conservan un arpón destinado á caza de golfiños que a min sempre me chamou a atención e que onte fotografei.

Sobral Tenreiro

VilánLogo de xantar acudimos ao faro do Cabo Vilán, onde Antón Sobral e Enrique Tenreiro expoñen as súas obras nese proxecto de diálogo pictórico-escultórico do que xa se falou aquí, a propósito da inauguración coruñesa do verán, denominada Contra vento e madeira, aínda que as pezas que forman a mostra van variando en función dos espazos que a acollen. Lembrar que o museo dos faros e a sala de exposicións do faro Vilán, con 50.000 visitas este ano, son dous dos proxectos expositivos que reciben máis visitantes ao longo do ano en toda Galicia.

Posta de Sol VilánDespediunos un marabilloso solpor en día de inocencia, case de fin de ano.

7 opinións sobre “MAN SEGUE EN CAMELLE

    • Grazas a ti, Carmen. Eu volvín diferente de como fun, sen a sensación de perda irremediable que levaba. Fuches ti e o teu (o voso) traballo de tantos meses quen mudou o vento que cambiou o ánimo.

      Gústame

  1. Fai moitos anos cando fumos visitar Camelle. Dábamos un aquelo por tentar ver aquela figura, casi que medo. O final podemos velo.
    Vimos algo especial, non se esquece. Nin a persoa nin a súa obra.

    Gústame

    • Medo non. Si impoñía respecto. Era el quen marcaba o territorio e establecía as distancias. Eu entrei dúas veces na caseta, pero foi ao principio, nos anos oitenta. Logo, as veces que fun, xa nunca me convidou e iso que a última vez que estivemos alí, no final do verán do 2002, falamos con el e Maribel sacoulle unhas fotos, coa súa autorización. Unha delas é a que está no libro das Crebas.

      Gústame

      • Ise medo, máis que medo a persoa, era a situación. Non sabíamos nada de aquel home, non sabíamos como reaccionaría. Buscábamos a “casa” pero non se veía nada, logo apareceu. Teño que preguntarlle a Puri, pero teño lembranza de que estivemos cerca e lle díramos unha “esmola” e il nos deu un papel, ou quizáis o soñei.

        Gústame

      • Non, non soñaches nada. Por entrar ao xardín cobraba unha cantidade simbólica, nos aos noventa eran 100 ptas., creo lembrar, e ofrecía unha libreta e un lapis para que lle deixaras un debuxo. Esas libretas son as denominadas “de visitantes”, que formarán parte (algunha, claro, que hai moitas) da exposición permanente.

        Gústame

  2. Pingback: Man de Camelle xa ten o seu proxecto de rehabilitación

Os comentarios están pechados.