ABANCA/AFUNDACIÓN E O GALEGO

Quizais xa o sabedes. Haberá quen recibiu unha mensaxe de correo electrónico con esta información. Pero por se alguén non está ao tanto, fago miña a mensaxe recibida que comparto. Ten que ver con ABANCA, esa nova entidade, adquirida por capital foráneo, que ao chegar afirmou que mantiña os compromisos con Galicia. Quizais por iso xogou a nun principio con ese nome que pode ser lido como se queira, pero, tamén, en clave galega. O do nome tamén foi aplicado á fundación cultural, que agora se chama AFUNDACIÓN.

Poren, malia eses primeiros augurios que prometían, vimos de saber que a entidade financeira con sede en Galicia que fai bandeira da súa galeguidade co propósito evidente, e lexítimo, de recuperar a súa cota no mercado propio, acaba de tomar a decisión de facer a publicidade, a sinalética e a comunicación xeral dentro de Galicia en castelán. “Curiosamente”, manterán o catalán como lingua vehicular en Cataluña.

Con independencia de que esa decisión poida ser considerada por algúns como necesaria e por outros como erro estratéxico, o que si supón é un novo e forte golpe en contra do idioma propio do país. Por iso seguro que paga a pena tentar que rectifiquen. Poderiamos facermos algo. Algo sería, por exemplo, introducir no noso muro do facebook e na páxina de twitter comentarios e opinións sobre a decisión incluíndo no corpo do texto as referencias a @escotet e @abanca. Pódese enviar unha mensaxe directa por twitter a @somosabanca ou en facebook en https://www.facebook.com/SomosAbanca. Outra opción, non excluínte, sería enviar unha pregunta ou comentario a través do seguinte formulario online: http://www.abanca.com/gl/axuda/contacto/.

Quizais, se facemos o suficiente ruido ao respecto, poderiamos conseguir que reconsideren esta nefasta decisión e salvemos un referente principal dese espazo clave para o noso idioma como é a comunicación financeira.

Esta entrada de hoxe non leva imaxes, coido que non as precisa. Se vos parece ben, espallade isto todo o que poidades.

5 opinións sobre “ABANCA/AFUNDACIÓN E O GALEGO

  1. Feito, enviada mensaxe a Abanca para solicitar que manteñan o galego… Agardemos que o teñan en conta se somos moitxs quen mandamos a mensaxe.

    Gústame

    • Estimado Francisco Xosé:
      Recibín resposta de ABANCA á mensaxe que deixei na súa páxina sobre o tema do galego. Velaí o que din e a ver se é verdade:
      En resposta a sua consulta:
      Informámoslle do seguinte:
      Entendemos a súa preocupación. O galego é a lingua de referencia e prioritaria nas nosas comunicacións, polo que nada cambiou.
      Grazas por confiar en nós, aquí seguimos para atenderlle (en galego)
      Aproveitamos a ocasión para enviarlle un cordial saúdo

      Gústame

      • Polo que puiden saber, máis alá da resposta recibida por cada un, parece ser que o luns rectificaron a decisión anterior e retiraron algúns anuncios en castelán xa colocados. A acción de moitos levou a isto. A ver se o ano camiña por carreiros de compromiso e de cordura.

        Gústame

Os comentarios están pechados.