XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO

Estes días pasei bastantes horas co meu amigo, o escritor Pepe Fernández Ferreiro, nacido en Espartedo, concello de Nogueira de Ramuín en 1931. Coincidiu, tamén, que sabendo destes nosos encontros, algunhas persoas me falaron del. En concreto, Xacobe comentoume que seu foi, quizais, o primeiro libro en galego que mercou, aquel Morrer en Castrelo de Miño, mítico para moitos de nós. Xacobe lembraba a impresión que lle causou, non só pola historia que contaba, senón tamén polo xeito duro de narrar. María Tilve, pola súa banda, preguntoume, cal era o seu último libro. Respondinlle que Tempo de centeo, e ela comentoume que o buscaría e lería, porque era un escritor que lle gustaba moito e do que lera case toda a obra publicada. Pepe Fernández Ferreiro

Conteille estes comentarios a Pepe e sorriu, cunha certa indiferenza, pero tamén con orgullo, porque a un escritor, e el é escritor de raza, sempre lle gusta saber o que pensan os lectores dos seus libros.

Pepe recoñece a débeda coa literatura americana, nese punto de dureza do que falaba Xacobe, en concreto, cando llo dixen, Pepe exclamou: Hemingway! Si, co premio Nobel americano compartiu oficio de xornalista e o gusto pola novela, pero tamén un certo xeito de narrar. Sobre os oficios de xornalista e de escritor, versou o seu discurso de entrada na Real Academia Galega.

Morrer en Castrelo de MiñoEu sempre considerei a Pepe como escritor bidueiro. O bidueiro é das primeiras árbores que ocupan os espazos máis castigados da fraga, logo dun lume ou dunha escorrentía, por exemplo. Os bidueiros sosteñen a terra e enriquecen o chan, facendo posible que alí medren outras especies, se cadra de máis porte, de máis prestixio social, pero non máis importantes. Fernández Ferreiro, con libros como A morte de Frank González, Morrer en Castrelo de Miño, A saga dun afiador, enriqueceu o corpo de lectores do galego e axudou a que sobre a súa obra se construíse outra, porque sabemos que a literatura é coma un castelo de naipes, arquitectura sutil na que unhas pezas sosteñen as outras. As súas achegas posteriores foron moi importantes, velaí, senón, títulos como A ceo aberto, Agosto do 36, A cidade das chuvias ou a que el considera a súa mellor novela, O minotauro.

O outro día, falando os dous sobre o feito de escribir, evocaba ese momento misterioso, e emprego a súa palabra, no que un sente que hai unha man ou un alento que impulsa a narración máis alá da propia vontade do escritor. Cando chega ese momento a novela case está feita, afirma con rotundidade.

brais_pintoTamén debemos a Pepe unha parte da nosa historia, recollida no libro De xente nova a Brais Pinto, contada por el, parte fundamental do grupo ao que puxo o nome dun suposto afiador morto en Madrid en accidente de tráfico. Ata escribiu un artigo sobre isto no ABC, cousas dos narradores.

Teño o privilexio de tomar café, moitas tardes, con el e con Manuel Álvarez Torneiro, amigos entrañables dende os primeiros anos de traballo en La voz de Galicia. Paradoxalmente, Pepe, da estirpe dos grandes novelistas, iniciouse no oficio cun libro de poemas, aquel Ribeiranas do Sil de 1952.

(A foto na que estamos os dous, é de Maribel Longueira)

2 opinións sobre “XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO

  1. Desde as fiestras do instituto vin pasar durante moitos anos a figura do noso escritor amigo a camiñar polo paseo marítimo. Sempre a unhas horas determinadas. Moitas veces saía ao seu encontro e platicabamos un chisco. Outras non ousaba interromper o seu andar e quedaba ollando para a súa figura branca, que paso a paso se ía perdendo no horizonte. Sempre me chamou a atención o seu andar tranquilo e constante. O mesmo me ocorre cando o vexo pasear polas rúas da cidade, sempre co ese seu andar calmo e o seu porte digno e distraído. Un andar doutro tempo. O mesmo que o seu “estar”, cando o albisco a través dos vidros dun café, a ler en soidade o xornal.
    Xosé Fernández Ferreiro é unha desas presenzas humanas que axudan a conformar o carácter dunha cidade, que nos fan sentir menos anónimos, máis sociables e educados, só con velas pasar ou con termos con eles un momento de vagar, un intercambio de saúdos e pareceres.

    A ARTE DE ANDAR

    Para X.F.F
    amigo dos camiños,
    rebelde e soñador.

    Eu quixera andar como Fernández Ferreiro
    todo dereitiño polo paseo maítimo.
    As mans ás costas
    o rostro erguido
    -na barba rubidos os paxaros-
    e o paso calmo e constante
    como quen vai de Espartedo a San Estevo
    vendo pasar os castiñeiros.

    Eu quixera andar así
    como Fernández Ferreiro
    as mans ás costas
    o rostro erguido
    e o paraugas da chuvia ben collido
    -distraído-
    índose en manseliño polo paseo marítimo.

    Gústame

    • Moi fermoso este texto e o que contas nel, Pepe, fareillo chegar, xunto co poema, a ese outro Pepe que os dous queremos e que sentimos como parte dos nosos días. Unha aperta. Chisco

      Gústame

Os comentarios están pechados.