A NOITE BRANCA EN RUSO

Xa está editada en ruso a novela A noite branca, que dá nome a esta bitácora. O traballo de tradución correu a cargo de Elena Zernova e cónstame que foi un traballo intenso, que requeriu esforzo e, polo que falei con ela, seguramente nalgunhas pasaxes mellorase o texto orixinal. A editorial é nestorbook.ru. A Elena e á editorial debo agradecer esta alegría.

Aínda non teño o libro, o obxecto físico, non o podo tocar, pero onte conseguín esta mostra escaneada do traballo editorial: cuberta, créditos e o inicio do capítulo VII.

A noite ruso. cuberta

Resulta curioso ver un texto propio posto nunha lingua tan diferente. Xa me aconteceu cando publicaron ao éuscaro a aventura de Suso Espada: Istambul e o cabaliño de ouro. A sensación de desconcerto, e tamén de emoción, aumentou ao ter na man o texto en árabe do conto ilustrado polo pintor sirio Ali Ali, Suleiman e Salúa. Nesta versión rusa de A noite branca, si chego a discernir o meu nome nos créditos, pero aí remata todo. Paréceme ben esa dobre páxina de créditos, na que figura edicións Xerais, a editorial que apostou polo texto, así como o ano daquela primeira edición.

A noite ruso. créditos

Gustaríame poder manter algunha comunicación cun lector ruso da novela, pero non sei se será posible. Aquel é mundo moi afastado de nós, ou nós deles, e está, tamén, a dificultade lingüística. Mentres, velaí vai a novela, transitando os seus carreiros polo mundo, agardando por unha editorial que se decida a publicar a versión en castelán, que tradución hai, feita por Carlos Airas. Se algún lector deste blog sabe dalgunha posibilidade, moito lle agradecería me facilitase a información e me indicase o camiño.

A noite ruso. páxina

A tradución contou co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, concedendo a axuda solicitada pola editorial nestorbook.ru, na convocatoria anual de axudas á tradución do ano 2013.

Advertisement

6 opinións sobre “A NOITE BRANCA EN RUSO

  1. Pingback: A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, en ruso | ::Axenda cultural AELG::

  2. Noraboa!!!, que bonita a cuberta 🙂 non podo dicir máis, o teu nome case case se pode ler como aquí, non o título, aí sí que non entendo nadiña, pero o nome… queda ben, non?.
    Eu coñezo a unha muller rusa, vive alá, é ou era modelo e artista (pinta seda), non é que a coñeza moito… e non sei se lle gusta ler. Pódolle preguntar se queres, pode que ela saiba dalguén a quen sí que lle poda apetecer lelo.
    Bicos

    Gústame

    • Pois por min, estupendo atopar un lector que poida dicir algo. Tamén eu llo vou dicir a Pavel Tenderá. Un bico e grazas

      Gústame

  3. Pois eu si que toquei o libro, e pareceume emocionante sentilo vivo nas mans. As vivencias de Alfredo, de Luísa, de Bintil e dunha presada de homes que trasladan ata nós a desesperación no xeo da estepa, os seus conflitos, as súas ilusións e a súa potencia humana, que serve de chanzo para que, desde aquela catarse, poidamos habitar agora unha identidade con posibilidades de futuro.
    Para quen lea isto, direi que Chisco ten o hábito de regalar a súa parte enseguida. A miña intervención no transvasamento para o castelán consistiu no seguinte: el pasoume a versión que preparara, que a min me pareceu estupendamente, pero sobre a que vin algunha cousa que podía distorsionar ou arredar a lectura de alguén de fóra de Galicia.
    Comenteillo a Chisco, nun diálogo que, coma sempre, me resultou moi cordial, e el estivo de acordo en facer algúns retoques, no sentido que lle propuña. Ofrecinme encantado a me ocupar do asunto, entregueille o resultado, revisamos os cambios -porque non en todos estaba de acordo- e demos por concluída a cuestión.
    Alégrome moito de estar neste proceso respecto de A noite branca -agora Bielaia Nochi- e sinto unha enorme gratitude pola confianza que puxo Chisco en min. Con iso creo que abonda.
    Quen lles deu vida e sentimentos aos personaxes, tamén en castelán, foi el.
    Apertas

    Gústame

    • Os dous sabemos que a cousa non era exactamente como dis. A miña versión da novela tiña máis defectos que acertos, empezando por aquela cuestión da que falamos de tempos simples ou compostos. Eu estou moi agradecido do teu traballo con ela. Apertas tamén para ti.

      Gústame

  4. O dos tempos simples ou compostos era un detalle, que creo que magnificas. O esencial xa estaba.
    Sentiríame moi honrado de ser o encargado de toda a tradución, pero hai moito choio teu nela.
    Tamén estou moi orgulloso do que puxen, claro.
    Sexa como sexa, unha aperta ben forte!

    Gústame

Os comentarios están pechados.