MERGULLÓN CRISTADO

Onte, logo de xantar, con Gabriel, Violeta, Inma e Xacobe, camiñamos algo por Cecebre. Moito non, que a tarde non ofrecía tregua: sarabiadas constantes e frío, moito frío. Así era a tarde, segundo Xacobe, que definiu esta instantánea como: Porminquechova de toda a vida.

Tarde do sábado

O paseo, malia a brevidade, permitiunos ver os mergullóns cristados, un paxaro moi singular, por ese hábito que teñen de transportar as crías sobre o lombo.

somormujo

A primeira vez que os vin, haberá vinte e cinco anos, foi na lagoa de Carucedo, no Bierzo. Logo, cada entroido, ao regresar de Viana do Bolo o día da festa da androia, á que lle fomos fieis durante anos, parabamos primeiro no Santuario das Ermidas, por ver as amendoeiras en flor e logo na ponte vella da Rúa, por observar os mergullóns nadando no encoro de San Martiño.

Son catro as especies que podemos ver en Galicia, pero esta, con ese adorno no cocote tan elegante que teñen os machos, é a máis habitual e abundante, tamén a de tamaño maior.

A imaxe atopeina en internet e non fago constar autor porque non figuraba en ningures, tampouco estaba vinculada a páxina, blog, ou publicación.

Unha opinión sobre “MERGULLÓN CRISTADO

Os comentarios están pechados.