CANCIÓNS DE MAR DE LIRA

Mar de Lira 2Sempre pensei que os poemas de Mar de Lira podían ser canción. Era consciente diso cando os escribía, quizais por iso demorei en cuestións rítmicas, en ecos, en reiteracións silábicas e xogos de palabras. Cando dedico ese libro sempre poño: … estes poemas e Mar de Lira, que sempre soñaron ser canción.

Xosé Luís Fernández Carnicero tomoume a palabra e compuxo 16 cancións coa letra doutros tantos poemas. Durante un ano, cada fin de semana que eu ía a Ourense, traballamos no seu despacho no barrio da Ponte, á beira do piano, procurando a mellor harmonía entre música e letra. Lembro algúns sábados de traballo duro e de rematar con sensación de esgotamento, non só pola dificultade de modificar un poema que nacera cun ritmo e unha cadencia, pero do que a composición musical requiría unha rima que non tiña, un equilibrio entre estrofas, a redución de sílabas dun verso. O esgotamento viña tamén pola loita interior que eu vivía, vendo como aquel poema se transformaba noutro e como perdía uns significados para gañar outros. Cantas dúbidas tiven entón e canto reneguei de min mesmo.

Pero pensei sempre que Mar de Lira, libro, fora proxecto meu, de poeta solitario, e que as Cancións de Mar de Lira eran proxecto de dous e, polo tanto, era necesario un territorio de confluencia que non tiña porque coincidir necesaria ou exactamente co do libro, velaí a miña dispoñibilidade a cambiar, malia que, ás veces, sufrir, sufría.

Cancións Mar de Lira 1

Aí están agora as cancións. Esta fin de semana tocaba gravación, porque nun par de meses teremos disco. Contamos co mellor técnico que puidemos soñar, Pablo Barreiro, da Radio Galega. O Auditorio de Galicia permitiunos traballar na sala grande, onde toca a Real Filharmonía de Galicia. As cancións foron do gusto da soprano Victoria Álvarez Acón e do pianista Xosé Manuel Yáñez, conxuntados e marabillosos profesionais. Maribel converteuse na fotógrafa da primeira sesión e súas serán as imaxes que acompañarán o CD (xa eran súas as imaxes que ilustraban o libro). Segundo Pablo o escenario do salón grande do Auditorio, é o mellor lugar para gravar un disco coma este, porque ten o mellor piano, un Steinway & Sons, que non é música, é luz cando soa, e unha acústica extraordinaria para a voz.

Hoxe pola mañá, escoitando como Victoria quentaba a voz, como Yáñez e Carnicero dialogaban sobre entradas, adornos ou cadencias, como Pablo tendía cables e axustaba micrófonos, como Maribel tiraba fotos, sentín unha emoción nova, a de descubrir e sentir que aqueles versos que escribín camiñando as beiradas de Carnota, navegando con Bernardo, con Lobelos ou con Xosé, de alcume o Fisterrán, que faleceu o día 30 de decembro pasado; conversando con Cuchía ou con Pilar, agora son proxecto de tanta xente.

Cancións Mar de Lira 2

Hai máis que agradecer, pero todo será ao seu tempo. Mentres, aquí, como acta desta mañá de febreiro, quedan estas imaxes e este texto.

 

3 opinións sobre “CANCIÓNS DE MAR DE LIRA

Os comentarios están pechados.