Marchou Eva. A partir de agora o seu ciclo de vida modifícase. Levaba tempo madurando a decisión. Galicia, o seu querido país, o país da súa xente e da súa lingua, esixía dela o esforzo e o risco de habitar no límite da vida. O sur, o sol, un mundo sen alerxias, sen humidades que enchen de balor os alvéolos e o corazón. Ese é o destino. Marcharon ela e Alfonso. Será outro mar e outra luz quen os acolla.
Sendo exactos, non foron só a humidade e as alerxias naturais. O que máis dano lle fai, o que a coloca en situación límite é a contaminación do aire, as descargas do porto, a polución causada polo exceso de obras faraónicas que perforan a cidade e enchen o ambiente de materia en suspensión. Pero niso, no enorme mal que algunhas actuacións provoca en tanta poboación anónima, non preocupa nin á economía, nin á política.
A voz da xílgara
petou
na arde densa e o corazón
abriuse
pola marxe que sabe a salitre.
Ninguén
te viu trasmonta-las
ondas
coma un capitán sobre baleas de estío.
Só eu que agardaba a marea
recollín
o sinal dos espellos.
Será como ave estacional. Sempre pensei que había nela algo de ouriolo ou de andoriña. Eva é Ave, penso que a primeira vez que o dixen foi na presentación do seu libro Paisaxes do baleiro, ao que pertence o poema anterior. Foi ese un dos primeiros actos, acaso o primeiro, no que participamos xuntos. Regresará co bo tempo e traerá na boca un feixe de versos. Algo mudou nas nosas vidas. Agora habitaremos a ilusión do regreso e creo que este blog encherase de versos, dos seus versos, único xeito de habitar a ausencia.
Se cadra, a palabra é soñar, poñer todo da nosa parte
para que a vida continúe a soñarnos:
humanidade ou incipiente organismo que vén da auga
e discorre cara a esa sede que nos procura.
Hai máis de 300 millóns de anos o peixe ictiostega aso-
mouse ao axexo e ergueuse sobre si e saltou fóra
da pucharca e sentiu a terrible e fascinante intemperie.
Somos fillos da sede. Un meniño non pode dicir mar,
di auga.
O peixe ictiostega tiña húmidos os ollos. As nosas bágoas
son ese resto arqueolóxico que nos permite mirar.
Contemplas como se vai íntima e corrente a vida para facer
sitio que, quizais, sexa esta a encomenda do tempo.
En Etiopía unha nena percorre 40 quilómetros ao día
cun caldeiro.
Romper as augas é a intensa dor da luz.
A conciencia é unha galaxia en formación.
Un rostro, ás veces amigo, outras inimigo,
é o teu rostro
reflexo, lampo do mundo
un instante,
quen se detén xa non está,
porén sempre estamos a ser mirados.
Algunha vez os átomos máis prezados dos nosos ollos,
eses que nos fornecen dunha visión feliz,
serán substancia doutra existencia:
lei solidaria da materia
que non fica enfeitizada de ninguén,
que todo o ha de probar,
o gozo máis sublime e a máis cativa das miserias.
Ninguén se posúe nin tan sequera ese instante.
Rostro rastro transitivo transeúnte transitorio:
fonte de espellos que retorna á claridade
do seu ollo oculto. Todo o ve a auga
e nós, mentres ebrios e cegos de eternidade
sobre un cristal durmido.
Dásme auga e disme hai vida:
ávida esperanza esta sede de amar.
Do libro: desconcerto, que con Alfonso, Maribel Longueira e Tucho Calvo fomos presentar á prisión de Teixeiro, nun dos actos máis fortes que vivimos.
(A foto é de Xacobe Meléndrez e corresponde a un recital que Eva e eu demos xuntos no pub Dublín, cando aínda estaba aberto)
Ímola botar moito de menos! Ouvíla recitar e tremer era todo un.
GústameGústame
Era e é, que a escoitaremos aínda moitas veces, pero si, escoitala e tremer, si era a mesma cousa.
GústameGústame