FULMAR

Atopeino onte, camiñando a beirada. En canto cheguei á praia de Cons, en Lira, xa o vin, coas ás abertas, sobre a area, no límite do crebar das ondas. Achegueime e non se asustou. Deixouse fotografar. Decidín collelo por ver se reaccionaba e, tamén, por se descubría cal era o mal que padecía. Sucedeu entón algo curioso porque nun principio quixo defenderse co peteiro, pero en canto lle falaba ou se lle recitaba uns versos, calmábase e ollaba cara min ladeando a cabeza. Pero se calaba, defendíase de novo. As manchas marróns no peito indicaban petróleo. As ás e as patas pareceume que estaban ben, pero debía ter frío, efecto que produce o petróleo nas aves mariñas e que normalmente resulta mortal. Busquei unha rocha protexida do vento do norte, moi frío a esa hora da mañá e, ato tempo, coa posibilidade de deixarse caer e coller voo, xa que a rocha elevábase sobre o mar. Ao mediodía levei a Inma, Gabriel, Violeta e Maribel a velo. Seguía alí e, cando cheguei a el, durmía. Violeta e Gabriel querían levala para a casa, lavala e poñela ao quente nunha caixa, pero a min pareceume que o máis aconsellable era deixar decidir á natureza. Quedou no mesmo lugar.

Fulmar 1Hoxe pola mañá Xacobe e Violeta achegáronse a Cons por vela, pero xa non estaba. Supoñemos que se recuperou e marchou, porque non había sinais de ataque dun depredador, como plumas soltas, e o corpo non apareceu por ningures.

Fulmar 2

Cando a atopei pensei que sería unha pardela cincenta. Pero logo, comentándoo con Xacobe, aceptei a súa proposta de que se trataba dun fulmar, fermosa ave peláxica, do norte do Atlántico. A razón principal para cambiar de criterio, a cabeza completamente branca, que na pardela cincenta e gris na parte superior.

Unha das características desta especie e das pardelas, e o que a min me levou a equívoco, é esa forma cortada sobre o peteiro, coma un reforzo, denominada narina.

 

Advertisement

3 opinións sobre “FULMAR

  1. Foi un fermoso achado na mañan fría. E boa a decisión , na miña opinión, de , salvado o inmediato, deixar que a natureza decida. Non teña a menor dúbida que o fulmar que atopou seguirá a explorar as praias de Carnota

    Gústame

    • Teño atopado moitas aves en estado precario. O ano pasado, por Porto Balea, tamén en Lira, atopamos un mascato. Daquela relación quedou constancia neste blog. Antes había centros de recuperación de aves, pero agora xa non sei. Lembro recoller araos e alcas petroleados, atopados en Corme, Riazor ou Barrañán e que entregabamos en Oleiros, no centro que había en Santa Cruz, para logo, unha vez recuperados, soltalos en Baldaio. Sorprendíanos comprobar como, sen dúbidar, o seu instinto os levaba dende o primeiro instante cara as Sisargas. Pero en casos como este do fulmar a cousa complícase. Se o levo para a casa e morre, sempre terei a dúbida de se no su medio non lle tería ido mellor.

      Gústame

      • Manda este correo Patiño, amigo e guía en asunto de paxaros. Paréceme moi interesante o seu comentario e pertinente deixar constancia del aquí. Eu pensei que o centro de Oleiro xa non funcionaba. O teléfono do centro de recuperación de fauna (non so paxaros) de Oleiros é o: 981626241. Para cetáceos, vivos ou mortos, chamar ao 112 e que dean parte a CEMMA.
        Ola compañeiro: é moi interesante a presenza dese fermoso exemplar e agradézoche que mo comunicaras. Ben quixera pensar que se recuperou enporsí e ao non atopalo deducir que marchou, mais eu non che son tan positivo pois teño visto moitas aves que ao final acaban morrendo porque a situación interna non era boa. Se apareceu na praia é que algo anormal lle pasou. ¿Só fatiga? Pode, mais tamén pode ser que teña un amocelo dentro. Ao principio as aves tratan de defenderse mais se renuncian a facelo é porque non teñen folgos. Esa debilidade seguramente foi incrementándose día a día ata facelo pousar no mar e posteriormente aparecer na praia. Neses casos o mellor é chamar ao centro de recuperación de aves de Oleiros pois eles poden facer radiografías para ver se hai problemas internos e alimentalo para que pouco a pouco recupere as forzas.
        Chámame pesimista se queres ou túrrame dunha orella. Apertas.

        Gústame

Os comentarios están pechados.