CADOIRO DO XALL/AS

Esta fin de semana inaugurei a tempada ciclista. Dos sufrimentos do sábado e do domingo non vou deixar constancia aquí. O nordés frío botaba para atrás, pero ía sol e tiña gana.

A Fervenza onte, domingo

A Fervenza onte, domingo dende lonxe.

Percorrín territorios queridos. Achegueime a San Cibrán, baixei ao observatorio de aves da Boca do Río e visitei a Fervenza. Son moitos os turistas que alí van, de inverno e de verán, recurso singular que tanto reclamamos no seu día.

As en Bristol

O As en Bristol (arquivo de Bernardo Máiz)

Non me acheguei á beira do Cadoiro, que ía coa bicicleta, pero sentín a fervenza na súa potencia, como sentín a forza do monte, ao que observei cos ollos dos fuxidos do As. Estes días tento cumprir o compromiso de escribir algo sobre a fuga de 14 mozos que se agocharon no Monte Pindo no verán de 1936, para non iren á guerra, e que en agosto de 1937 secuestraron o vapor As, ancorado preto das illas Lobeiras, lanzándose ao mar. Chegaron a Bristol, pero o Reino Unido denegoulles o asilo. Incorporados á fronte polo bando republicano, loitaron, perderon e tiveron destinos diversos: case todos pasaron a Francia; algún foi xulgado en consello de guerra polo franquismo; Miguel Ferrer Fanda e Joaquín Rodríguez Louro conseguiron embarcar no Winnipeg de Pablo Neruda, mentres que o irmán de Joaquín, Antonio, falecía en Gusel, Mathausen, o 16 de setembro de 1941. Que diferentes destinos para unha decisión inicial e un camiño común. Non deixo de cismar nese intre no que Antonio deixou a Joaquín, no momento no que se separaron.

De Antonio, a xeito de homenaxe, quixen facer personaxe na novela A noite branca, no capítulo no que os exiliados, xunto cos ferroviarios franceses, apedran o tren galego da División Azul.

Prometo publicar aquí o artigo en canto estea.

 

2 opinións sobre “CADOIRO DO XALL/AS

Os comentarios están pechados.