POEMAS DE NOVA YORK (I)

Cando regresamos de Nova York, en outubro do pasado ano, contei aquí que traía os bosquexos de dez poemas que pensaba traballar e darlles tensión ata ver que daban de si. Os poemas quedaron listos en xaneiro e algunhas amigas e amigos xa os coñecen. Prometín, daquela, publicalos aquí. Fun demorando porque tiña dúbidas. Porén, o meu amigo Antonio García Teijeiro vén de publicar unha entrada no seu blog, Versos e aloumiños, no que inclúe catro. A cousa tivo a súa sorpresa para min, porque coñecendo os textos, Antonio non me advertiu de que os publicaría. Non sei polo que, cando me comentou e pediu autorización para facer unha entrada na que os comentaría, eu pensei que falaría deles, pero nada máis. Agora non podo menos que emocionarme e sentir algo de vergoña allea por ler como pon a dialogar os meus versos cos de Federico García Lorca, pero así é Antonio. Deixo a entrada por se alguén ten curiosidade.

http://garciateijeiro.blogspot.com.es/2015/03/paseos-poeticos-xi-con-federico-garcia.html

É certo que antes, durante e despois da viaxe, lin varios autores máis ou menos queridos, máis ou menos coñecidos, con libros ou poemas referidos a Nova York. Dende logo Poeta en Nueva York, de Lorca; tamén Epitafio para Nueva York, de Adonis; Nueva York después de muerto, de Antonio Hernández (o último premio Nacional de poesía 2014); Cuaderno de Nueva York, de Pepe Hierro; e os nosos Luís Seoane e Celso Emilio Ferreiro, amais dos debuxos de Castelao. E claro, Walt Whitman.

En cada un dos dez poemas pódese atopar pegada dalgún deles. Eu vou iniciar a entrega con este Strangers in the nigth, relacionado con NEW YORK -oficina y denuncia-, o primeiro da VII parte, Vuelta a la ciudad, de Poeta en Nueva York.

STRANGERS IN THE NIGTH

Cada día Nova York sacrifica á deusa milleiros de pombas,
millóns de vacas e de porcos, de polos e de soños.
Cada amencer milleiros de parrulos e de pavos sen pluma xiran no carrusel das rúas,
do shoping, do restaurante chinés, do menú económico. Cada mañá, o peixe
vólvese abelorio.
O polo sen oso dentro do parrulo sen oso, dentro do pavo. Turducken,
velaí a metáfora do imperio. As cousas, cando procuran a orde, desvelan o baleiro,
e cada noite, millóns de ratas roldan os corpos dos mendigos,
dos desafiuzados. Millóns de ratas penetran nas cuncas desorbitadas pola sombra,
espantan os gatos, corricando por entre as bolsas de lixo negras e brancas
que gardan os restos dos millóns de vacas, porcos, pavos,
polos, peixes, parrulos e pombas que cada día se ofrecen en festín sen mácula.
No gume do estrés as ratas seleccionan os restos orgánicos e a memoria dos vencidos.
Escollen o aguacate,
a persea americana que chega dende o sur, empoleirada nos pómulos da besta.
Froito ou onda invencible de pel escura e de palabras.
As ratas perforan o plástico e penetran no corazón do esterco. O estrés non lles impide
escoitar o alento dos homes lixo, os pasos, o motor do camión, as voces,
o ruxe ruxe das lembranzas. Os pasos e as palabras teñen a pel escura do aguacate
e soñan en inglés, confiando na bondade do imperio que os redimirá da noite,
do infortunio das ratas, da saudade,
do sacrificio matinal do abelorio e da carne.
Yes I can, repiten. I can, I want, I like. I want, I can, I like.
Salmodia do deserto.
Os desterrados percorren as rúas convivindo co estrés,
co rillar das sombras.

2 opinións sobre “POEMAS DE NOVA YORK (I)

Os comentarios están pechados.