OSO, MAMÁ, SI?

Maria-LadoMaría Lado (Cee, 1979) vén de publicar o libro de poemas Oso, Mamá, si?, na colección de poesía de Edicións Xerais.

Hai poucas semanas, na entrada dedicada ao proxecto Apiario, falaba doutro libro de María, o conto para nenos e grandes titulado Porque Cuqui non quere ir á lavadora.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/02/24/laboratorio-apiario/

Oso, Mamá, si? é un libro fermoso que ten como referencia a maternidade. Sempre me gustou a poesía de María. Sucédelle o que dicía Lorca con respecto do duende, tense ou non se ten, e ela teno. O seu verso semella doado porque é natural. O poema flúe sen dificultade aparente, sen asperezas, sen violencia, xusto no adxectivo, rico nas imaxes, alimentado cos elementos do cotián, do máis cotián. Semella doado, pero non o é.

oso-mama-si

E hai un poema que quero de maneira particular, un que escribiu por culpa miña. No encontro de embarcacións tradicionais de Muros, do ano 2009, programamos unha iniciativa lúdica e máxica. Tratábase de facer traballar xuntos a escultores e escritores vinculados ao territorio comprendido entre Corrubedo e Fisterra, convidándoos a construír un artefacto estanco, coma un barco e capaz de flotar, que levaría dentro un texto poético e unha mensaxe xeográfica. Durante os días dos encontros, obxectos e textos estarían expostos nunha carpa e o último día, saíndo ao mar de fóra en barco, lanzaríanse ás ondas, deixándoos alí ao azar das correntes. Ela quedou emparentada con Alfonso Costa.

Gústame ver actuar a María con Lucía Aldao, nese dúo marabilloso que forman ALDAOLADO, conxugando música e verso. Emociónome cada vez que recita este poema que o mar levou e aínda non devolveu, acaso levado pola corrente cara un mundo afastado, se cadra tragado por un cetáceo ou atopado por unha serea que o le cada día, soñando ser nai:

poema perdido nunha botella

para o océano
ti eras
só un neno de fanequeiras
vermellas que a area enterraba,
un brazo fortemente prendido da miña saia morada.
teño medo dos bichos, mami, dos bichiños do mar
e con forza de xigante collíaste de tea.
só así deixabas que o mar che lambese,
sen avanzar,
as pernas,
cravados ti e eu fronte á liña pola que a tarde escapaba
mollándose o rodo da saia coas puntas do mar.
ti
…acórdaste diso? eras só un neno.
ao abrigo do monte de mallou
os dous eramos pequeniños,
conta de caramuxas,
no areal deitado
un dedo de brisa percorrendo as nosas costas
peiteando as herbas de namorar no lombo da praia.
e esas outras prantas, mami,
esas que son 
como rabiños de coello
son, si. son.
e cando se moven así
é porque os coellos están contentos
están, si. están.
lémbralo? eu escribía fronte ao mar.
estás aquí neste poema, ves?
e mamá tamén
e o mar
e os bichiños do mar?
tamén, e os rabiños de coello.
todos aquí
dentro deste poema,
construíndo un recordo deste día.
bótala ao mar, meu amor?
pero calabas, agarrado á saia que a brisa preñaba.
e… onde iremos?
onde o mar nos leve
e… habemos de volver?
pois non sabemos
e ti… estarás comigo?
ata o último verso.