BANFIELD

A tarde do sábado 4 de abril, no local da Federación de Asociacións Galegas, na rúa Chacabuco, falei sobre o O soño galego de Julio Cortázar. No remate, tomando unha cervexa nun bar fermoso de San Telmo, expresei o meu desexo de visitar Banfield, o barrio no que Cortázar viviu a infancia e a adolescencia. O noso amigo gravador Juan Sebastián Carnero, ofreceuse a me guiar, xa que el vive preto. A cita foi para o xoves, día 9 ás 10 da mañá. Eu debería chegar, tras coller un colectivo pequeno dos que chaman Combis.

Banfield plumaBanfield é unha localidade de 600.000 habitantes, que pertence ao concello de Lomas de Zamora, próximo a Lanús e a Avellaneda. Cheguei algo antes da hora. Cando me atopei con Juan Sebastián, este levoume á rúa onde estivo a casa de Cortázar e que xa non existe. No lugar hai varias placas metálica unha, de pedra outra, unha escultura con forma de pluma e un mural.

Banfield Gardel

Son moitos os murais que lembran ao escritor en Banfield, malia que só viviu alí entre o ano 1918 e 1928. Fomos logo á escola número 10, onde estudou a primaria. A escola conserva cousas interesantes, como a porta de ferro que pechaba o balado da casa, o expediente académico e fotografías, pero o edificio é recente e non está situado no mesmo lugar do anterior, onde estudou el. No solar daquel hai un edificio novo e unha cafetería que ten o nome de Cronopio.

Banfield porta e notasÍa calor, acaso 30º e moita humidade. Sentamos nunha terraza e tomamos un refresco. El contoume que antes había alí outro mural, pero que o sacaran ao facer a obra da cafetería. Preguntámoslle por el ao camareiro e este, moi nervioso, chamou polo encargado. Veu o xefe e co camareiro como espectador, porque recoñeceu que quería aprender, contounos o mal estado no que se atopaba o mural, sendo difícil a recuperación, e explicounos o proxecto que preparaban, cun busto, unha carta de menú literaria baseada na súa obra e fotografías no interior. Nesas estabamos cando da mesa do lado se nos achegou unha muller interesándose pola conversa. Resultou ser profesora dunha escola situada nos baixos de campo do club de fútbol do Club Atlético Banfield. Contounos que en xuño inaugurarán unha biblioteca que levara o nome do escritor. Ata ese día, cada semana, levarán ao centro a alguén que lles fale del aos rapaces.

Banfield Mural gato

Propúxome ir un día, pero eu asegurei que era imposible, xa que voaba o sábado. Entón dixo resolutiva: Pois veña mañá. A todo isto o encargado e o camareiro desapareceran, tras convidarnos. Rodeábannos entón a muller que se dirixira a nós en primeiro lugar e as dúas compañeiras, tamén mestras no centro, que ten por lema Crear Futuros. Resistín, pero entón pensei que sempre pasan estas cousas con Cortázar e aceptei por el e pola decisión dun club de fútbol de construir unha escola. Preguntei cantos rapaces asistirían á charla. Dixéronme que 350. Intereseime polas idades. Entre 6 e 13 anos, responderon. Pechei con elas un trato. É moi difícil manter a atención dun grupo tan grande e con idades tan diferentes, polo que lle pedín un só grupo de idade máis uniforme. Quedamos que falaría para o intervalo comprendido entre os 10 e os 13 anos. En total 150, máis ou menos.

Colexio Banfield 1

Foi unha experiencia marabillosa, da que queda lembranza nestas imaxes que eles me enviaron. Dende aquí envíolles unha aperta e un bico. As nenas e nenos falaron, preguntaron e participaron tanto, que todo resultou doado e divertido. Segundo Juan Sebastián, quedaron fascinados cando recitei versos en galego, para que escoitasen como é a música da nosa fala.

Cortázar colexio 2

Biblioteca Banfield

 

 

4 opinións sobre “BANFIELD

  1. Debeu ser unha experiencia emocionante, para ti e para eles. Como non ían quedar fascinados se lles recitabas en galego! Sorte tiveron. E ti, xa podes estar contento, que para manter a 150 rapaces e rapazas entre 10 e 13 anos atentas/os e con interese… xa debiches falar ben.

    Gústame

  2. Marabilloso camiño cortaciano fixeches! Fermosas lembranzas e supoño que ainda mais para os nenos e nenas dese colexio. Grazas pola achega. Apertas dende Bos Aires.

    Gústame

  3. Unha experiencia incrible! E moi cortazariana.150 nenos e nenas enfeitizados pola dulce lingua de Rosalía! Moi ben, Francisco, por seguires a túa intuición e aceptares a invitación. Unha vez máis Cortázar unido ós galegos.
    Saúdos porteños

    Gústame

Os comentarios están pechados.