BOS AIRES OBRADOIRO LITERARIO

Nesta ocasión a Bos Aires levoume participar no XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). Como actividades complementarias ao mesmo, unha previa e outra posterior, programouse a conferencia O soño galego de Julio Cortázar e un obradoiro de escrita en serán de xoves. As dúas cousas sucederon no edificio da Federación de Asociacións Galegas, na rúa Chacabuco, a primeira no salón Arturo Cuadrado, a segunda na Biblioteca Galega.

Como presidenta da AIEG ata o pasado día 8, Débora Campos foi a cabeza visible da organización do congreso. Na presidencia sucedeuna Carmen Mejía Ruiz, profesora titular de Filoloxía Románica da Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid. Ela e o seu equipo organizarán o XII congreso en Madrid no ano 2018.

O obradoiro foi algo case íntimo, aínda que contamos con público que se sumou sen estar inscrito e sen ánimo de traballar, pero si de escoitar. Participaron nel: Patricia Alonso, María Dolores Ferreiro, Mirta Gosende Faraldo, Claudia Amigo, Malores Villanueva, Cecilia Pastore, Claudia López Barros, María Rosa Iglesias López e Débora Campos.

Con Patricia en San Telmo

Patricia e eu coincidimos nun equívoco e presentámonos alí con hora e media de anticipación. Tivemos tempo de falar e de tomar algo no bar El Federal, no corazón de San Telmo. Nel é a primeira das fotos, tomada por un camareiro. Patricia é irmá de Rodolfo Alonso, poeta galego arxentino, a quen quero moito.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Non sei se as participantes no obradoiro aprenderon algo de min. A sensación que sempre teño é que son eu quen máis partido saca destas cousas. A min paréceme que teño pouco que dar, pero que sigo recibindo moito no intercambio de experiencias. O outro día eu percibín, unha vez máis, a importancia das raíces e do vínculo afectivo cunha referencia mitificada pero certa, que é o país de procedencia dos pais e dos avós. Puiden lembrar, tamén a frescura das propostas das escritoras que se inician; o esforzo de quen se bate coa primeira novela; tomar consciencia das dificultades que propón ou que supón a lingua. Tamén tiven ocasión de descubrir os relatos de Claudia López Barros. Xa coñecía os de María Rosa Iglesias.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Como práctica final, construimos un cadáver exquisito, non ao xeito dos surrealistas, xa que fomos procurando un poema con sentido, pero por orde e sabendo o que precedía ao verso proposto por cada quen. Todas fixeron a súa proposta, a partir de dous versos que propuxen eu. A min dáme a sensación, que non é nova, de que todo Bos Aires é un obradoiro literario. O cadáver abaneou entre a saudade e o tango, este é o resultado:

RODAR DA LÚA

Cidade aletargada
brillar de lastros no rodar da lúa
baixo o teu corazón o meu silenzo
que creba co afastado son do barco ausente.
Saudade feita brétema que nos devolve
o tango non bailado aquela noite.
Cidade estremecida, o roce dos corpos que latexan
e ti Bos Aires que mesturas
paixón, ardor, alento dos heroes
perdidos na alborada.

(A Malores debémoslle as dúas fotos do obradoiro, coa particularidade de que ela está na segunda, sentada a carón meu).

2 opinións sobre “BOS AIRES OBRADOIRO LITERARIO

  1. Graciñas, Francisco, pola túa presencia e polas túas palabras. Miña cidade, un obradoiro literario… definición dun poeta, que pode dicir máis que un tratado de mil follas… que define con dúas palabras a esencia de meu querido Bós Aires…
    Unha aperta forte e que voltes pronto!

    Gústame

Os comentarios están pechados.