RICARDO GÜIRALDES, O MALÓN E O GAUCHO

O domingo 5, tivemos ocasión de realizar unha excursión dende Bos Aires, xunto con Julio Veiga e Jorge Omar. O obxectivo era xantar na chacra de Cristina, José Luis e Francisco, respectivamente filla, xenro e neto de Julio, e irmá, cuñado e sobriño de Jorge Omar. Hai tres anos, José Luis e Francisco acordaron deixar a cidade, mercaron vinte hectáreas de terreo, ao norte de San Antonio de Areco, e iniciaron a aventura do engorde do polo e o cultivo da froita. A finca é fermosa, pequena para o que alí se leva, por iso é chacra e non facenda, pero está rodeada de árbores por dous lados e polo oeste mira a unha facenda grande, dedicada a pastos e colza. Periodicamente reciben os polos para o engorde. Sobre setenta mil de cada vez, o que supón que por alí pasan case un millón ao cabo do ano. A idea de Francisco é duplicar a produción nos vindeiros meses.

Güiraldes 3

É a súa unha vida illada, sen veciños, compartindo as horas cos catro xornaleiros contratados, tendo como referencia urbana a localidade de San Antonio de Areco, capital gauchesca do norte, segundo nos informa Jorge Omar. A vila é fermosa e a municipalidade tena moi ben coidada. Os veciños rexeitaron o modelo especulativo e as rúas sucédense e crúzanse harmónicas, tanto dende o punto de vista das alturas, como do modelo de construción. San Antonio ten sona por dúas cousas, sobre todo, por ser a capital dos traballos artesanais en prata, en particular os referidos á vida do gaucho: esporas, adobíos dos cabalos e dos sombreiros, bombillas de mate, e porque foi unha das referencias vitais do escritor Ricardo Güiraldes.

Güiraldes 4Visitamos vellas pulperías e lembrei aquela anécdota que contaba Luis Seoane de si mesmo, de que cando chegou exiliado a Buenos Aires e soubo das pulperías, alegrouse moito pensando que ía xantar polbo, que moito lle gustaba. Pero a pulpa non é polbo, cousa que aprendeu axiña. Hai en San Antonio algunha que non mudou dende que abriu ao público, quizais a finais do século XIX. Dende logo, na que nós visitamos, o tempo detívose  hai décadas e a figura do cliente, debruzada sobre o mostrador, semellaba formar parte do ser do local dende sempre.

Güiraldes 1Tamén puidemos ver a casa museo de Ricardo Güiraldes, o escritor arxentino nacido en 1886 e morto en París, en 1927, aínda novo. El participou, xunto con Borges e o algo noso Francisco Luis Bernárdez, na fundación da revista Proa.

Güiraldes foi autor de varios libros importantes, nomeadamente, Don Segundo Sombra, visión do mundo do gaucho no século XX, unha sorteRicardo Güiraldes 0 de complemento ou continuación de Martín Fierro. Porén, Güiraldes non emprega o ton reivindicativo de José Hierro. Fala el da vida gauchesca en ton evocador, intuindo o final dun tempo e dunha estirpe, salientando, iso si, o valor, a lealdade e a vida de honra dos habitantes da Pampa. Güiraldes, para escribir a novela, inspiraríase no gaucho Segundo Ramírez, ao que coñeceu persoalmente e con quen mantivo amizade. A min, os nosos amigos agasalláronme cunha fermosa edición deste texto, e aí ando enredado, en aventuras gauchescas.

O museo está situado no centro da facenda na que residía no tempo que pasaba nas pampas. A casa rodéase de foso e artillaría contra o malón, a incursión defensiva que practicaban os indios, tan semellantes ás que coñecemos polo cine do oeste.

La vuelta del malón de Ángel del Valle.

La vuelta del malón de Ángel del Valle.

Na chacra tamén hai malones contemporáneos, estes de ladróns que entran na finca para roubar. Logo dun xantar feliz, todos xuntos, baixo a sombra dun xacarandá, gozando do voo do colibrí que alí chaman pica flor, percorremoscon escopeta a propiedade ata o límite. Pero compre ir armados, non sexa o malón. Así se vive na verde riba da pampa onde os galegos soñaban un val imposible, segundo escribe Federico García Lorca no seu poema galego Cantiga do neno da tenda. Non creo que a miña sexa unha presenza marcial, que meta medo, pero decidín colaborar na patrulla do solpor.

Cruz do sur

Logo, antes de regresar, nun ceo despexado e preñado de estrelas, constelacións e nebulosas, puidemos ver a Cruz do sur, tan importante para os navegantes doutrora.