POSTAL DENDE TORROX

TorroxDende Torrox, Eva Veiga envía este poema, carta ou postal, azul que chega dende a terra do azahar e da luz ata este noso abril metido en augas. Vén como saúdo e agasallo a todos os lectores deste blog. A imaxe que vedes non acompaña o poema. Procureina en internet, pero paréceme acaída e que esta ben para ilustrar, porque hai certa relación entre ela e o que Eva conta.
Gústame moito este poema que semella inaugurar un camiño novo no seu dicir. Avanzara Eva cara unha poética núa, sen adxectivos, sen elementos superfluos, unha poética intensa, da revelación e da emoción, na que a imaxe axudaba a acadar o profundo sentido filosófico que compartía connosco.
Eva Veiga. Fotografía de Daniel Fernández Longueira

Eva Veiga. Fotografía de Daniel Fernández Longueira

Neste (Torrox) Eva, sen prescindir do esencial e sen renunciar a nada do conseguido con tantos anos de esforzo, permite que os versos narren a historia de Dulce. Nada sobra no poema desta muller que xa quere a Eva como se fose coñecemento de anos. Nada interfire o seu fluir; todo axuda a construir o ser desa peixeira coa que mantén unha relación cotián e, ao tempo, intensa. Todo avanza cara ese final sutil, enigmático e aberto, que demanda do lector complicidade, esforzo e compromiso.
Espero que o gocedes con alegría de abril, o mes no que as plantas nacen, o mes das flores, que escribiu Rosalía.
Para Chisco Fernández Naval
 (Torrox)
a muller que vende o peixe chámase Dulce
e todo o que ten que ver con ela é azul
mesmo o seu modo de saudar abre un claro
no ceo máis gris
non limpa ben a pescada e tráela para a casa
con todas as vísceras e esas espiñas exteriores
que se cravan nas mans
pero volves ao día seguinte onda ela
porque o seu home vai cada madrugada ao mar
nun barco que os turistas mañanceiros fotografían
como se fose un souvenir das súas vacacións
Dulce advírtenos que teñamos conta da carteira
porque hai moita necesidade e xa se sabe
a desesperación
a ela entráronlle varias veces no local
pero eses non buscaban para comer
Dulce sente mágoa de min porque non teño fillos
e sei que é por iso que me escolle as mellores
                                                                   ameixas
pero hoxe a muller azul estaba tan triste
que o cheiro a mar facíase denso case insoportable
alguén ousou preguntar e ao fin ela respondeu
hai dores que che esgazan a alma
a muller grosa con bolsa de rafia engadiu
a quen a ten
daquela polo rostro de Dulce deslizáronse dúas
                                                                  bágoas
que brillaban como escamas

 

 

3 opinións sobre “POSTAL DENDE TORROX

  1. Gústame o novo rumbo que toma os novos versos da nosa Eva.
    A vida cotiá que leva, mostralle o camiño dunha nova senda que xa veremos onde nos leva.
    A Dulce deslizanse as bagoas e ao ver a foto de Eva un sorriso volve a min.
    Gracias querido Chisco .

    Gústame

  2. Fermoso poema de Eva que é capaz de suscitar tantas emocións con tan poucas palabras!
    Creo que todo o que saia dela vai ter luz, todo.
    Grazas Chisco por traernos a Eva!

    Gústame

    • Grazas Vicky, grazas Malores polos vosos comentarios que espero que lea Eva. Si, Eva sempre será a luz e as súas cicatrices, pero a luz, ao cabo. Bicos.

      Gústame

Os comentarios están pechados.