PEDRERES DE S'HOSTAL: LABIRINTO LÍTHICO

O pasado vernes inaugurouse nos salóns do hotel NH de Coruña, a exposición Labirinto Líthico, que amosa as imaxes que o fotógrafo Gustavo García Roig tomou no parque das Pedreres de S’Hostal, nunha viaxe a Menorca.

Líthica 1

Non é a primeira vez que escribo aquí de Gustavo. Falei da súa exposición anterior, sobre o templo da lúa e do sol de Chanquillo, en Perú. Gustavo gusta de traballar a pedra: as texturas, as formas, as sombras. Eu coñecín tres proxectos seus, un a partir das formidables laxas do dolmen de Axeitos; a dos indios mochicas e o seu calendario e agora este, e todos teñen a pedra como denominador común.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/?s=Gustavo+Chanquillo&submit=Buscar

Como se pode apreciar nesta imaxe de Gustavo, os espazos das canteiras de S’Hostal son impresionantes:

16. Totem

Un día Gustavo faloume da posibilidade de colaborar nalgún proxecto futuro. Sabedor da súa debilidade, propúxenlle as antas da Costa da Morte, aceptou. Pero aos poucos días, citoume para me amosar unha colección de fotografías tomadas nas vellas canteiras de rocha de marés, en Menorca. A proposta era escribir sobre elas. Eu son remiso a escribir do que non coñezo e nunca estiven no parque de S’Hostal. Porén, cando fiquei só coas imaxes, advertín que había nelas algo que chamaban por min. Por unha banda estaba a posibilidade de dialogar dende a nosa cultura da pedra con outra ben diferente, como é a balear. Estaba tamén o feito de que na construción do xardín, Laetitia Sauleau, a artista que veu posibilidades de poñer en valor o patrimonio que supoñen a serie de canteiras de Menorca, e os seus colaboradores, configuraron o espazo xogando co labirinto e coa mitoloxía e a min, o asunto ese de Dédalo, Ícaro, Ariadna, Teseo e o Minotaruro sempre me interesou. Estaban, tamén, claro, as propias imaxes de Gustavo e a súa capacidade de suxerir, de sorprender, de facer soñar.

O resultado é esta exposición, coas súas imaxes, acompañadas de dezaseis poemas escritos para a ocasión. O cartel e icona da mostra é esta sombra felina que Gustavo captou nun momento do paseo, e que para el resulta simbólica, por todo o que ten de suxestión, de forza e de misterio:

10. Felina

A exposición percorrerá outros hoteis da cadea NH na nosa comunidade e é posible que nalgún momento chegue a Menorca. O texto que figura na tarxeta de invitación, é o seguinte:

PEDRERES DE S’HOSTAL: Durante séculos, os canteiros de S’Hostal sacaron das pedreiras os bloques de rocha de marés. Con eles construíron a casa, o templo, o peirao, a campa. Hoxe, por iniciativa da artista Laetitia Sauleau e os membros da Asociación Líthica, este labirinto de corredores, escaleiras, xardíns e formas, foi incorporado ao patrimonio da cidade de Menorca. O conxunto ofrece unha sucesión de espazos suxestivos, con evocacións míticas, lembranza dun oficio fundamental para a vida da comunidade. Arredor deles dialogan as imaxes de Gustavo García Roig e os textos de Francisco X. Fernández Naval. 

E estes son dous tres dos  poemas, coa súa imaxe:

POZO

Líthica 5

Os pés descalzos
dun ser perdido
achéganse, ás veces, a este pío.
Sempre é de madrugada
cando o alento do eclipse e das sombras.
El bebe e os batracios calan.
Verdello de seda na pucharca escura.
Un ser destemido e agnóstico,
unha parte animal, outra memoria,
achégase, ás veces, a este marasmo
na procura de amor.

PAZO

Líthica 3
Todos os pazos teñen recunchos de xofre,
ángulos sen palabras,
lugares sen memoria,
escaleiras que non levan a ningures,
tránsito entre cadeas e celadas.
Todos os pazos albergan a traizón e o espasmo,
a secuencia finita do poder e da gloria,
o eco da caverna,
coa súa luz
e coas súas tebras.

ARIADNA

Todos os meus fíos conducen a ti,
dende a rutina circular dos días
ata o teu corazón atormentado.
Sento nestes chanzos e entrégome
a un tecer de amor e recendo de nardos
A urdidoira dos meus soños fecunda a esperanza
alivia o temor do leme e das velas,
brancas ou negras,
do helmo e da espada,
do sangue e do espanto.
Meu irmán! meu amor!
ofrenda do meu sangue,
meu primeiro ronsel,
meu primeiro pranto.

Líthica 4

2 opinións sobre “PEDRERES DE S'HOSTAL: LABIRINTO LÍTHICO

Os comentarios están pechados.