AIRE NOVO

Antón Sobral manda hoxe un WhatsApp, no que saúda o aire novo que varre as cidades e vilas do país, que supón a posibilidade de que o PP perda as deputacións de Pontevedra e A Coruña, e augura un tempo novo para a cultura.

mareas

Debo dicir que nese ámbito só podemos mellorar. No que atinxe á cidade na que vivo, nos catro anos do goberno de Negreira, a cultura feita en galego na cidade coruñesa padeceu un intento serio por facela desaparecer. Mantivéronse, unicamente, algúns proxectos, vinculados a persoas concretas, como o caso de Poetas DI(N)VERSOS de Yolanda Castaño.

Se falo por min, debo dicir que non fun convocado a ningún acto promovido dende o concello ou deputación, agás unha participación nese proxecto de Yolanda, e unha solicitude dun texto para un libro da deputación, sobre o camiño inglés, texto encargado por unha empresa colaboradora que cobraba do organismo provincial, pero que non pagaba aos autores. Dicir, tamén, que non se respectou a lingua orixinal na que escribín o texto.

Todo o demais foi resistencia. Non son eu alguén que estea tras as axudas e apoios institucionais para escribir e manter contacto co público lector. Autoxestiono o que sei e teño, como mellor sei e como podo. Pero si creo que as institucións deben promover e proxectar a cultura que se fai no seu ámbito de responsabilidade. Eu, particularmente, sentín, nalgún momento, que había un plan premeditado de destrución da cultura propia, asociado, tamén, a un abandono da lingua á súa sorte.

E non falo só de literatura. Teatro, música, cine, tamén o padeceron. Como o padecen o sector da pesca de baixura, a construción naval, o sector lácteo e todos os que son ou foron esenciais na organización e estructura económica do país.

Saúdo pois o cambio con esperanza e ilusión, e quixera confiar en que o péndulo inevitable que son os procesos electorais, que van e veñen, dunhas opcións a outras, non supoña regresar, nunca máis, a este deserto do que vimos.