Aquí deixo o programa do Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais deste ano. Animádevos. Agardan por nós no Cabo.
Arquivo por meses: Xuño 2015
DETRÁS DEL HORIZONTE
Días atrás, dous máis tarde da poxa pola obras de Ahmad Al Hammond, tiven ocasión de presentar o libro Detrás del horizonte, de Antonio García Teijeiro, que tamén trata sobre a guerra, nunha achega intensa realizada dende os ollos e os corazóns de nenos e adolescentes.
Foi un acto entrañable, con amigos queridos que compartimos. El publicou unha entrada sobre o acontecido ese día, no seu blog Versos e aloumiños, e por se alguén se anima, aquí deixo o enlace: http://garciateijeiro.blogspot.com.es/
SENTIMENTALISMO: ANTOLOXÍA TRANSCENDENTAL
Varias persoas pregúntanme por Eva, logo da nova do seu regreso que din o día 12. Está ben e traballa en varios proxectos inmediatos, entre eles, un recital con poemas mariños, que con Fito e Bernardo, os músicos que compoñen con ela o grupo Ouriol, dará en Cabo da Cruz, o sábado 11 de xullo, dentro da programación cultural do Encontro de embarcacións tradicionais, que alí se celebrará esa fin de semana e que convocará a centos de embarcacións que, coas súas velas, navegarán o mar da Arousa. Animádevos.
Dicir que estes días saíu unha nova antoloxía sentimentalista, ese movemento creado por Xesús Manuel Valcárcel e que ten como casa a editorial Bubela. É a cuarta entrega, logo das etapas de fundación, de implantación e de expansión, chega esta denominada transcendental.
Nela participan: Carlos Arias, Xulio Cid Neira, Xabier López Marqués, Manuel Celo Matalobos, Mariña Pérez Rei, Elías Portela, Baldo Ramos, Helena Salgueiro, Xesús Manuel Valcárcel e Eva.
Mentres non nos chega Soño e vértice, o libro que mereceu o premio do concello de Carral, imos manténdonos co que temos, tamén cos versos que Eva achegou á antoloxía, dos que aquí queda unha mostra:
O BALEIRO VAI TOMANDO A FORMA
froito dunha meditación
o baleiro vai tomando a forma
para a árbore medrar
e no mesmo aire ábrese unha fiestra
para o seu perfume
e sae ao fin a lingua
coma serpe da súa cova
probar o que lle é estaño.
LAURA ANTONELLI
Faleceu, hai poucos días Laura Antonelli. Nunca cheguei a ser un seguidor incondicional das súas películas. Parecíame fermosa, cun algo inxenuo na expresión do seu rostro e un corpo que deixou utilizar, en detrimento da súa calidade como intérprete. Sempre me pareceu que era mellor actriz do que parece indicar a súa filmografía.
A min conmoveume fondamente na película El inocente (1976), a última e derradeira de Luchino Visconti, dirixida no limiar da morte, baseada na novela de Gabriele D’Annunzio, na que Laura comparte cabeceira de reparto con Giancarlo Gianni, quen nos agasalla cunha interpretación excepcional no papel de Tullio Hermil, o home de Juliana (Laura).
A escena na que Juliana, núa e deitada sobre o leito, queda en mans do marido burlado por burlón, sempre me pareceu a metáfora da fraxilidade de Laura Antonelli. A min, finalmente, o que me quedou desa historia non é a morte do neno, o inocente, senón esa imaxe dela, entre turbadora e lánguida.
A medida da capacidade de Laura Antonelli como actriz, exprésase na película de Visconti e en Malizia (1973), de Salvatore Samperi, a historia da criada que, querendo ou sen querer alimenta os soños eróticos do adolescente da casa.
Curioso o legado artístico desta actriz que foi moi querida, que quixo ser mito erótico, quizais sen se decatar de que o erotismo que pretendía, deixaba en moitos espectadores un sentimento de nostalxia e de desexo de amparo, porque o que transmitía era febleza e fraxilidade.
PREGÓN FESTAS OURENSE 2015
O sábado tiven o privilexio de ler o pregón das festas de Ourense, porque sempre é un privilexio escribir o pregón das festas do lugar onde un naceu. Procurei facelo o mellor que souben. Dediqueille horas, tanto de investigación como de redacción, implicando a algúns amigos que me axudaron na procura de información (Grazas a Tacho, a Carrión e a Xosé Manuel). A primeira versión que gardo, e que chamo expandida, levábame 22 minutos de lectura. O traballo máis difícil foi reducir, pasar lixa unha e outra vez ata conseguir situar a lectura nun formato de 14-15 minutos, variable, segundo o momento, ata os 16 minutos, que é por onde andaría no serán do sábado, pero esas son as cousas do directo.
Impresiona falar dende o palco da praza Maior. Supoño que a impresiòn sería aínda maior dende o balcón. Impresiona pola dimensión do espazo e pola cantidade de xente que pode acoller, malia que cando falei eu aínda había algunhas cadeiras baleiras, pero estaban cheas as terrazas e había moita xente de pé. O malo é que o retorno da posible simpatía, emoción ou fastío, é complicada pola distancia. Eu procuraba sentila, pero só atopaba o balbordo das voces daqueles que non tiñan ningún interese no que eu contaba. O vento do solpor xogaba cos folios e fíxome perder o fío en dúas ocasións, pero penso que non se notou. Repetira tanto a lectura nos días previos, que case sabía o texto de memoria.
Debo agradecer a presenza de amigas e amigos. Sei que algunha realizou esforzo importante para chegar e estar comigo. Tamén lle agradezo a Ana Garrido o convite que me fixo na mañá do 25 de abril.
Sorprendeume onte o andel do quiosco onde merquei os xornais. La Región e La Voz de Galicia publicaban a foto do pregoneiro e do alcalde, Jesús Vazquez, en primeira fila. No local no que entrei, había varios feixes de cada un, polo que a imaxe aparecía repetida unha morea de veces.
Ao remate do pregón actuaba a Banda de Gaitas da Carballeira e iso levou moita xente á praza. O anterior, semella crónica engolada, ególatra e egocéntrica, que non debe ocultar a realidade: escribimos, pero case ninguén nos le. Durante a semana falei con bastantes persoas que me deron instrucións ou me entrevistaron. Poucas (algunha si, claro) sabían dos meus libros. Ninguén fixo referencia a que o universo principal das miñas historias e dos meus versos é Ourense, única razón que xustificaba estar alí, polo que, poñéndome no lugar do público, sentínme como un fantasma.
Deixo agora o pregón, longo, pero igual alguén ten curiosidade.
PREGÓN FESTAS DO CORPUS. OURENSE 20 DE XUÑO DE 2015
Francisco X. Fernández Naval
Boas tardes, amigas e amigos:
Hoxe comezan as festas de Ourense, as nosas festas. Coinciden coa renovación das corporacións municipais, outro motivo de celebración, xa que festivo é o exercicio da democracia. Uns representantes deixaron os cargos e responsabilidades, e outros accederon a eles por decisión dos nosos votos. Así, considerando a saíntes e a entrantes, quero saudar a quen sendo alcalde me convidou a ser o pregoeiro deste ano: Agustín Fernández. Tamén a quen exerceu como concelleira de Educación, Cultura e Festas, Ana Garrido, quen pensou que eu podía estar hoxe aquí. E, por suposto, á nova corporación e ao seu alcalde, Jesús Vázquez. Jesús, sorte!
Pero o saúdo máis entrañable é para todos os ourensáns e visitantes, en especial para vós que nos acompañades. Grazas por virdes. Saúdo, tamén, aos integrantes da Banda de Gaitas da Carballeira, cos que comparto este acto inaugural.
Probablemente Ourense non é cidade perfecta, poucas cidades o son, pero, entre outras moitas cousas, si é cidade festeira. Precisamos pouco para argallar unha celebración. Os ourensáns gozamos co Entroido, festa profana que, se cadra, é a máis importante das festividades que vive a cidade, con moita participación e moi bo ánimo, así veña de frío ou de chuvia, e que sempre se celebrou, aínda en tempos de prohibición.
Dende neno vivín con intensidade o San Lázaro, xa que nacín, xoguei, soñei e amei á beira do Parque que leva o nome do santo. A véspera da festa baixaban as rosquilleiras dende as terras altas de Pereiro de Aguiar e de Esgos, e durmían no portal da casa. Na mañá do santo, logo da procesión, xiraban as madamitas, con moita pólvora e lume.
Os Maios é festa bonita, pero en declive, quizais por estar asociada aos ciclos da natureza e ao mundo labrego, hoxe en crise. Sendo eu rapaz gustábame mercar as coplas e cantalas. Un ano, compuxen varias para unha asociación de auxilio a discapacitados e, aínda agora, cando vou aos colexios a falar cos nenos de poesía, sempre compoñemos algunha, que logo cantamos. Velaí esta breve dedicada ao cambio político:
Aquí vén o maio
rabudo e rosmón
o maio da copla
o maio fungón.
Votamos alcaldes
e corporacións,
tivemos sorpresas
e expectación.
Marchou o PSOE
gañou o PP
que os novos que chegan
entren con bo pé…
Lembro, sendo neno, o serán do día dos Remedios, no campo que foi lugar de feira e desafío; arredor da ermida e a beira da Ponte, con polbo, carne ao caldeiro, e lámpadas de cores alumeando a noite de verán.
Como festa de outono temos os Magostos, a miña preferida: castañas, viño novo, chourizos; o rostro pintado con tizón. En 1980, convidáronme a facer o pregón do Magosto daquel ano. Escribino e entregueino con anticipación. A lectura sería o 11 de novembro, festivo, ás 12,00 h. O día veu de moita chuvia. Eu achegueime aquí, ao Concello, pensando que sería este o lugar da lectura, pero o edificio estaba pechado e non atopei a ninguén. Dixéranme día e hora, pero non onde. Daquela non había teléfonos móbiles. Resultou que o magosto oficial era no Campo da Feira e eu non aparecín. Leuno por min o concelleiro de festas. Ao día seguinte, La Región anunciaba a publicación de “el pregón que el pregonero no leyó”. A crónica non me deixaba en bo lugar. Eu sentinme moi avergoñado e decidín que nunca máis sería pregoeiro. Ata hoxe.
Cando Ana Garrido me propuxo escribir o pregón deste ano, díxenlle que non. Pero logo considerei que é bo exorcizar e esconxurar as experiencias negativas. Trátase, ademais, das festas do Corpus, coas que tanto gocei de neno e de adolescente. Elas marcaban o final do curso escolar e o inicio da vacación. Tres meses por diante para xogar nas interminables e ilimitadas tardes de verán.
O Corpus ourensán é festa antiga. Cítase nun documento de 1437. Nel repítese varias veces a expresión “segundo o acostumado”, que nos fai pensar que xa se celebraba antes. 600 anos de tradición. O momento principal da festa relixiosa era a procesión, de moita devoción e con gran rivalidade entre as confrarías, que elaboraban complexos cadros escénicos, a xeito de autos sacramentais, con danzas de espadas e música. Sabemos da confraría dos carniceiros, co seu touro; a de San Miguel, cos seus oficios; a de Santa Eufemia, ou dos zapateiros, que paseaba unha coca como a de Redondela, á que tamén chamaban coquetriz. A confraría de San Sebastián con xogos, e logo as de Santa María Nai e a do Corpo Santo, con cirios e oficios. A procesión era unha mostra de teatro festivo e de rúa, que conxugaba todas as artes: decorados, imaxinería relixiosa, música, danza, coreografías, interpretación, literatura e, tamén, aspectos relacionados coa percepción sensible: os aromas de cirios e de incenso, o recender das flores, os adornos de rúas e balcóns.
No Corpus de 1506 cruzaron o Miño pola Ponte Vella os reis de Castela: dona Juana, a quen dicían “La Loca”, e seu home, Felipe alcumado “El Hermoso”. Navegaran dende o norte de Europa, desembarcaran na Coruña e fixeran camiño por Betanzos e Compostela. Viñan con grande profusión de pompas e fanfarrias; fálase dun séquito de 536 cortesáns, vasalos e serventes, e dunha hoste de 2000 infantes, vestidos de veludo e ferro, naqueles días de calor. Sería, tamén a súa, unha composición teatral, que congregaría a curiosidade dos ourensáns. Nos cinco días de festa que pasaron aquí, os soldados beberon o bon viño de Ouréns, que dicía o Rei Sabio. Beberon como “tudescos”, segundo Otero Pedrayo. Por certo, era Otero quen imaxinaba a festa do Corpus cun sol loiro escintilando na cruz dourada, nos cotos areosos, nas viñas enxoitas.
No Corpus sempre foi tradicional o teatro. Ata o século XVIII, cada ano contratábanse as mellores compañías de España e Portugal, cómicos da legua que viñan coa encarga de representar unha peza relixiosa na catedral, e outra profana, na Praza Maior, esta costeada polos gremios e polo concello, e que debía repetirse dous ou tres días.
No ano 1979, un grupo de mozas e mozos, procedentes da literatura, da pintura, da música, da artesanía, da educación, creamos o proxecto teatral Rúa Viva. A nosa vontade era vincular a actividade dramática coa recuperación da tradición teatral do noso Corpus. A intención era interpretar no escenario e na rúa, inspirándonos naqueles espectáculos capaces de encher a catedral e a cidade de representación e festa.
Durante séculos celebración relixiosa e profana conviven, sempre arredor dese xoves que é un dos tres do ano que locen máis co sol. Pero chega un momento no que o carácter lúdico da festa profana, molesta ás autoridades relixiosas, en particular os bailes. Vén, daquela, o cambio de data. Será o concello quen dispón trasladar as festas á última decena de xuño, pero é o bispado quen propón a necesidade de separar as celebracións. Isto sucede en 1956, sendo bispo Ángel Temiño, aínda que hai quen di que a decisión foi tomada polo seu predecesor, Blanco Nájera. Resulta curioso comprobar que a razón que o concello dá para o cambio de data, é o exceso de chuvia nos primeiros días de xuño. En 1958, o xornal El Pueblo Gallego, na páxina dedicada a Ourense, publica un artigo titulado “Lluvia de Corpus”, no que lemos: “Durante años, el mal tiempo aguó muchas fiestas y restó brillantez a números del programa preparados con afán y entusiasmo para lograr su lucimiento. En este sentido es muy loable recordar que el Ayuntamiento aprovechando una coyuntura oportuna haya establecido un cambio de fechas y ahora las tradicionales de Orense se celebren en la última decena de junio y la primera de julio. Hay al menos una mayor seriedad en el tiempo, y el marco da una mayor garantía a los números del programa que por costosos, vistosos y espectaculares, deseamos que satisfagan por su brillantez y atracción”. A coxuntura oportuna sería a protesta dos bispos Nájera ou Temiño, pero o que resulta simpático é o da seriedade do tempo.
Anos máis tarde, cando Manuel Rego Nieto asume a presidencia da Comisión de Festas, o primeiro que fai é solicitar unha entrevista co bispo Temiño para pedirlle que festa relixiosa e profana coincidan de novo. Discutiron, sen chegar a acordo. Na despedida Rego Nieto ameazou: “Señor Obispo, no me ha convencido. Actuaré en conciencia. Haré lo que considere más conveniente”. O máis conveniente estableceuno a súa muller, no xantar dese día, aconsellándolle que deixase pasar ese primeiro ano e que xa vería no seguinte. Festa profana e relixiosa nunca máis coincidiron.
Eu gardo entrañables lembranzas das festas do Corpus. Quizais a primeira é a de asistir a unha representación de monicreques, na praza de San Marcial. Daquela viña sempre a compañía de Maese Villarejo, co seu heroe, Gorgorito e a canción: Te, te, te chocolate y café… que cantabamos sentados no chan, á sombra dos plátanos, acompañados polo escorregar da auga da fonte.
Sempre me impresionaron os xigantes, de rostro impenetrable e distantes na súa altura; e os cabezudos, coas súas cabezas tan grandes e os brazos e mans tan pequenos.
Dos bailes do Posío, coñecidos coa rimbombante denominación de “Gran asalto baile”, gardo memoria porque todos os anos había unha noite na que miña irmá e eu non durmiamos na casa. Pais e tíos saían de verbena e nos quedabamos ao coidado da avoa en Oira. O de Gran asalto sería polo costume popular de saltar o enreixado do Xardín e colarse sen pagar.
Sendo nós de Oira, había unha atracción que nos era principal: o descenso do río en piragua, que remataba entre Oira e Velle, e que iamos ver dende a estrada de Barra de Miño.
Pero sempre, a referencia central das festas foi a Batalla de Flores. Canta ansiedade agardando o desfile das carrozas, coas nenas e mozas vestidas de princesas e empoleiradas nas figuras, mantendo a batalla de cintas e confeti cos espectadores, en particular cos nenos situados en primeira fila. As rúas quedaban logo cubertas de papel de cores, que se mantiñan nas fendas e pregues dos lastros ata que os levaban a manga rega ou o escorrer das treboadas. Meu pai sentía orgullo de ter participado un ano na elaboración dunha das carrozas premiadas. Un eco afastado, un borroso recordo, dime que era unha alegoría de flamencos, de Federico Alonso, un dos grandes carrocistas ourensáns.
A Batalla de Flores evolucionou, segundo nós medrabamos, e a entrada na adolescencia coincidiu coa chegada das Majorettes de Montpellier. A nós, os rapaces de entón, a chegada daquelas mozas que desfilaban desinhibidas e alegres, descubriunos a existencia doutros mundos e doutros costumes ben diferentes aos limitados e escuros nos que viviamos. Eran como brancas camelias, como flores de lis, poderíamos dicir, invocando a Álvaro Cunqueiro.
Outro acontecemento festeiro das nosas vidas foi o Festival do Miño, que tivo dúas denominacións: Festival Hispano Portugués de la Canción del Miño e Festival del Miño, Canción del mundo celta.
O festival quixo relacionar Ourense co mundo: primeiro con Portugal, con pre-festivais en Braga e Guimaraes, para seleccionar os representantes portugueses; e logo cos países do mundo celta. Hai que contar que no ano 1968, a bandeira galega ondeou oficialmente coas dos outros países celtas, o que chamou a atención do gobernador civil, que esixiu explicacións. Dixéronlle que todos os países celtas presentes no festival, saudaban coa súa bandeira e que Galicia, sendo celta e tendo bandeira, tamén debía saudar. A explicación deixouno satisfeito.
Máis alá das polémicas, o festival deixou cancións que formaron parte de nós, como “Mi tierra gallega”, popularizada polos Tamara ou “Miña Maruxiña”, que deu a coñecer a Xil Ríos. En 1967 gañou “Lazos azules y rosas” composta por un descoñecido Víctor Manuel, e Los Mismos foron canción do verán con “Una vez” en 1969.
Neses anos tamén había rally; vivimos a Mostra de Cine, antecedente do OFF actual e organizada polo Cine Club Padre Feijoo. Vimos a posta de largo da compañía teatral Histrión 70 e cantamos coa Coral de Ruada.
Leo o programa das festas deste ano e observo que hai cousas que se encadran na tradición: o descenso do río en piragua; o festival internacional de canción popular; teatro de rúa, microteatro e teatro lido. Hai xogos, cine, concertos con música de fado, bandas de rock, flamenco, soul, country, tradicional galega… Fogos de artificio, deporte, ilusión. Novidades para min son a danza e as feiras: cultural, histórica, gastronómica e medieval. Pero advirto que este ano tampouco hai Batalla de Flores. Supoño que haberá razóns para prescindir dun número que se iniciou en 1906. Pero eu non podo deixar de sentir unha certa saudade, lembrando as tardes de inquietude, de papeliños entre o pelo e arredor do pescozo, e de fantásticos universos de papel de seda e de cartón, que daban vida ás alegorías das carrozas, segundo Enrique Bande vinculadas cos andares portugueses e as fallas valencianas. A vida é o que ten, vai cambiando as cousas.
Hoxe, na aldea global, todas as festas se asemellan. A min paréceme que, sen renunciar a traer as mellores atraccións do mundo que poidamos pagar, está ben afondar na esencia do que somos e que a programación responda á nosa identidade, vocación que me parece apreciar na deste ano. Isto xa o pedían Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro e Carlos Casares nos textos que escribiron para os programas dos anos 1971 e 1973. Por certo, recomendáronme vivamente o concerto de Daniel Minimalia desta noite.
Os que andamos por aí sabemos que hai un xeito particular de ser, que é ser de Ourense. A canción di que os nacidos en Ourense levan no peito un luceiro. Forges publicou unha vez unha viñeta na que se vían a dous personaxes deses barbados e coa roupa raída, que se arrastran polo deserto cara unha palmeira, e un deles, entre nostálxico e emocionado, exclama: Meu Ourense! Ese é o noso ser, a luz que non se apaga.
Somos dun solar vello e antigo ao tempo; cidade perdurable de fontes e vapores, lugar de paso, pero tamén de vida e de esperas. Somos de tardes de licor café, de bica, de contar, da adega, de interpretar o mundo coa palabra fértil das terras do viño. O bo viño das palabras.
Somos do soño, das calores do estío, da esmorga e da ruada, do canto comunal, do humor e do sorriso, da alegría de compartir, do baile. Somos de festa porque somos de Ourense.
Cando as festas coinciden cun santo, e costume invocar o seu nome nos vivas cos que conclúe o pregón. Agora as nosas, aínda sendo do Corpus, chegan polo San Xoán, pero non é cousa de berrar o seu nome. Non tendo pois posibilidade de facer invocación, sagrada ou pagán, os berros que propoño dar convosco, serán estes:
VIVAN AS NOSAS FESTAS!
VIVA OURENSE!
E QUE SOEN AS GAITAS!
BAZAR DE TRAIDORES, ELÍAS PORTELA
Teño para min que Elías Portela entre nós, Elía Knörr en Islandia, onde vive, é autor dunha poesía ben singular e interesante, susceptible de variadas interpretacións, e que agocha nos seus pregues interiores un tesouro ou un misterio que o lector debe tentar descubrir. Sucedía iso con O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, e sucede co libro que presentou estes días pasados, Bazar de traidores, co que gañou a XII edición do premio Afundación 2014, publicado polo Centro PEN Galicia, na colección Arte de Trobar que dirixe Luís González Tosar.
Quizais algunhas das claves para interpretar os versos, estean nos poemas escritos en latín e que fan referencia a espiritos, sombras, medos, serpes, alimañas, violencia. E tamén na canción Heathen Lyrics (Poemas paganos), de David Bowie que, fragmentada, abre cada un dos capítulos do libro. E non é gratuito que sexa de David Bowie quen figura como cita mútiple, porque hai algo na ambigüidade do actor e cantante que Elías comparte, unha ambigüidade e un misterio procurados, que envolven poemas e personalidade, e que son incorporados ao libro.
El proclama que quixo facer neste libro “poesía do mal”. Considera que hai no libro algo satánico, unha advertencia sobre a natureza do fascismo, que alenta entre nós e tamén dos perigos que entraña este ceo prometido polo sistema que nos goberna, pero que en realidade, nos destrúe.
Nese sentido, gústame ler as referencias que fai á demencia nuclear e á nube atómica coas que convivimos, porque este, que foi tema de tanta transcencia entre os anos 60 e 80 do século pasado, semella que desapareceu da actualidade. Fálase pouco disto, pero o risco segue estando aí, co perigo que entraña, co inventario de catástrofes, coa imposibilidade de transformar o lixo nuclear en materia inerte.
Hai mundos compartidos con O mariñeiro con cabalos…, está o mar, o barco onde o home pesca, o peixe, as baleas, unha sexualidade que neste novo libro maniféstase de maneira máis explícita e salvaxe, máis provocadora.
Eu tiven o privilexio de recitar con Elías en Reikiavik e gocei co seu espectáculo verbal e musical. Verbal porque emprega a lingua, as linguas, como recurso, mesturándoas e conseguindo efectos únicos; musical porque normalmente canta e canta ben, sendo el o compositor das músicas que fan dos seus poemas canción.
A Bazar de traidores, título bastante explícito, pertencen estes versos:
os faros íspense de noite
e camiñan polas rochas
con calzado de prostituta
veñan náufragos
ou veñan
ilusións percebeiras
o amor será violento
exacular en morse cara os barcos
porque súan ateigados de bocas
e masculinidade sen porto
estoupará a beleza civilizada
baterá nas carnes
unha explosión demográfica
fumegarán polo seu sexo
fungos elegantes
de inseminación atómica
expandirase o protocolo industrial
cun uniforme de fertilidade
desmembrada a casa
a túa terra sabe amarga
e non descansarei
non me fundirei
non soñarei
ata que me fodas na tumba
cinco segundos antes de chegar ao terrorismo
existe un orgasmo
INFORMACIÓN ESCULTURA LEIRO
Amigo Fogueteiro, velaí vai unha explicación recollida por La Voz de Galicia, sobre a escultura de Leiro.
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/06/17/2779621.shtml
Pregunteille tamén a Celestino Poza, el dime o seguinte: Pois non teño nin idea……..a escultura enorme, semellaba un corte de mangas……..polo que ante as moitas cancelacións e trifulcas que houbo nunha época…parecía que aena-iberia se cachondeaban da xente…iso dicían algúns….non sei.
Creo que entre as dúas respostas permiten unha composición de lugar. Si é certo que a escultura segue no aeroporto. Eu non o lembrei o outro día, pero agora si, está na porta 1.
A fonte bibliográfica da hemeroteca, debémoslla a Inma Doval.
EVA REGRESA
Regresa Eva Veiga, sequera por un tempo e, como anticipo, como ese vento ou brisa que antecede ao día, ou ese sopro de aire que se propaga dende o cuarto verso, manda este poema que pertence ao libro Soño e vértice, premio concello de Carral deste ano e, polo tanto, aínda inédito. Un agasallo para a fin de semana.
na beira do río a garza
os seus ollos fixos
flúen vertixinosamente
propágase como un sopro de aire
o seu tempo de espera
a penas sentimos o roce
do que se nos oculta
mais sabemos
que alcanzamos ao cabo
o fío da ruína
a presa
de ambos lados foxe
cara ao fondo
LEONARDO PADURA
O xurado do premio Princesa de Asturias de literatura, acordou onte concederlle o galardón, na edición deste ano, ao escritor cubano, nacido na Habana, Leonardo Padura. Competía Leonardo con outros candidatos, entre os que estaba Adonis, tan querido destas páxinas.
Calquera que fose o designado, entre os escollidos, sería bo, pero nos tempos que corren, instalados na dialéctica do terror, da confrontación, dos conceptos grosos, na falta de matices, na guerra como única opción, Adonis non só supón unha escolla literaria extraordinaria, senón que, ademais, permite tender pontes entre dous mundos cada vez máis afastados.
Porén, celebro a designación de Leonardo, creador do detective Mario Conde. Tamén esta é escolla vinculada a procesos políticos, como o é esa nova relación de Cuba co mundo capitalista. A primeira novela de Padura na que aparece o detective, -que a min moito me lembra a Pepe Carbalho, de Vázquez Montalbán-, é de 1991, coincidindo co esplendor e ocaso do banqueiro.
Deixo aquí este artigo, publicado onte mesmo pola axencia Sputnik e que eu recollo da edición de hoxe do diario dixital El Público, artigo que me parece lúcido e que expresa moi ben o que significa escribir unha novela. Vén moi a conto aquí, ademais, por esa referencia final que fai pensar na galeguidade da lectora cega Guadalupe Iglesias, e que expresa a familiaridade con que nos acolle e trata Leonardo.
LEONARDO PADURA
Premio Princesa de Asturias de las Letras 2015
Hemingway, que a lo largo de su vida dijo tantas tonterías que se han hecho célebres (como aquella historia del editor del Toronto Star que lanzaba máquinas de escribir por la ventana del periódico), también expresó algunas de las grandes verdades del oficio de escritor, sin haberse propuesto nunca (afortunadamente) teorizar sobre el arte de la escritura, sino más bien sobre la experiencia del trabajo con las palabras y las historias.
Fue el autor de El viejo y el mar quien advirtió con mayor claridad del peligro que representa para el novelista, en un determinado momento de su carrera, depender del oficio periodístico, tan absorbente y devorador. Fue también quien comparó la novela con un iceberg, que apenas muestra una octava parte de su volumen, pero que debe sostenerse sobre las otras siete que están sumergidas. Y resulto ser Hemingway quien formuló, con similar certeza, una de las más dramáticas realidades del trabajo del novelista, cuando aseguró que en la medida en que el estudio de trabajo pueden garantizar la satisfacción de esa necesidad. Fuera escritor avanza en su labor a lo largo del tiempo, se va quedando solo. Y no por una maldición intrínseca a su tarea, sino por una necesidad: la soledad es indispensable para el trabajo del novelista, y debe buscarla u olvidarse de lo que pretende ser.
García Márquez, que solía acuñar también este tipo de frases rotundas, aunque con la levedad y la gracia de un hombre del Caribe, decía al respecto que el mejor lugar para vivir un escritor es un burdel: fiesta en la noche y silencio sepulcral en las mañanas. O lo que es lo mismo: distracción sin compromiso y soledad para el trabajo.Cuando se escribe una novela las exigencias de concentración del escritor deben alcanzar sus máximos niveles, y únicamente la soledad del estudio deben quedar muchas de las atracciones o distracciones del mundo, sin que eso signifique que el individuo que escribe novelas deba ser un anacoreta (como lo fue Onetti durante años), pues de su contacto con su realidad surge o puede surgir una parte de su alimento literario.
En el mundo contemporáneo tal imperativo del oficio de novelista es cada vez más difícil de obtener. Los compromisos promocionales y sociales, las exigencias económicas y las peticiones personales ocupan un tiempo precioso aunque a la vez necesario para una labor que se inicia en el estudio de trabajo pero que se materializa en la librería a la que llega un lector y, entre cientos, miles de ofertas que abarrotan los estantes, decide comprar un libro determinado… ¿Cómo se llega a ese lector? ¿Quién es ese lector?
Las presentaciones de libros en ferias y diversos tipos de eventos promocionales suelen colocar al escritor necesitado de soledad en un escenario donde forma parte de un espectáculo indispensable, pues si no promueve y vende sus libros, difícilmente podrá aspirar a un poco de soledad para escribir, pues tendrá que gastarse y desgastarse en otras labores de las cuales arañar el sustento. Pero esos eventos públicos suelen tener una importante gratificación –al menos así lo asumo yo-: el encuentro personal con el lector, esa posibilidad de ponerle rostro y voz a ese ser difuso y múltiple para el que, en definitiva, uno se encierra durante horas, a lo largo de meses y años, para escribir la novela que, así lo espera, será leída por… ese lector que se acerca y nos pide una firma o algo más.
Cuando ese ente casi abstracto e imprescindible que es lector se materializa e individualiza frente al escritor y le elogia su trabajo, todas las semanas y meses de soledad a que ha debido someterse el escritor cobran su mejor y más amable sentido… Pero cuando ese lector, apenas dichas las primeras palabras se convierte en alguien singular (por lo que dice como lector, por lo que es como persona, por lo que representa como individuo) entonces se abre un mundo de conexiones y posibilidades a los que nunca, en la soledad del estudio de trabajo, pensó llegar al escritor.
Algo así es lo que me ha ocurrido recientemente en Madrid cuando en una presentación de mis libros se me acercó una señora, ciega, y me dijo que era una gran admiradora de mis libros y que mi novela Herejes había sido la última selección del club de lectores ciegos al que pertenece. De inmediato supe que Guadalupe Iglesias no era un lector más, deseoso de un breve diálogo con un escritor, sino alguien especial… que resultó ser muy especial.
De aquel breve encuentro con Guadalupe, surgió un compromiso: asistir a una tertulia con el Club de Lectura del grupo Retina Madrid (que forma parte de la Fundación Retina España) compuesto por personas afectadas por diversas afectaciones de la retina que les provocan ceguera parcial o total, como es el caso de Guadalupe.
Pocas veces en mi vida de escritor –que se va haciendo larga, mientras pierdo pelo y se me oxidan las rodillas- he tenido un encuentro tan cálido y cercano como el que, en medio de decenas de compromisos y trabajos, al fin efectué con este club de lectores en el restaurante madrileño Rías Baixas. Pocas veces he conversado con lectores tan ávidos y apasionados, que han hecho de la literatura una de las formas de comunicarse con un mundo a cuyo acceso se han visto limitados por la pérdida parcial o total de la visión… Pero, sobre todo, pocas veces he estado con gentes con tantos deseos de vivir y de encontrar la plenitud del disfrute de la belleza del mundo como entre estas personas ciegas que leen libros, asisten a cines y museos, viajan por el mundo pues no se han dejado derrotar por la adversidad de un terrible padecimiento.
Si alguna vez he sentido que la soledad de mi trabajo, las dudas desgarradoras del proceso de creación, los temores de todo tipo que anteceden y preceden a mis partos literarios han tenido algún sentido, una invaluable recompensa, ocurrió en esa noche, en un restaurante gallego, con un grupo de lectores ciegos, voraces y suspicaces, que para completar el ensalmo de una noche definitivamente mágica, casi literaria, efectuaron la ceremonia de la queimada del aguardiente, con el tradicional pronunciamiento del conjuro de las brujas… hecho por una Guadalupe Iglesias vital e invencible, vestida de meiga (bruja) gallega para celebrar y brindar por la vida y por los libros.
XAVIER BLANCO NA FESTA DOS MUÍÑOS
O sábado pasado os veciños de Caldebarcos celebraron esa romaría íntima á que nos convocan cada ano, chegado xuño. O espazo da romaría chama a esa intimidade á que me refiro, entre os muíños por eles restaurados, algúns con data do século XVIII, á beira do rego de Amil, tamén denominado Caldeirón, que baixa dende as cumes do Pindo ou Pedregal (advírtase da querencia da xente da contorna por duplicar os nomes) a se xuntar co Vadebois (que ten o mesmo significado que Oxford, vaia isto por diante, por aquilo do diálogo intercultural). O fondo do escenario son os cumios do monte recortados contra o ceo.
Como cada ano, acudimos a compartir ese momento entrañable, con tanta xente querida. A condución do programa, sempre ameno, en representación da Asociación Xurde Caldebarcos e da Mancomunidade de Montes, foi cousa de César Cambeiro e de Belén Campos (ou da Crega), clásica parella da festa, que quizais un día veremos nunha televisión, conducindo o programa de despedida de ano e as badaladas.
É costume amenizar o día con actuacións, individuais ou colectivas nun programa que abrangue a tarde toda. Ás veces anímanse os espontáneos, outras suben ao escenario as agrupacións das parroquias e concellos dos arredores. Nunca falta un desafío regueifeiro e moita música. Tamén este ano cantou María de Fetós, que é a nosa devoción, coa súa voz que aínda resiste, malia os anos, e a súa pandeireta.
Este ano o nivel do programa foi moi alto. Por alí pasaron Moncho do Orzán con varios amigos de Cántigas da Terra, que moi ben cantaron. As pandereiteiras de Mazaricos; pandereiteiras de Corcubión: sección adulta, Millo Verde, na foto; sección menuda: As Xaviñanas.
Pero a grande sorpresa, por espectacular, foi descubrir a Xavier Blanco e os seus instrumentos pobres. Xavier é veciño de Moaña, concello no que exerce de técnico en cultura tradicional. Na Escola de Música Tradicional que hai no concello, desenvolve unha actividade incesante na salvagarda da memoria daqueles que non tiñan cartos para pagarse instrumentos musicais, e que aprenderon a facer música co que tiñan: unha basoira, unha fouce e un testo; unha tella; unha peneira; un muíño de café, unha leiteira.
A súa actuación foi unha regalía, algo formidable que moitos nos admirou e nos fixo gozar, tanto polo que lle escoitamos tocar, como polo que nos contou. Tamén polo que nos fixo cantar, que moito coro armamos coas súas cantigas. Eu escoitei, por vez primeira, como soa a gaita de cana. Unha descuberta que quero compartir. Aquí vos deixo este vídeo no que podedes apreciar as súas habilidades.