MAN, POR FIN

Foi o venres pola tarde en Camelle. Por fin o esforzo de tantos deu froito e unha parte da obra de Man xa está exposta e a disposición da xente de Camelle e dos visitantes que, se xa ían por alí, sen máis que ver que a desfeita do que foi, agora teñen un alicente máis e este, positivo.

Man 1

O alcalde de Camariñas, Manuel Valenciano, coñecido popularmente como Pichurri, contou que el coñeceu ao Man de traxe, o primeiro que chegou a ese lugar extremo, antes de se despoxar de todo, de se converter en crebeiro, e de facer do seu corpo un elemento máis do Land Art que practicou. Agradeceu, sobre todo, a constancia de Antón Sobral, que ano tras ano, cada 28 de decembro, foi quen de manter vivo o espírito do Alemán e, por suposto, o agradecemento para Carmen Hermo, alma deste proxecto e todo o equipo que xuntou arredor: Jesús Calvo, Víctor Hermo e Andrea Serodio, quen catalogou todo o material. Carmen agradeceu, tamén, a implicación do concelleiro Juan Carlos Canosa.

Man 3

O primeiro paso está dado. A memoria de Man, máis alá das pegadas do seu corpo sobre o formigón do espolón, perdura. Faltan cousas por facer, porque Man foi constante na súa interacción artística co medio e son moitas as posibilidades de aumentar o patrimonio a partir do seu legado, pero nada sería posible sen esta primeira acción que abriu as portas o venres e que nos pon en relación con el.

Nas vitrinas, de deseño fantástico, que aproveitan ao extremo o poucoMan 2 espazo dispoñible, podemos observar: cadernos dos que nos daba aos visitantes para que lle debuxaramos unha forma; tamén os de artista nos que el traballaba os seus deseños; están os libros que lía, coas súa anotacións; as botellas de plástico que quentaba e estiraba  para xogar coas formas e logo decoralas; as ousamentas animais que atopaba e sobre as que tamén actuaba; fotografías, obxectos personais, autorretratos… e un vídeo formidable, en 3D, que amosa o que foi o seu xardín e a caseta onde vivía.

Man 4

Grazas a Antón, a Carmen, e a todos os que con eles colaboraron e, tamén, a Juan Carlos e Pichurri, por crer neste proxecto.

(Pido perdón polas imaxes, malas a rabiar. Son miñas, obtidas co móbil).

Advertisement

2 opinións sobre “MAN, POR FIN

  1. O museo está moi ben, encantoume. O gran traballo. E as imaxes, toda a razón, malas, malas, ha, ha… Pero bueno, a verdade que con tanta xente, pouca luz e o mobil era ben complicado facer algo mellor.

    Gústame

    • As fotos son malas, pero sen premeditación. Non era doado… moita xente, os cristais reflectindo a luz dos focos, o meu móbil e o meu ollo, todo en contra. Pido perdón a Carmen e aos demais por esa reportaxe desastrosa.

      Gústame

Os comentarios están pechados.