ASÍ CHOVE EN BARRANQUILLA

Barranquilla non ten recollida de augas pluviais, así que cando chove, aínda que sexa pouco, o efecto é este que vedes nestes dous vídeos. Nun podedes ver como a riada leva a unha rapaza de 16 anos, que apareceu afogada dous días despois. Noutro como leva un taxi e, tamén, como a nena pasa por diante de quen filma. O taxista sobreviviu.

Ese mediodía eu ía en coche, un todo terreo. Era impresionante conducir contra a corrente. Non sei como chegamos ao destino, supoño que grazas á pericia de Julio, o chofer, que soubo procurar os lugares onde a corrente era menor.

Están iniciando a construción de recollida de augas de chuvia, en base a un proxecto elaborado por unha empresa xaponesa, pero mentres…

Regreso mañá e chego o xoves, a partir de entón prometo crónicas menos dramáticas, pero non sei se máis interesantes, unhas serán poéticas, outras turísticas, tamén haberá políticas e sociais. Creo que serán interesantes.

Advertisement

BARRANQUILLA

Xa en Colombia, en Barranquilla, logo de 25 horas de viaxe e tres avions. O festival de poesia empeza o martes pola tarde. Hoxe tocou descanso, na praia de Porto Colombia, peirao tan importante noutrora e que hoxe non existe, pero iso contareino no regreso. O rio Magdalena baixa navegable, con abundancia de auga e corrente, e nelas, os materiais da selva. Hoxe descubrin un almacen de crebas tropicais fantasticas. Esta e a proba. Vedes que van sen acentos as silabas que as requiren, pero son cousas dos teclados.

Creba Barranquilla

Marabillosamente acollido por Carolina Zamudio, a miña amiga poeta, por Gustavo, o home, por Rocio e Delfina.

CAM00896

AZZURRO

Xa estoy en Barranquilla. Luz, calor, azul. Non sei se escribirei moito a partir de hoxe. O meu compromiso é procurar que si, a ver se vai unha cumbia. Pero por se non teño ocasión ou por se me entra unha preguiza caribeña, desas de deixarse ir na hora da calor e de cantar pola noite, quero compartir, antes de marchar, esta canción de Adriano Celentano, que a min sempre me alegra o corazón, por todas, por todos, convosco sempre…

PoeMaRío en Barranquilla

Faltan tres días para viaxar a Barranquilla. Vou convidado a participar no VIII Festival internacional de poesía en el Caribe, denominado PoeMaRío.

Atopareime alí con outros 40 autores, procedentes de moitos países: Bolivia, Venezuela, Uruguay, Arxentina, México, Suecia, Rumanía, Cuba, Ecuador e tamén, claro, con moitos poetas colombianos. Esta é a ficha que fixeron comigo:

Foto barranquilla

O festival, un río e mar de palabras, durará cinco días. Eu participo en catro recitais e creo que libro o venres 24. Compartirei recital en dúas ocasións coa miña amiga Carolina Zamudio. Este é o programa:

http://www.clena.org/actualidad/programacion-poemario2015.HTML

A ver se consigo contar algo de como me van as cousas e de como vexo aquilo. Apertas.

BARCOS EN CABO DA CRUZ

Todos as indicacións que un vai atopando no camiño, sinalan Cabo de Cruz, malia que os veciños da parroquia insisten en que de ser, o nome sería Cabo da Cruz. Alí, nese recuncho fermoso da Arousa, esta fin de semana celebrouse o XII Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais, que cada dous anos organiza a Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial, sempre coa colaboración dunha entidade local. Este ano a candidatura presentouna a Asociación da Gamela de Cabo da Cruz.

Barco navegando

Os Encontros, cada ano, son unha emoción, con tantas embarcacións convocadas, que chegan de lugares distantes, coas tripulacións, animosas, divertidas, falando as súas linguas, coas súas prosodias e as súas músicas.

Barcos entrando

Pasamos alí dous días de calor, pero moi felices, rodeados de amigos, compartindo tantas emocións: alí estaban Xerardo Triñanes, Elvira, Eva e Laura, esa familia que sempre nos acolle; Vica, Xaquín, Pepe e o resto dos membros da Asociación da Gamela; Alberto e Pitusa do concello de Boiro; vin a Anxo Angueira, a Xosé Iglesias e María, a Lucía Aldado e María Lado, a Eva Veiga, Fito Ares, Bernardo Martínez e Alfonso Costa, aos amigos de Esteiro. Para os obradoiros de arte e natureza para nenos, chegaron Antón Sobral, Carmen Hermo e Jesús. Tamén, con eles, Perla, Marga e Álvaro. O venres, de madrugada, escoitando a Treixadura, tiven unha longa conversa con Antón Riveiro Coello arredor das novelas. Tamén se achegaron os amigos queridos Tacho e Rosario, dende Corrubedo.

Barco fe en deus

Coma sempre, acudiu Uxío, da Illa, amigo, animoso e divertido; tamén Lino Lema. Vin a Carlos e á xente de Lira que navegou na xeiteira de Canle ou que paseou. Un encontro moi emotivo, logo de tantos anos, foi o de nos atopar con Carmen Isabel, a oleira de Buño, que tiña posto de venda entre as carpas de artesanía. Outro foi o de recuperar o contacto con Santiago Veloso, un dos impulsores, a través de Ponte nas ondas, da candidatura da cultura inmaterial galega como Patrimonio da Humanidade.

Navegamos no Laberco, o barco de Xerardo, malia que el, logo dun accidente no estaleiro o día anterior ao inicio do Econtro, non puido navegar connosco, pero si o fixo Laura, a súa filla pequena, que patroneou moi ben.

Coma sempre, a emoción das velas, os nomes dos barcos, os xantares e ceas compartidos na carpa mariñeira.

Coma sempre, a alegría do mar, dos pailebotes brancos, das velas acendidas, dos mastros, dos ronseis, do galipote.

CAM00884Esta embarcación que vedes arriba, é a Esperanza e Liberdade, que ten a súa historia que conto brevemente. Responde ao modelo particular de gamela de Cabo da Cruz e que foi moi tradicional nesta parte da Arousa, tripulada sempre por un mariñeiro. Esta podería ser a historia:

“Chámome Esperanza, por non ser Liberdade, palabra temida e prohibida. Chámome vida, que esa foi sempre a miña relación cos mariñeiros deste litoral da Arousa chamado Cabo da Cruz”. Así podería contar ela a súa propia biografía, que é sabido que o nome que Francisco Outeiral lle quería era o de Liberdade, pero non era esa palabra ben vista naqueles días de ditadura e senrazón, polo que, non se sabe se inocente ou retranqueiro, propuxo que na folla de inscripción e no bautizo constara a outra palabra que axudaba a vivir nos días grises: Esperanza.

Os amigos da gamela de Cabo de Cruz, herdeiros da vella Esperanza, construiron unha replica, esa da imaxe, á que puxeron Esperanza e Liberdade.

Cartel

Consérvase unha fotografía na que se observa a Francisco Outeiral navegando a súa Esperanza. Esa é a imaxe que forma parte do cartel do Encontro, en arranxo fotográfico feito por Maribel Longueira. É breve a escuma causada nas ondas pola proa e leve o ronsel, que o navegar da gamela semella unha caricia. Vai el no barco de proa, gobernando o leme co aceno dos grandes pilotos do mar dos que fala a literatura. Quizais os aires teñen con el a mesma consideración que con San Patricio, preguntándolle con cal deles quere encher hoxe a súa vela, ou acaso aquí, neste mar, non é necesaria tanta consideración, que estos ventos, que levaron ata Padrón a barca de pedra, saben a cal deles prefire cada pau e cada vela.

MODESTO FRAGA E A VACA DE FISTERRA

Ten razón Modesto Fraga (Fisterra 1974), escritor e libreiro, no comentario que fai á entrada sobre a Vaca de Fisterra, publicada por min aquí o día 2 de xullo. Seguro que é el quen máis ten escrito sobre a Vaca, á que tamén chama Berrón. Del son as primeiras chamadas de atención sobre a desaparición dese patrimonio. Eu coñecía os seus poemas sobre ela, pero no momento en que escribín o artigo, levado polo inmediato destes soportes dixitais, non os lembrei. Por iso, en desagravio, pero tamén por xustiza e en agradecemento polo comentario enviado, deixo aquí dous poemas, un publicado no libro Mar de ausencias (1988) e outro en Derrotas con raíces (2007). En Mar de ausencias, que percorre a xeografía de Fisterra e penetra no corazón do seu ser, son moitos os poemas que me emocionan. Cando fixen a recolleita para elaborar esa recompilación titulada Tamén navegar, que acollía boa parte dos textos poéticos galegos que fan referencia ás embarcacións tradicionais e á carpintería de ribeira, incluín, dese libro, o fermoso Xeiteiros do sur.

Hoxe el e Alba rexeitan a fermosa e activa libraría A lus do candil, en Arteixo, onde xa acudín en varias ocasións, a primeira coa novela que dá título a esta bitácora:

Con Modesto presentando A noite branca

Con Modesto presentando A noite branca

Velaí pois o anunciado, desde Mar de ausencias (1998), o poema O Berrón:

Tan sequera
ese berro
de eterno
promontorio

alcanzase
a soñarnos
co seu eco

cando unha noite azul
anuncie
a fin do mundo!

O outro, de Derrotas con raíces, titúlase Do Xeito:

De costas ao Berrón

coa negra branca néboa a lle cubrir os ollos

Vaca anuncia ausencias

vendavais enganosos de oito a nove

voraz fatalidade

repetida nos ósos

desde o Cabo da Nasa ao Gavoteiro

entre os cantís de Rostro e Mar de Fóra

ducias de voces orfas

ecoan a estribor

enxaugados silencios na rompente

 

 

OXI

Produce noxo ler as declaracións de moitos políticos que nos gobernan, así como editoriais e artigos de opinión nos xornais que lles son próximos, acusando a Tsipras de populista pola convocatoria do referéndum do domingo.

centauros

Populista non é a decisión de Feijoo, agora que se achegan citas electorais importantes, de encarar o problema dos desafiuzamentos. Se pode agora, non podía hai catro anos? De toda a inxustiza, a dor, toda a morte causada neste tempo, sen tomar medidas, quen é o responsable? Porque se é posible enfrontar o problema hoxe, incluso lexislar, tamén o sería entón e se vende a medida de agora como xusta, está claro que as de antes eran inxustas, aínda poñendo á policía nacional, autonómica e local ao servizo da inxustiza. O de antes sería criminalidade, non sei se terrorismo, empregando a expresión de Varoufakis. O de agora é populismo, hipocrisía e cinismo. Alégrome polos que se poidan beneficiar da medida, pero sufro polos que a padeceron.

Algo semellante acontece coa medida de Rajoy de baixar o IRPF a tres ou catro meses das eleccións. O que máis noxo dá é a evidencia da estimación que ten dos cidadáns, burros detrás da cenoria. Debe pensar que todos son coma el.

Hipocrisía tamén a de todos os líderes de Europa. Cameron vén de gañar unha campaña electoral levando como unha promesa principal o referéndum preguntando sobre a permanencia ou saída da UE. Que opina Azar sobre iso? e o vicecanciller alemán?. Se o referéndum vai adiante, que van dicir?

peliónEn fin. Eu alégrome dese Oxi, ese non berrado ben alto. No ano 1985, fixen a primeira viaxe con Maribel. O destino era o seu soño, Grecia. Tres semanas. Tivemos a sorte de poder negociar algo hoxe imposible, creo: unha semana en Atenas, dividida en cinco días ao principio de dous ao final e o resto libre. Viaxamos en todos os medios de transporte: bus, tren, avión, barco, alugamos coche. Fixemos o habitual, Delfos, Micenas, Argos, as Meteoras, bañámonos nas praias, mercamos uvas aos nas aldeas. Gardo unha imaxe que nunca esquecerei de saír das Termópilas e enfrontar a chaira de Tesalia cuberta de algodón. Tamén chegamos á península de Pelión, onde os centauros educaron a Aquiles, personaxe que a min non me cae nada ben. Pasamos noite no Pireo, nun cuarto alugado nun local que pola tarde non tiña prendida a luz vermella. Viaxamos polas illas, ata que fixemos parada en Thira ouThira 2 Santorini, onde chegamos de madrugada, sorprendidos pola escuridade que rodeaba o porto, sen saber que por detrás estaba o altísimo cantil que quedou logo da explosión volcánica que afundiu media illa. Alí, na capital, alugamos un cuarto e non foi ata o último día que descubrimos que o propietario ou encargado, un home de trinta anos, axexaba as nosas tardes e noites por un burato da parede.

Foi unha viaxe fermosa, quizais a máis fermosa da miña vida. Non regresamos, acaso por non traizoar a emoción. Eu gardo lembranza dun pobo extraordinariamente acolledor, sempre disposto a axudar, a responder preguntas e satisfacer demandas. Nunha terraza da praza Sintagma, o cociñeiro sabía falar galego, porque navegara en barcos de Baiona. Eu pregunteille de que Baiona falaba, se da galega ou da francesa, e el dixo: Baiona a Real!. Repetimos, porque era un luxo falar galego alí e porque cociñaba moi ben o peixe.

meteoras

Escoitaba o outro día a unha xornalista dicir que o domingo o valor foi dos gregos e o beneficio de todos os habitantes de Europa. Espero que sexa así. Tamén a nosa débeda é cousa de temer, no primeiro trimestre deste ano incrementouse en 12.335 millón se euros. Debemos 1.046.192 millóns, que non sei moi ben como se le. Quizais tamén nós precisemos reclamar a quita.

Micenas

As razóns están dadas e de todos deberían ser coñecidas. Mentres asistimos á negociación que pode abrir camiño para a nosa situación, na medida do posible, meu corazón, este blog e todo o que eu poida achegar, estará con eles.

TOLERANCIA, INDULXENCIA, HUMANIDADE

A José Saramago non lle gustaba a palabra “tolerancia” empregada cos exiliados e emigrantes, procedentes de países árabes e africanos, que petan de seguido nas portas de Europa. Propoñía como alternativa, a palabra “igualancia”.

Saramago. El País

Estou conforme con el no refirido á tolerancia. Esa palabra leva implícitos os conceptos de superioridade e de desigualdade. Tolero aínda que me moleste. Tolera o amo, o policía, o mal mestre. Tolera sempre quen non comparte. Pero tampouco non me gusta a proposta alterantiva: igualancia.

FerlosioLeo estes días o libro de Rafael Sánchez Ferlosio, Campos de retamas (pecios reunidos), no que Ferlosio (que ama, recupera e sanda a linguaxe tan manipulada e mancillada) recolle textos breves, uns escritos xa nese formato e outros procedentes dos naufraxios de textos máis longos, velaí a explicación do subtítulo: pecios reunidos.

Nun deses textos leo: Tolerancia no, como si cualquier credo fuese bueno dentro de sí mismo, sino todo lo más indulgencia, porque lo que sí es seguro, cuando menos, es que todos los credos son malos por fuera de sí mismos. 

Aínda que el a refire aos credos, pensei, nun primeiro momento, que indulxencia podía ser a palabra alternativa a tolerancia, pero logo decateime de que tampouco, ao cabo, nin se trata de perdoar culpas, nin de conceder grazas, senón de comprender e de admitir aquilo que xa escribiu Rosalía de Castro no poema da Habana, de Follas Novas: Toda a terra é dos homes! (e das mulleres, engadiríamos hoxe). Daquela, cal é a palabra que definiría unha actitude humana, solidaria e aberta cos que foxen da fame, da persecución e da guerra?

Non sei se é imprescindible unha palabra, abondaría, quizais, con humanidade, principio e actitude que leva implícita a comprensión e o respecto e tamén debería incluír a xustiza e a liberdade sobre as que Saramago semella reflexionar na primeira das imaxes, tomada do xornal El País, pero que aparece libre na rede.

A VACA DE FISTERRA

Hai algúns anos, en Lira, un día de borraxeira mesta, decateime de que non se escoitaba o son característico que sempre percorría o mar, en situacións meteorolóxicas semellantes. Non soaba a vaca de Fisterra, a vaca ou as vacas, que eran dúas as instaladas en 1889. En principio pensei que se trataba dun fallo mecánico e que axiña o repararían. Logo, Alexandre Nerium, tras me explicar que os altofalantes eran de pel, contaríame que decidiran non restauralos. Agora, Xosé Iglesias dime que implantaron un sistema de control e aviso tecnoloxicamente avanzado, que cumpre a función que antes executaba o sinal sonoro.

Vacas-de-FisterraPero creo que a Vaca de Fisterra era algo máis ca un sinal marítimo para días de néboa e borraxeira. As xentes da contorna, vintecinco millas cara o norte e cara o sur, aprenderon a convivir con el e puxéronlle nome. Incorporouse á literatura e á tradición oral e pasou a formar parte do patrimonio inmaterial, o máis sensible dos patrimonios, o que está en situación de perigo maior de desaparición xa que, ao cabo, trátase dunha realidade invisible, non tanxible, neste mundo no que todo necesita o certificado de existencia modelo Santo Tomás. O meu poema Borraxeira, incluído en Mar de Lira, empeza así: Berro de alén mar/ así e o bruar da luz da fin da terra/ cando a constancia da brétema absorve o espertar do día… Pero hai textos de Marilar Aleixandre e de Miro Villar, que lembre agora.

Desaparece unha cántiga, un refrán, un topónimo e non nos preocupa, sen nos decatar de que iso que perdemos é o verdadeiro ADN dunha colectividade, xunto coa lingua, que tamén é patrimonio inmaterial.

Dende hai tempo veño alertando sobre a necesidade de reclamar que as Vacas braden de novo. Agora atopei en Xosé Iglesias, poeta e mariñeiro de todos os mares, un compañeiro que pensa coma min. El, ademais, xa elaborou material reivindicativo, neste vídeo poema que aquí deixo e que é ben fermoso.

Iremos dando novas das iniciativas que desenvolveremos neste novo movemento que ben podería ter por nome. QUE MEDRE O MAR E QUE BRADE A VACA.

PAÍS SERIO

Gustaríame saber a que se refería Mariano o luns pasado, cando dixo que España non é Grecia, que este é un país serio. Referíase á Semana Santa? Ás preferentes e os preferentistas, entre os que estivo miña nai? A sutil intelixencia do seu partido gobernante, inventor dun habilidoso e ben serio sistema de fraude? Aos preferentistas non, non caben na súa cabeza de persoa normal e decente, que así se refería aos seus e a si mesmo, nos debates con Zapatero, aqueles debates que xa son historia antiga da televisión.

Quizais ao dicir país serio, Mariano falaba das touradas, en particular as de Pontevedra, con certo arrecendo a habano e celulosa. As touradas son serias sempre ás cinco da tarde, xa o escribiu Lorca, á hora na que soa o clarín. Por certo, Lorca, nese poema de homenaxe a Ignacio Sánchez Mejías, anticipou o efecto da lei mordaza naquel verso: “en las esquinas grupos de silencio”.

mafaldaLevo tempo querendo baixar deste vagón no que viaxo, guiado por maquinistas nos que non confío, seguindo o trazado dunha vía que non sei quen deseñou, cara un horizonte que non albisco, pero que nada ten que ver coa esperanza individudal e coa utopía colectiva coas que sempre soñei.

A cor imposta dende a seria sociedade tipo Mariano, é un gris de chumbo, que responde a un modelo teórico e non utópico, na idea expresada por Goethe de que toda teoría é gris; modelo e ton que se van conformando arredor das teorías do FMI, do Banco Central Europeo e da Comisión, pero non só, porque tamén emana de despachos inaccesibles, dende mesas de consellos de administración, dende as babas de especuladores e usureiros; deseños que poñen en práctica os democráticos gobernos nacionais que xogan o serio papel de lexislar (hoxe sabemos que Pérez Renovales regresa ao banco dos Botín, logo de trazar boa parte da lexislación, sobre todo económica, elaborada polo partido que goberna o país serio. Regresa con ascenso feliz, por eficaz).

Goethe. Cor

Volvendo a Goethe, acaso a utopía sexa a vida que el identificaba coa cor verde das árbores douradas. Estes días valoro a posibilidade de me facer papista e franciscano, pero non sei se iso é compatible co meu pasado de alumno nun colexio de curas.

(A segunda imaxe pertence ao museo Goethe de Düsseldorf, que tiven a sorte de visitar hai anos. Está na sala Weimer, que recolle os seus experimentos científicos, en particular, os estudos sobre a cor).