TOLERANCIA, INDULXENCIA, HUMANIDADE

A José Saramago non lle gustaba a palabra “tolerancia” empregada cos exiliados e emigrantes, procedentes de países árabes e africanos, que petan de seguido nas portas de Europa. Propoñía como alternativa, a palabra “igualancia”.

Saramago. El País

Estou conforme con el no refirido á tolerancia. Esa palabra leva implícitos os conceptos de superioridade e de desigualdade. Tolero aínda que me moleste. Tolera o amo, o policía, o mal mestre. Tolera sempre quen non comparte. Pero tampouco non me gusta a proposta alterantiva: igualancia.

FerlosioLeo estes días o libro de Rafael Sánchez Ferlosio, Campos de retamas (pecios reunidos), no que Ferlosio (que ama, recupera e sanda a linguaxe tan manipulada e mancillada) recolle textos breves, uns escritos xa nese formato e outros procedentes dos naufraxios de textos máis longos, velaí a explicación do subtítulo: pecios reunidos.

Nun deses textos leo: Tolerancia no, como si cualquier credo fuese bueno dentro de sí mismo, sino todo lo más indulgencia, porque lo que sí es seguro, cuando menos, es que todos los credos son malos por fuera de sí mismos. 

Aínda que el a refire aos credos, pensei, nun primeiro momento, que indulxencia podía ser a palabra alternativa a tolerancia, pero logo decateime de que tampouco, ao cabo, nin se trata de perdoar culpas, nin de conceder grazas, senón de comprender e de admitir aquilo que xa escribiu Rosalía de Castro no poema da Habana, de Follas Novas: Toda a terra é dos homes! (e das mulleres, engadiríamos hoxe). Daquela, cal é a palabra que definiría unha actitude humana, solidaria e aberta cos que foxen da fame, da persecución e da guerra?

Non sei se é imprescindible unha palabra, abondaría, quizais, con humanidade, principio e actitude que leva implícita a comprensión e o respecto e tamén debería incluír a xustiza e a liberdade sobre as que Saramago semella reflexionar na primeira das imaxes, tomada do xornal El País, pero que aparece libre na rede.

6 opinións sobre “TOLERANCIA, INDULXENCIA, HUMANIDADE

  1. É que a cousa é que non hai unha palabra soa para as diversas actitudes. Hai actitude de tolerancia e hai actitude de simpatía, de cordialidade, de fraternidade, de indiferenza, de intolerancia… (intolerancia enténdese mellor que tolerancia, eh?)… non pode haber unha soa palabra, depende da actitude. Pero si se busca unha, como horizonte a alcanzar, quizáis hospitalidade, aínda que presume dunha propiedade sobre unha porción de terra moi discutible. Dende logo humanidade non, porque a intolerancia é tan humana como a tolerancia. Humanidade non pode ser como se adoita dicir unha palabra positiva, non pode ser honradamente sinónimo de boa… Iso, se se quere unha soa palabra: sexamos bos.

    Gústame

    • Quizais levas razón, pero entendía eu humanidade no sentido de especie, de sentido de pertenza igual a unha comunidade universal, e da actitude que diso se desprendería, estaba en relación co verso de Rosalía. Quizais o expresei mal.

      Gústame

      • Non, eu penso que o expresaches ben, segundo o sentido do verso de Rosalía e de tantos outros versos e prosas. Pero é un sentido moi discutible. Porque parece evidente que so somos un caso máis de cousa. Unha cousa máis entre as outras cousas. Non debatía contigo, se non co sentido habitual que se lle da algunhas palabras. A dúbida que late no teu comentario é do máis bo, do que eu chamo bo.

        Gústame

      • Pretendía eu algo exento,a priori, de valor moral, algo capaz de abranguer e acoller, sen matices. Ferlosio di da simpatía: “La simpatía es una variante risueña, afectada aduladora, impúdica, agresiva y lela de la mala educación”. Fraternidade si, moi próxima ao sentido que quería darlle eu a humanidade. Hai algo anterior ao intelectual, ao cognitivo, ao moral, nas especies. Cando un animal lambe a ferida de outro, non engade valor moral ao seu acto, actúa por animalidade, por especie, porque é así, algo anterior a calquera valor intelectual. Iso buscaba eu, porque penso que só iso pode ser o que nos salve, o que os salve.

        Gústame

      • Ja, ja, ja! Non sei en que contexto di o que di Ferlosio acerca da simpatía, lido así, aillado, non deixa de ser unha boutade. Pero eu non prentendía propoñer simpatía como termo que sustitua a tolerancia, nin fraternidade. Se non que digo que as veces se actúa por simpatía e outras por outra cousa. Humanidade e especie son termos especialmente intelectuais, cultos. E o bo: lamer unha ferida, alimentarse ben, xogar, e bo sen ser necesariamente algo moral. Pero non sei como axudar ao que necesita axuda pode liberarse dun lado moral.

        Gústame

      • No libro que menciono no artigo, Ferlosio escribe ese parágrafo autónomo sobre a simpatía, non sei se el o descontextualizaría dalgún texto, pero aí aparece así, quizais boutade, pero el nolo di así. Claro que é difícil liberarse en todo dun lado moral, pero está o dereito natural: lamber a ferida, xogar, alimentarse ben, non matar… aí é onde quería situar eu o outro e sen empregar a palabra axuda, que tamén ten trampa.

        Gústame

Os comentarios están pechados.