CARTAGENA DE INDIAS

Aquí de novo, disposto a compartir algunhas das emocións e descubertas da viaxe a Colombia. A invitación de participar no VIII Festival de poesía POEMARÍO de Barranquilla foi consecuencia da participación do Festival de Nova York, en outubro do ano pasado. Dúas foron as invitacións que xurdiron entón: Barranquilla e Guayaquil. Aos dous non podía ir, así que optei por visitar Colombia, onde nunca estivera antes, pero ademais estaba o afecto da poeta arxentina residente en Puerto Colombia, Carolina Zamudio, que me ofrecía a súa casa para hospedaxe, o que me permitiu compartir os días coas súas fillas Rocío e Delfina e con Gustavo, seu home.

Cartagena 8

Non me coincidiu nos mellores días. Marchei preocupado, con angustia polas situacións que aquí deixaba, pero debo dicir que non me arrepinto, porque a experiencia foi fermosa.

Cartagena 1A miña intención é ir contando aos poucos, porque crónica hai. Logo de descansar o primeiro día, con baño na praia e na piscina (dese día son as imaxes das crebas da entrada do 20 de xullo), ao día seguinte, festa nacional, fomos a Cartagena de Indias. Acompañáronme e amosáronme parte da cidade. Era día de calor e en varias ocasións tivemos que atopar refuxio de bebida e sombra. Eu quedei a durmir. Reservei un cuarto no barrio de Getsemaní, fóra do núcleo monumental e histórico, pero dentro das murallas exteriores. No seu tempo, foi o barrio onde vivían os escravos. Hoxe traballan nunha rehabilitación lenta, pero que pretende poñelo en valor, sen causar a marcha dos actuais moradores. Porén, cando cheguei ao hotel, estaba todo ocupado e cambiáronme o cuarto por outro nun local no centro do recinto histórico, á beira da casa de Gabriel García Márquez. O novo local tiña por nome Abril, tan importante para min.

Cartagfna 2

Paseando Cartagena, polo día e pola noite, lembrei as iniciativas de Martiño Noriega e Ada Colau, con respecto ao turismo, porque o núcleo histórico da cidade, tan fermoso, coa súa muralla, a badía interior e o océano, non deixa de ser un parque temático. Agás turistas, pouca xente vive nel. Hai unha parte nova da cidade que medra seguindo o modelo Miami.

Cartagena 3

O domingo, antes de marchar Carolina, Gustavo, Rocío e Delfina, paramos no bar situado sobre a muralla. Chovía sobre nós un chuvasco cálido e tropical que non nos asustou, por detrás, sobre a cidade, o arco da vella, por diante, sobre o mar, unha fermosísima posta de sol. Antes, con eles visitamos o museo histórico e da inquisición. O guía levaba un anel con esmeralda en cada dedo e outra no pescozo, home anuncio, porque teñen moita sona alí as esmeraldas. Porén eu merquei guayaveras para Daniel e para min e unha camisa para Maribel.

Cartagena 6

Pola  noite, na  muralla a xente facía música e bailaba. Pola mañá, paseando o perímetro completo da muralla, tiven ocasión de asistir á chegada dos barcos do peixe e ao reparto do quiñón, entre garzas e pelícanos.

Esa tarde regresei A Puerto Colombia nun microbús. Ás sete e media presentábase, como acto prefestival, un libro e un documental sobre o edificio Humboldt. Nos vindeiros días irei facendo crónica do festival, antes haberá que reflexionar sobre esta cuestión, sabendo que falta o viño, claro:

Cartagena 7