PUERTO COLOMBIA

O porto de Barranquilla foi Puerto Colombia, e digo foi, porque xa non é. A finais do século XIX e principios do XX, era un porto principal nas rutas oceánicas. Nel tiñan escala os buques que dende A Coruña e Vigo facían a travesía da emigración: A Habana, Puerto Colombia, Bos Aires, Montevideo. O modelo era o de Bristol e Southampton, en Inglaterra. Un peirao que entraba no mar, cunha construción lonxe da costa, que servía de aduana e alfándega, deseñado polo enxeñeiro cubano, Francisco Javier Cisneros, e inaugurado en 1888. Dende el, por tren, accedían ao corazón de Colombia pasaxeiros e mercadorías. Foi o segundo peirao máis longo do mundo.

p c 1

Barranquilla, segundo din, foi fundada por unhas vacas. Sucedeu que durante unha seca enorme, as vacas dunha facenda atoparon auga nunha das canles do delta do río Magdalena e aí acordaron fundar a cidade. Iso estivo ben, pero o río, un dos grandes de América, medraba coas enchentes e causaba problemas, polo que acordaron recoller as augas do delta, polas dúas ribeiras, en canles de formigón, evitando así que se espallasen e enviándoas lonxe, dentro do mar.

p c 2

Pero o porto estaba protexido por unha illa, e as correntadas provocadas polas canles de formigón fixérona desaparecer. Sen ela, o peirao sufriu o castigo do mar. Hai pouco derrubáronse 200 metros. Agora aparece partido en tres anacos.

pc 4

A localidade é ruidosa, moita música caribeña e bares con cuberta de cana á beira do mar. Nun local situado na praza principal, recitamos versos o sábado 25 de xullo. A miñas imaxes foron tomadas antes do recital, no solpor e nun contraluz que non souben evitar.

p c 6Esta escultura de peixes e de seres do mar, é o centro da praza de Porto Colombia.

 

Unha opinión sobre “PUERTO COLOMBIA

  1. Que ben que nos vas contando todas estas curiosidades sobre Colombia e os seus lugares. Moi interesante, xa case é coma se estiveramos alí, bueno, polo menos ganas de ir si que hai. Grazas polas crónicas.

    Gústame

Os comentarios están pechados.