PEDRO BLAS. POETA NEGRO DE CARTAGENA DE INDIAS

Unha das cousas singulares e fermosas que me aconteceron durante o festival de Barranquilla, foi escoitar recitar e cantar a Pedro Blas Julio Romero, o poeta negro de Cartagena de Indias. Foi na casa de Carolina, quen xa me falara del o primeiro día, significando a súa capacidade para introducir léxico africano e do seu barrio de Getsemaní nos poemas. A noite do noso encontro, faláronlle a el de como recitaba eu o poema Borraxeira, do libro Mar de Lira, cos seus ecos e a súa música e Miguel Iriarte, director do festival, pediume que ao día seguinte, no recital de clausura, repetise ese poema que xa lera na inauguración, esta vez dedicándollo ao poeta negro Pedro Blas, o Babalú de Cartagena. Fíxeno e cando rematei xuntámonos para sempre nunha aperta.

Estes días, Soria, o Ministro de Industria, di que a decisión de Ada Colau de dedicar un ano a reflexionar sobre o futuro do casco histórico de Barcelona é un erro, porque espanta importantes investidores estranxeiros e os investidores é o principal. O principal non é a xente, nunca é a xente. Aquí Pedro Blas narra o proceso de transformación da súa cidade Cartagena de Indias, de como foi entregada ao turismo, de como lle roubaron as velas ao seu barrio de Getsemaní, de como lle cercaron con arame a tarde a nenos e nais. Cartagena non existe, di, está en mans de outros.

Pedro Blas, por cincuenta dólares, amosa a súa cidade, entre versos e lembranzas. Guía único e singular, que é quen de contar a historia de cada recuncho, de cada lastro, de cada sombra. Se alguén quere, algún día, podo facilitar o contacto.

No seguinte vídeo, podedes apreciar unha mostra do seu recitado, non é en Barranquilla, senón no festival de Medellín. Que o gocedes.