DESPRAZADOS

Crisis Siria 1Sometidos a conflitos étnicos, relixiosos e territoriais; coa vida supeditada a intereses económicos alleos, os desprazados foxen do labirinto de morte de Medio Oriente procurando refuxio. Os que vemos estes días desembarcando en Grecia, cruzando Macedonia e Serbia, retidos en Hungría, chegando a Austria e Alemaña, non son todos os que poderían ser ou os que aínda serán. Digamos que son todos os que están, pero non están todos os que son. Sei de familias que non poden escapar das localidades nas que viven, ocupadas polo estado islámico, coas vías de comunicación bombardeadas polos drons de occidente, que non discriminan, só matan. Son persoas procedentes de Paquistán, Afganistán, Irak e Siria. Pero tamén podían vir de Gaza e Cisjordania ou de Libia.

Aquí, neste blog, sabiamos do que sucedía porque vivimos o éxodo da familia de Ahmad al Hammoud, o pintor amigo de Ali Ali. Dicía cando fixemos a poxa das súas obras, para enviarlle cartos ao campo de refuxiados en Turquía, que non podíamos personalizar a traxedia nunha soa familia, pero que, ao tempo, non podíamos rexeitar aquela oportunidade que tiñamos de axudar, poñendo rostro á traxedia. Poñer rostro, iso aconteceu agora coa morte de Aylan na praia turca, pequena creba abandonada.

Escoito a radio, leo os xornais, vexo a televisión. Entrevistan a persoas desprazadas,  moitas mulleres que falan en inglés, máis ou menos coma min, algúns homes. Todos repiten o mesmo: en canto remate a guerra quixeramos regresar. Ali Ali estes días, entrevistado por numerosos medios de comunicación, definía a situación no seu país como de terror. El sempre di que ninguén deixa a casa e parte da familia se non é por unha razón poderosa. Diso, nós, si sabemos.

Crisis Siria 2

Regresar. Que lonxe está aínda ese momento. Porén, acaso invocando esa palabra, REGRESO, acurtamos a espera. Quizais repetíndoa somos quen de acoutar os intereses que provocan a guerra e o exilio.

Na películo Espartaco de Stanley Kubrick, o personaxe de Antoninus, interpretado por Tony Curtis, recita un poema que fala do regreso. Na versión da  película que vin tantas veces sendo novo, non aparece esa escena na que Kubrick detén a historia da epopea dos escravos, introducindo un relanzo poético na acción. A ditadura prohibiuna. O momento é intenso dende o punto de vista emocional, e supoño que os censores tiveron medo a que se interpretase como un canto do exilio e a que a xente saíse dos cines recitando o poema (por certo, tamén na película había traficantes, eran os fenicios, que cobraban dos escravos libres o prezo do seu traslado ao leste, para logo deixalos en terra, a mercé dos romanos). Na versión completa da cinta que se pode ver hoxe, Antoninus recita os seus versos. Eu souben de escena e de poema por César Antonio Molina, quen recolle texto e contexto no libro Vivir sin ser visto, publicado no ano 2000. Isto é o que recita Antoninus, as mesmas palabras que, seguramente, traen prendidas nun lugar do corazón os desprazados destes días:

Cando o sol abrasador alumea o ceo de occidente
Cando o vento morre nas montañas
Cando o canto da laverca apenas se escoita
Cando as cigarras deixan de cantar nos campos
E a escuma do mar dorme coma unha doncela en repouso
E o solpor doura a contorna da terra errante
Eu regreso ao fogar
A través das sombras azuis e dos bosques vermellos
Eu regreso ao fogar
Volvo á terra que me viu nacer
Coa nai que me levou no ventre
E o pai que me educou
Hai moito tempo, moito tempo, moito tempo
Agora estou só e perdido nun mundo errante e afastado
Pero cando o sol abrasador empeza a se ocultar
Cando o vento morre e a escuma do mar dorme
E o solpor doura xa os campos
Eu retorno ao fogar
Cando o sol alumea o ceo de occidente.
Advertisement

3 opinións sobre “DESPRAZADOS

  1. Encantoume o post, fermosisimo. E tes toda a razón, non están todos os que son. Sendo a condición de refuxiado terrible, non podo nin imaxinar como debe ser a de non selo, a vida das mulleres, homes e nenxs que alí quedan e non poden fuxir do terror, despertar do pesadelo que os afoga.

    Gústame

    • Ola Inma. Onte estiven con Ali Ali. Contoume que a semana pasada, en Damasco, un obús matou a un sobriño e un curmán. A súa irmá non o sabe aínda, non llo queren dicir e o pai de Ali Ali, coa perda, sufriu un infarto. Non se sabe de quen era o obús, se do exército de Al Asada, se do Estado Islámico, dos kurdos, do que resta da oposición democrática, se dos tanques rusos ou dos drons americanos. Caeu e matou. Iso foi todo. Vainos convocar por ver de organizar algo, un festival ou algo semellante para procurar medios cos que axudar, pero non ten claro a quen, se aos que veñan aquí ou aos que quedan alá. Díxenlle que facer está ben, pero que o primeiro que debemos ter claro é o obxectivo, saber porqué e para quen facemos.

      Gústame

      • É terrible. Das intervencións do outro día en V, gustoume a de Murado, penso que Ali non a entendeu e malinterpretou. Foi el quen realmente dixo qeu xa estabamos a intervir no conflito: armándoos, preparándoos, aliándonos primeiro con Al Asada, despois poñéndonos na súa contra e armando ao EI… Agora todo iso explode, mata mies de persoas, despraza millóns e tamén lle rebota a Europa e a USA, que agora teñen “un problema”. E como se soluciona? Cando poerán voltar todos a súa casa?, quen vai quedar no país despois de fuxir moitos e morrer o resto? Que vai ser do pobo sirio?. Estou dacordo contigo, podemos organizar algo, tendo claros os obxectivos e o enfoque que lle imos dar. Bico

        Gústame

Os comentarios están pechados.