POEMA DE OUTUBRO (Continuación)

Case co mes, remato o poema de Dylan Thomas iniciado onte. As imaxes seguen sendo de Maribel Longueira, tomadas naquela viaxe a Laugharne.

 

Dylan Thomas 5

Chuvia pálida sobre o porto que se esvaecía
E sobre a ermida tamaño caracol mollada polo mar
Os seus cornos na néboa e o castelo
Pardo como a curuxa
Pero todos os xardíns
De primavera e de verán florecían nos contos fantásticos
Máis alá dos confíns e baixo a densa nube de lavercas.
Alí puiden vivir marabillado
O meu aniversario
Máis o tempo cambiou en redondo.
Volveuse fóra do alegre país 
E a través doutro aire e o alterado azul do ceo
Precipitouse de novo unha marabilla de verán
Con mazás
Peras e grosellas vermellas
E eu vin claramente no cambio as esquecidas mañás dun neno camiñando coa súa nai
Por entre as parábolas
Da luz do sol
E as lendas das ermidas verdes
E as dúas veces narrados campos da infancia
Que as súas bágoas queimaban as miñas  meixelas e o seu corazón latexaba no
meu.
Estes eran os bosques o río e o mar
Onde o rapaz
No atento
Verán dos mortos murmuraba a verdade da súa alegría
Ás árbores e ás pedras e ao peixe da marea.
E o misterio
Cantaba vivo
Aínda na auga e paxaros cantores. 
E alí puiden eu vivir marabillado o meu aniversario
Máis o tempo cambiou en redondo. E a pura
ledicia do rapaz morto moito tempo atrás cantou ardente
No sol.
Era o meu trixésimo
Ano camiño do ceo en pleno mediodía de verán
Aínda que a vila aos meus pés ficara sen follas no sangue de outubro.
Quizais poida cantar aínda 
A verdade do meu corazón
Neste alto outeiro na volta dun ano. 

Dylan Thomas 4

3 opinións sobre “POEMA DE OUTUBRO (Continuación)

    • INMA: Lin o texto “Los tulipanes” do enlace que me mandas. Está moi ben. No que se refire a Dylan Thomas, nalgún lugar lin iso de que non é profundo. Igual era a mesma reseña. Profundo? A súa poesía está vinculada á natureza e é tan humana… Non abonda iso para ser profundo? Se dicimos que Thomas é superficial, que podemos dicir de Edward Thomas? poño por caso. A min gústanme os dous, igual é polos paxaros, pero gustaríame ser quen de dicir as cousas coma eles e falar con tanta limpeza as cousas que eles din.

      Gústame

  1. Bueno, penso que non hai que facer moito caso das reseñas, especialmente cando un/unha leu a obra, eu non sempre estou dacordo… e na poesía, se é profunda ou non, quen a le ten a súa propia percepción e é a que vale. A min tamén me gustan os dous e precisamente Dylan Thomas pouco profundo… francamente eu non o vexo, pero non lin a reseña á que se refire, se é que existe, claro, é un relato. O relato tamén me gustou, e o seguinte do home “inopinante” aínda máis. Bicos

    Gústame

Os comentarios están pechados.