ASHRAF FAYAD CONDENADO A MORTE

Por unha vez, prego a máxima difusión que lle poidades dar a esta entrada.

Freedom AshrafUn xulgado de Arabia Saudí vén de condenar a morte ao poeta palestino Asharf Fayadh. A condena é por un libro: Instrucións no interior. Xa antes Asharf sufrira cadea e condenas físicas, desas tan habituais nese país. Inútil, por absurdo, deterse nos delitos imputados e nas razóns e esgrimidas na sentenza. A cousa sucedeu hai unha semana. Eu xa quixen escribir antes, pero parecíame que era necesario acompañar o artigo con algún poema del. Tardei en atopalo. Finalmente, no blog de José María Martínez, dei con este que me parece impresionante e que inclúo máis abaixo:

http://paradojasdelconserje.blogspot.com.es/2015/11/un-poema-de-ashraf-fayadh.html

Dende ese blog puiden chegar á tradución inglesa, en versión de Mona Kareem.

Hai moitas páxinas na rede recollendo sinaturas pedindo a anulación da condena.O Pen Club Internacional ou Amnistía Internacional, por exemplo, nas súas. Eu tamén asinei nesta que indico, na que se lle esixe ao goberno español unha intervención firme e decidida neste asunto, e pareceume singular, importante e acaída porque este estado presuntamente noso mantén relacións íntimas co réxime saudí:

https://www.change.org/p/liberen-a-ashraf-fayad-refugiado-palestino-condenado-a-muerte-por-ate%C3%ADsmo-en-arabia-saud%C3%AD?recruiter=18174971&utm_source=share_petition&utm_medium=twitter&utm_campaign=share_twitter_responsive&rp_sharecordion_checklist=control

A miña versión do poema, feita dende a de Mona Kareem, e ollando de reollo a de José María Martínez, é esta:

O Bigote de Frida Kahlo

Ignorarei a lama cheirenta, e a necesidade de recriminar á chuvia, e a
                                                                                             /queimadura que
dende hai tempo se instalou no meu peito.
Vou na procura de consolo para a miña situación, que non me permite
entender os teus labios como eu quixera
Ou roubar as pingas de rosada das túas pétalas avermelladas
Ou minguar o nivel de obsesión que se apodera de min cando me decato de que non estás aquí agora
E que non estarás… Cando me vexo forzado a xustificar a miña posición
                                                                             /fronte o rigoroso silencio
da noite.
A actuar como se a Terra fose muda, como a vemos dende a distancia,
                                                                            /e todo o sucedido
entre nós non fora máis ca unha broma pesada que se nos foi das mans!

#

Que pensas dos días que malgastei sen ti?
Das palabras esvaecidas tan rápido da miña pesada dor?
Dos nós depositados no meu peito como argazos secos?
Esquecín dicirche que me afixen á túa ausencia (tecnicamente falando)
E que os meus desexos perderon o camiño ata os teus desexos
E que a miña memoria erosionouse.
Que aínda persigo a luz, non para ver, senón porque a escuridade dá
                                                                          medo… aínda que
nos afagamos a ela!
Serán abondas as miñas desculpas? Por todo o sucedido mentres tentaba atopar escusas.
#
Por cada vez que os celos espertaron o meu peito,
Por cada vez que a desesperación arruinou un novo día dos meus días
                                                                                              /escuros,
Por cada vez que dixen que a Xustiza tería cólicos menstruais e que
                                                               /o Amor era un home débil mental
no outono da súa vida con disfunción eréctil!

#

Terei que fuxir da miña memoria
E dicir que durmo ben.
Teño que censurar as preguntas
que veñen buscando a razón, para conseguir convincentes respostas.
As preguntas que, por razóns moi personais, xurdiron logo da caída da
puntuación usual.

#

Deixa que o espello conte como es de fermosa!
Aparta a túa morea de pó de palabras, respira fondo.
Lembra o moito que te amei, e como todo se transformou nunha
                                                                                                   /descarga
eléctrica que puido causar un grande incendio… nun almacén baleiro.

 

Deixo tamén a versión en inglés de por Mona Kareem:

 

I will ignore the smell of mud, and the need to reprimand the rain, and the burn that has long since settled in my chest.
I am looking for fitting consolation for my situation, which doesn’t allow me to interpret your lips however I wish
Or to brush away the drops of mist from your reddish petals
Or to ratchet down the level of obsession that overtakes me when I realize you are not beside me at the moment
And will not be… When I am forced to justify my position to the punishing silence of the night.
Just act as if the earth is silent, as we see it from a distance, and that everything that’s happened between us was not more than a bad joke that’s gone too far!
#
What do you think of the days I spent without you?
About the words that evaporated so quickly from my heavy pain?
About the knots that were deposited in my chest like dried algae?
I forgot to tell you that I’ve grown used to your absence (technically speaking)
And that wishes lose their way to your desires
And my memory is being eroded.
That I am still chasing the light, not to see, but because darkness is scary…even if we get used to it!
Would my apology be enough? For everything that has happened while I tried to make up good excuses.
#
For every time jealousy was aroused in my chest,
For every time despair ruined a new day of my dark days,
For every time I said Justice would get menstrual cramps and Love was a feeble-minded man in the autumn of his age with erectile dysfunction!
#
I will have to sidestep my memory
And claim that I sleep well.
I’ve got to tear out the questions
That have come looking for a rationale, to get convincing answers.
The questions that, for very personal reasons, have come after the fall of the usual punctuation.
#
Let the mirror explain how beautiful you are!
Remove your dusty pile of words, breathe deeply.
Remember how much I loved you, and how the whole thing turned into an electric shock that could have caused a huge fire…in an empty warehouse!
Advertisement

PUBLICIDADE NUN PROGRAMA DE FESTAS

Chega a min o programa das festas de Dacón do ano 1948. Quen mo pasa coñece a miña relación co Coliseo Xesteira, que debe financiar o programa coa publicidade. No Xesteira, cine fundado en 1939 polo meu tío avó Manuel Xesteira, traballou meu pai dende os 16 anos ata os 62 e nel medrei e vin centos de películas. A el lle dediquei aquí varios artigos, sendo este o principal:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/02/27/o-coliseo-xesteira-en-ourense-no-tempo/

Dacón é vila de Maside, cruzada pola estrada que dende Ourense leva o Carballiño e ascende logo os altos do Paraño. Era este camiño de arrieiros e arrieiro era o meu tío avó, se cadra por iso colaborou nas festas dese ano. Aquí pasou a súa infancia Aurora Bernárdez.

Festas Dacón. Xesteira

Festas Dacón 1O programa é curioso e cumprido. Con fogo fixo e voador, dúas bandas, gaiteiros e alumeado

artístico. Non sei que é iso da carreira ciclista de cintas, pero si as cucañas. A destacar o partido de fútbol que enfrontou a Unión Deportiva Orensana contra o Dacón F.C., reforzado por xogadores do Celta que aínda lembramos hoxe, como Pahíño.

Festas Dacón 2

Significar que o anuncio do Xesteira fala de sala de espectáculos, non só de cine, porque daquela, sobre o escenario, representábanse pezas de ópera, zarzuela e teatro; dábanse concertos e tamén se instalaba un ring para veladas de boxeo.

AS FÁBULAS DE FERNANDO PÉREZ BARREIRO

Hai tempo que non escribo de Fernando Pérez Barreiro, quen ten categoría propia neste blog. Chégame agora a información de que na biblioteca da Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, hai un exemplar dun libro del, publicado en 1954, con título e subtítulo: Ducia e pique de fábulas (Atiriño pra un fabulario gallego), ilustrado polo pintor e escritor de San Sadurniño José Leyra Domínguez.

Fábulas Fernando

As fábulas foron escritas durante o ano de repouso e convalecencia que Fernando debeu pasar en Ferrol, como consecuencia dunha tuberculose pulmonar, tempo no que segundo nos conta nas súas memorias recollidas en Amada liberdade, aproveitou para ler moito e falar algo máis da conta co seu pai, en particular sobre socialismo e galeguismo. Moitas noites sen sono pasou eses días, nas que lle deu por lembrar a Esopo, matinando na posibilidade e escribir un fabulario galego. Trece fábulas compoñen este atiriño: O Morcego; A Curuxa; O Sapo; O Burro; O Grilo; O Merlo; Os Empeños; Os Lostregos; A Cigoña; O Can, o Lobo y-o Oso; O Corvo, O trato do Raposo e As Pulgas. 

Aquí vai a primeira, sobre o morcego:

O morcego tén as as,
e o morcego non é páxaro;
d’o rato tén o carís,
e o morcego non é rato.
¡Abofellas que o mourán
é semellante a un demacho,
esbatuxando nas as
n’as noites limpas d’orballo
tras das bruxas de San Xohán
que andan soltas o meigallo!
Abre un ollo o paxariño
que, xa no niño deitado,
sinte pasar o morcego
que a trasmán anda voando,
e escondendo a chola, di:
“¡Xus, que isto non é páxaro!”
Y-o rato asoma o fuciño
e mira po-lo burato,
e cheo de medo di:
“¡Xus, que isto non é rato!”
E así tamén d’algúns homes
fuxen os que son honrados.
“¡Xus, que isto non é carne!
¡Xus, que tampouco é pescado!
¡Xus, que se vai cos da feira,
e volve cos do mercado!”

BRAIS MORÁN: CRUZANDO O ECLIPSE

cruzando_eclipse_brais_moranÉ novidade a edición do primeiro disco en solitario de Brais Morán, titulado Cruzando o eclipse. Trece temas caracterizados pola forza e a enerxía, gravados nos Estudios Abrigueiro de Friol. Colaboran nel: Fran Pérez, Cláudia Morán, Belém tajes, Arturo Vaquero e o coro de nenas e nenos de 2º A do CEIP de Arteixo no tema número 12: En paz, acaso o máis emblemático dos 13 que forman o disco. Síntome contento de participar no crowdfunding que o fixo posible. Recibino onte e veño de escoitarlo agora por primeira vez, antes de escribir esta breve reseña.

Gústanme estas palabras de Brais recollidas no interior:

Despois de todo, formo parte da esperanza dunha xeración cansada que acredita no futuro, sabendo que “todo” de nós depende no presente. Isto mesmo é o que move a miña música. 

Grazas con toda a alma e que vaia pra todos na lingua desta terra. 

O disco vai dedicado, de maneira especial, a César Morán, seu pai, amigo co que vivín tantos actos poéticos, porque adoita acompañarnos sempre que pode, só, ou en compañía de outros, en particular de Xosé Taboada.

CANTO PARA PAXAROS E ORQUESTRA

Conteille a Rosa Álvarez, a miña amiga de Madrid que como ave migratoria, cada agosto retorna a Lira, o revivir en min da paixón por observar paxaros. Respóndeme con esta peza musical, do compositor finés Einojuahani Rautavaara, titulada Cantus Articus, tamén coñecida como Canto para paxaros e orquestra, do ano 1972.

Os cantos das aves son reais, gravadas en cinta magnetofónica no Ártico e nas lagoas de Limianka, para seren integrados logo na peza que consta de tres movementos: Pantano (descrición sonora), Melancolía (canto da laverca) e Emigración dos cisnes.

A MIÑA TÍA LELA

Esta fin de semana, en Oira, repasei coa miña nai imaxes do pasado. Ela tiña as coleccións de fotos alí á beira. Supoño que pasará moitas das súas horas deténdose no rostro e no sorriso dos que xa non están. Xuntos, o sábado, convocamos a moitos seres tan queridos para nós.

Lela barca

Para ela e para min foi persoa principal a miña tía Lela, a que a seguía, terceira e cuarta dun conxunto de seis, cinco irmás e un home. Miña nai sempre a considerou máis amiga que irmá, porque medraron xuntas, xuntas foron a festas e bailes, xuntas ían ao monte coas vacas, xuntas durmían no mesmo cuarto. Na foto que precede este parágrafo e que ten o valor etnográfico e patrimonial da barca, están ela, na popa, Olga a irmá pequena e, no centro, tan atrevida, Toña, unha das curmás arxentinas, que estaban pasando en Oira unha tempada e que chegaran traendo a novidade o tango, entre outras cousas.

Lela Anxo

Para min Lela sempre significou o río e dela sempre recibín cariño. Había algo nela que hoxe penso como desinhibición física, sempre disposta a tomar o sol ou arremangar a saia. Pero sobre todo, por ela recibín os versos de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez, nun tempo no que mantivo relación coa xente da Agrupación Cultural Auriense, facéndose amiga de Anxo Martínez, de quen teño falado noutras entradas e viaxando con el e coa Asociación a excursións organizadas que percorrían o país. Penso que foi neses días cando aprendeu os versos que logo me recitaba. Na foto anterior podemos vela cun grupo de excursionistas, entre eles Anxo, quen olla para atrás sentado no ángulo da esquerda. Non sei con certeza cal é o templo románico que lles vale de fondo, aínda que, de memoria, apostaría por Santa Mariña de Augas Santas. Tampouco teño claro quen son os compañeiros da fotografía. Na seguinte Lela pousa diante do hórreo de Carnota, supoño que a finais dos sesenta ou primeiros setenta.

Lela Carnota

Eu dediqueille o libro Miño, cheo de referencias a ela. Dentro de poucos días cumprirase o noveno cabodano. Cando morreu eu estaba en México, de viaxe de traballo, abrindo o camiño para a presenza da literatura galega na FIL, a feira de Guadalajara. Aquel día, na distancia, escribín este poema que incluín no libro:

27 DE NOVEMBRO

E o desalento do mar,
esa agonía que afoga
no anhelo dos teus labios,
refacho de marea
íntima que penetras
e se fai doce
onde voan as fragas
e medran as lavercas
Fronteira do silencio
fondal da claridade
que xermina no baluarte das sombras.
E ti,
corpo tendido o sol
e hoxe vencido, ti,
garza de póla incerta,
constancia da silveira,
cántico da alborada,
descendendo aos abismos
da tenrura.

AURORA E CORTÁZAR EN COMPOSTELA

O pasado domingo cumpriuse o primeiro cabodano do pasamento de Aurora Bernárdez. Para lembrala, El País publicou no suplemento cultural Babelia un fermoso texto que recolle a visita que ela e Julio Cortázar fixeron a Compostela, en 1956. A min contárame esa historia verbalmente, en París, cando nos coñecimos e así a recollo nos libros que escribín sobre a relación de Cortázar con Galicia. Pero a narración oral nada ten que ver con este texto fermosísimo, cheo de agudeza, de frescura, de intelixencia. Canto máis sei dela, máis admiración me causa. Haberá xente que xa o leu, pero aquí queda, tamén como homenaxe e mostra de cariño.

http://cultura.elpais.com/cultura/2015/11/06/babelia/1446825280_612641.html

Santiago de Compostela

Nesta imaxe que pertence ao arquivo fotográfico Julio Cortázar-Aurora Bernárdez, depositado no CGAI e que publiquei con autorización dela no libro O soño galego de Julio Cortázar, vemos a Aurora na entrada das Platerías, da que fala no texto. Non sabemos se é antes de acceder ou na saída do templo, tampouco se ese home que se ve detrás é o Ulrico M. do que escribe e do que me falou a min. A foto foi tomada por Julio Cortázar.

SOMBRA TENDIDA

Ás veces sorprendémonos diante das coincidencias e a forza do casual. Eva Veiga acredita na teoría das Resonancias mórficas, do inglés Rupert Sheldrake. Hai unhas semanas, agardaba eu por Pepe Fernández Ferreiro no bar onde toma café polas tardes. Tardaba en vir e eu xa despachara dunha ollada os xornais todos. Quen entrou, daquela, foi o fotógrafo Manuel Vilariño. Situouse na barra, á miña beira e saudeino. Achegueime a el e enredamos nunha conversa vertixinosa que nos levou dun tema a outro: as súas últimas exposicións, os meus últimos libros ou o albergue de Portaventosa. Nun momento preguntoume por unha fotografía, feita no mes de abril de 1989, na que estamos os dous con José Ángel Valente, quen viñera dar unha conferencia no instituto Eusebio da Guarda, na praza de Pontevedra da Coruña. Aparecemos nela: Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Manuel, Valente, Xulio López Valcárcel e eu. El non tiña copia e quedei en buscala para darlla.

valente

Os poucos días fun a Ourense e o meu amigo Antonio agasalloume cun libro de Julio López Cid, publicado en agosto deste ano pola editorial Autófagas, en edición de J. M. Bouzas. Pensei en principio que sería un libro de relatos de Julio, pero logo, cando o lin, decateime de que Valente é eixo do libro (velaí o das resonancias). Valente é o centro, xunto cos outros membros do grupo Los silenciosos, do que con el formaban parte o propio Julio, Valentín Estévez, Antón Risco, Manuel Bouzo e José Miguel Valenzuela.

López Cid

Logo do limiar de Pepe Bouzas titulado “Tanto lodo”,  López Cid tece para nós un pano de lembranzas que teñen como protagonistas os membros do grupo, en especial Valente, pero con eles invoca outras referencias importantes da súa vida, unhas coñecidas e outras que non chegou a coñecer, pero si a querer: Ernesto Gómez del Valle, Cándido Fernández Mazas, Alfonso Costafreda, Claudio Rodríguez ou María Zambrano.

A primeira frase do primeiro texto é unha proclamación de intencións e de memoria, poisPaco Luis, Fdez. Mazas lembra a frase pronunciada por Gómez del Valle: En realidad, casi todo lo que nosotros somos se lo debemos al Dichi. El Dichi non era outro que Cándido Fernández Mazas (1902-1942), o artista e escritor ourensán de vangarda, tan inxustamente esquecido, de quen J. M. Bouzas organizou no ano 2002 a exposición: Vanguardia, militancia y olvido. Mazás mantivo vínculos fortes con boa parte da intelectualidade española da súa época e colaborou en proxectos como As Misións Pedagóxicas. Eu referinme en numerosas ocasións a el, a propósito da relación de amizade mantida con Francisco Luis Bernárdez, a quen retratou, ilustrou libros e para quen deseñou tarxetas de visita, sobres e papel de correspondencia.

Quizais o texto máis importante de Sombra Tendida é Maleza, no que Julio López Cid desvela a razón da ruptura entre José Ángel Valente e María Zambrano. Tamén singular resulta Ajustes de cuentas, que explica o motivo polo que Valente mantivo sempre un certo distanciamento con Ourense, a pequena cidade sórdida, perdida, municipal, escura. A causa sería o fallo dos Juegos Florales de las Fiestas de Orense, de 1956, onde o xurado concede o premio ao escritor falanxista Carlos Rivero, outorgando o segundo a El Cristo, la ciudad y el tiempo, o poema que el presenta.

Recomendo con fervor a lectura deste libro de Julio López Cid, por ben escrito, por curioso, polo coidado da edición e, tamén, porque hai nel augas que, con tempo, deron os lodos, dos que fala Pepe Bouzas.

Engadir, como corolario, que aquel día de 1989, na praza de Pontevedra, tiven ocasión de falar con Valente da novela O bosque das antas, que viña de gañar o premio Xerais e que el lera por recomendación de Julio.

OUTRA VEZ NO POZO NEGRO

O domingo volvín con Fernando Alonso Romero ao Pozo Negro, ese lugar situado río Vadebois arriba, na confluencia entre a canle principal que descende dende o alto do Monte Pindo cun regato que baixa dende a zona situada por debaixo dos viraventos.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/03/16/cadoiro-do-xallas/

Segundo o Diccionario dos seres míticos galegos, o Pozo Peago, Piago, Pozo do Inferno, Boca do Inferno, Pozo Mouro, Pego Negro e demais nomes, son pozos negros, fondos, perigosos que hai nos ríos e nas lagoas. Son entradas dos Inferno, que o demo usa como trampa, para facer caer nelas a todo o que se aproxime, ata á mesmísima Virxe María. Pero xa sabemos que o demo perde sempre.Pozo Negro 3

Será porque sabemos iso, que a Fernando e a min nos dá por nos bañar nel, ou neles, sempre que imos, porque agora temos debate sobre cal pode ser o que buscamos e que tan claro aparece sinalado na cartografía dende mediados do pasado século. Tamén nos bañamos este domingo.

Pozo Negro 2

Eu pensaba que o noso Pozo sería aquel da canle de pedra, que xa descubriramos na visita anterior e que vimos de novo agora, con menos auga, o que nos permitiu observar como continúa a canle entre a vexetación e, tamén, a sección interrompida caída no fondo do pozo, tal e como creo que se aprecia nas fotografías. Fernando pensa que o Pozo é o de algo máis arriba, xunto a unha pequena fervenza, pero agora considera que debemos indagar moito máis, que pode haber outras confluencias con pozos de máis fondura. Por aquí agatuñamos xa unha vez cando eramos novos. Hoxe preguntábame se aínda tería dentro de min azos e enerxía xuvenil para repetir aquela aventura de hai vinte ano. Díxenlle que si.

Pozo Negro 1

El recolleu tradición oral nos anos setenta. Dime que a lenda que escoitou sobre o Pozo Negro, contoulla un montañeiro de Vigo chamado Constancio Veiga González e di así: No Pozo Negro hai unha señora que a través dun túnel nos leva ata o mar. Breve, pero Fernando non dubida na interpretación, pois considera que a “señora” é unha moura. Moura e túnel é lenda que se repite nos castros. No caso dos Profundos do Monte Louro, o túnel tamén comunica co mar. Trataríase dunha comunicación co Máis Alá onde nos conduce unha corrente fluvial. Neste caso, como no do Monte Louro, a lenda é máis interesante, pois o destino marítimo do túnel indica unha dirección cara a afastada illa do Paraíso, das crenzas celtas atlánticas.

O autor das imaxes é el, Fernando, o meu amigo de tantas exploracións.