POLOS VELLOS TEMPOS

Onte, sábado 26, logo de moito tempo sen coincidir, atopámonos en Ourense Rafa, Vicente e máis eu. Os tres somos amigos dende nenos e a amizade mantívose sen dúbidas nin equívocos dende hai case 50 anos. Con eles compartín a educación sentimental da vida, dende a nenez á xuventude. Quizais o nexo común sexa Rafa, sempre no centro, como na foto. Eu fun compañeiro del xa en primeiro de bacharelato e por el coñecín a Vicente, que estudaba o mesmo curso ca nós, no mesmo colexio, pero en diferente clase. Logo, a partir dun momento, coa fusión de aulas, xa o compartimos todo. Hoxe vivimos cada un nunha cidade e Rafa segue sendo o nexo, o vértice desa amizade que nos emociona. Esta tarde volvía para A Coruña e chamou Vicente, xa en Madrid, porque tiña saudade do encontro de onte. Non o puiden atender, pero falei con el logo, xa na casa.

Con Rafa e Vicente

Os amigos. Onte pola tarde, en Oira, coa nai, logo de tomar un café e pasear o Ourense de Nadal, prendín o ordenador e levado tamén eu pola emoción do encontro da mañá, e pola ausencia de dúas persoas marabillosas coas que compartín parte da vida e que se foron nos últimos catro meses: Carmiña Otero e Pepe Fernández Ferreiro, busquei a canción Auld Lang Syne, esa que fala dos vellos tempos e da amizade. A canción foi moi empregada polo cine, de feito con ela remata Que fermoso é vivir! de Frank Capra. Ese exceso de uso quizais a vulgarizou ou fixo dela un lugar común. Pero hai que saber que é canción tradicional escocesa, coa súa historia. A composición atribúeselle ao poeta escocés Robert Burns, quen a escribiu en 1788 para acompañar a unha melodía tradicional anónima e que non tiña letra. O primeiro verso e o refrán aparecen xa nun poema datado en 1711, escrito por outro poeta, Jame Watson, pero a letra da canción considérase cousa de Burns.

mamaO caso é que buscando en YouTube algunha versión que me gustase, din coa de Rod Stewart, nun concerto no castelo de Stirling, a antiga capital de Escocia, no ano 2012. Entón, achegóuseme a miña nai e preguntoume como era que estaba escoitando aquela canción. “E unha canción ben antiga”, dixo. Eu pregunteille se a coñecía polo cine, ao cabo ela debeu ver máis cine ca min, porque sendo noiva do meu pai, entraba no Xesteira cantas veces quería. Pero para a miña sorpresa dixo que non, que a canción escoitábase na casa cando ela era nena, porque a interpretaba a banda de música de Rivela, que dirixía meu avó. Daquela, cantaruxouna completa.

Podo dubidar da memoria recente da miña nai, pero cústame facelo da dos vellos tempos. Meu avó estivo en Cuba entre o ano 1919 e 1928. Daquela xa era músico. Contaban os irmáns Cudeiro, dous músicos que nos anos oitenta interpretaban jazz nos pubs de Ourense, case con 70 anos, e que foran os números máis novos da banda do meu avó, que el trouxo de Cuba músicas modernas, dicían que, entre outras, pezas de jazz. Puido traer, tamén, ese Auld Lang Syne con que os estadounidenses despiden o ano? Non o sei. De ser que si, a banda interpretaría só a versión musical? A miña nai ten unha memoria prodixiosa para as cancións, tanto para a música como para a letra. Polo si, ou polo non, como aperta de amizade, deixo aquí a versión de Rod Stewart que motivou o comentario da nai. Polos vellos tempos e polos tempos que virán! Por aqueles cos que compartimos a vida e por aqueles cos que a imos compartir!

En YouTube hai versións en escocés.

3 opinións sobre “POLOS VELLOS TEMPOS

  1. Compartindo esa emocion. Lembrar os encontros do futbolin. Donde nos retabamos e reiamos.
    Perdon por el cambio, pero asi voy mas rapido. Rafa gracias po la leccion de vida que nos das. Me siento muy orgulloso de tu ejemplo. Chisco que bonito lo haces, sigues acarciando el corazon con musica de todo tipo, incluida la escocesa.
    Viva ourense e a xeneracion do 56.

    Gústame

  2. Moi sentido artigo, amigo Xisco. Canto à amizade, aos vellos amigos, e á nai, e ao avó que viaxou a Cuba (para gañar a vida, como se decía antes, quero supór). Moi lindo. E espléndida a fotografía na Academia co grande afiador que se nos foi.
    Unha vez mais, obrigadísimo por compartir todo iso connosco

    Gústame

Os comentarios están pechados.