O domingo pola mañá, en Ourense, visitei co meu amigo Rafa, a exposición Alicerces, proposta do Museo Arqueolóxico, acollida pola Afundación, no seu local da Praza Maior.
O do Museo Arqueolóxico de Ourense é cousa difícil de explicar. Tantos anos pechado,
sen que os veciños e visitantes poidan gozar das coleccións e patrimonio que atesoura. Cando eu era novo, o museo era referencia obrigada. Pasei moitas horas nel, aprendendo historia ou visitando as exposicións temporais que alí se facían. Unha cidade como Ourense non pode estar sen un museo así, porque só dende unha boa explicación arqueolóxica, dende a contemplación do patrimonio que como sedimentos da historia foron quedando no substrato, contemplando as pezas que van dende os utensilios do neolítico, as espadas da resistencia contra o Imperio, o que resta dos muros suevo e da alta idade media ou da moderna, un pode comprender nel a evolución dun espazo habitado por tantos pobos e dende tanta antigüidade.
Porén, e malia a suspensión, as persoas que traballan no museo conseguiron manter un fío de relación co público a través dunha exposición permanente de pezas singulares que pode verse nunha sala do complexo de San Francisco, así como coa iniciativa da peza do mes, esa convocatoria que permite a relación dos ourensáns coas pezas máis senlleiras do patrimonio común.
Agora prepararon este ALICERCES, Evolución urbana de Ourense do século XVI ao XX, aberta ata onte e que eu cheguei a ver no último momento, grazas ao aviso de Antonio, outro amigo querido. A exposición ten como fío condutor a evolución do trazado da cidade durante cinco séculos. Nela poden verse cousas tan singulares como o debuxo das casas medievais de máis arriba. A min a imaxe tróuxome á memoria aquel texto de Vicente Risco, no primeiro número da revista neosófica La Centuria: La casualidad ha hecho nacer esta publicación neosófica en Orense. Orense dista seiscientos kilómetros de Madrid y acaso menos de Nueva-York. En todo caso, LA CENTURIA viene a acortar esta última distancia. Orense no tiene nada de cosmopolita ni de típico, de futurista ni de tradicional: muchas casas viejas y ninguna antigua. Pero tiene siete carreteras y además nos tiene a nosotros.
Tamén amosa elementos arquitectónicos, construtivos e decorativos, como este fresco alegórico do pintor Jesús Soria, que supoño corresponde á súa vivenda no barrio do Couto.