ENTRE O ACOUGO E A SOMBRA

Amigas e amigos que durante catro anos vos achegastes este blog: levo varias semanas dándolle voltas á necesidade de escribir esta nota, pensando que algunha explicación debía a quen mantivo vivo este intercambio de emocións, de vivencias e de coñecemento, que pretendían ser os artigos que aquí se publicaban. A vós.

Nestes últimos meses a frecuencia de novas entregas reduciuse de maneira paulatina, ata chegar a esta inactividade última. Nada do que ata hai pouco consideraba importante me parece necesario agora. Cada tempo ten seu tempo, dicía Celso Emilio Ferreiro nun dos poemas de Longa noite de pedra. Este meu de agora pide silencio. Podo asegurarvos que non perdín a curiosidade, non deixei de pensar, nin de ler, nin de pasear, nin de observar paxaros. Non deixei de vivir. Cada mañá sigo observando a vida coa mesma curiosidade. Esfórzome en escribir esa novela da que algunha vez falei aquí. Sigo querendo.

Vivo unha das experiencias máis intensas e emotivas da miña vida, algo que só sucede unha vez. É algo que nos pasa a case todos, por lei natural. Cada quen leva estas situacións como sabe e como pode. No meu caso, procuro refuxio no máis íntimo. A propia natureza desta experiencia, a súa transcendencia e singularidade, a súa fondura, lévame a evitar o que, neste intre, me parece fútil e prescindible. Non sinto azos, nin forzas, nin alento, para poñerme a falar aquí da fermosura da rosa que vin esta mañá, brillando na súa altura, sobre o resto das flores que a rodeaban, no xardín que cruzo cada día camiño do traballo; nin das ascensións ao Monte Pindo destas últimas semanas; ou da alegría que me causou a observación de paxaros nunca vistos; da sensación de ser neno de novo procurando vagalumes, que había tempo que non vía; da chuvia de hoxe.

Persoas queridas, das que aquí falei máis dunha vez, seguen coa súa actividade creadora. É o caso de Manane Rodríguez coa súa nova película Migas de pan, que será estreada mañá en Montevideo e da que onte soubemos resultou seleccionada para a sección oficial a competición do Festival de Films du Monde de Montreal. Aquí verémola no inverno. Ou de Ali Ali, co que pasei parte da tarde de onte no seu estudio. Falamos do movemento na súa pintura, da extrema expresividade dos cadros que pinta sobre a guerra, da situación de Siria, tomamos té. Pero pouco lle engade á calidade da película de Manane, ou ao berro que son os cadros que Ali Ali pinta sobre a destrución e a morte, que eu o comente ou non aquí, no caso de Ali Ali, pouco aliviaría isto a súa dor.

Non quero pechar esta páxina. Haberá tempo. Quizais volva, non sei cando, nin de que maneira. Se iso sucede, gustaríame atoparvos de novo, pouco a pouco, unha a unha, un a un, e recoñecérmonos na aperta e no sorriso. Déixovos aquí un poema que non me dá reparo compartir, porque xa o fixen na exposición de poesía e escultura Formas e versos, que se amosa nas instalacións da empresa PecoFacet de Arteixo, coordinada por Eva Veiga, Teresa Seara e Pedro Bueno e que, ademais, figura no catálogo. Ata sempre, con todo o meu cariño. Moitas grazas.

Córtoche as unllas.

Agarimo e reteño as túas mans agora de brétema.

Paisaxes amarelas no embrión dos teus ollos

Case cegos. En que pensas?, pregunto.

Non hai en que pensar, respondes.

E as lembranzas?

A fascinación da lúa que ollabas dende a fiestra?

Os contos do bisavó, o papá que lle chamabas?

As merendas no campo, ao pé do río?

As verbenas de agosto?

Xa non quedan recordos,

e debuxas un sorriso dorido e resignado

que dilúe o horizonte

entre o acougo e a sombra.

Na aira canta o merlo

entre o clamor das rosas.

(Amencer, 25 de maio de 2016)

Advertisement

MONTE PINDO: VELLAS IMAXES, RELATOS DA MEMORIA

Estiven o venres en Guitiriz, participando no curso de verán A paisaxe como patrimonio, que cada ano a Universidade de Santiago de Compostela alí convoca, curso organizado por Roxelio Pérez Moreira e F. Javier López González. Non era a primeira vez que participaba, xa estivera noutra edición anterior falando das paisaxes do solpor. Nesta ocasión a miña intervención tiña o título de: Monte Pindo, símbolo e identidade.

Buscando imaxes para ilustrar a charla, atopei estas do arquivo de Maribel Longueira. Son do ano 1982. Na primeira vemos a Fernando Alonso Romero con Xan Louro, na segunda Maribel e Luis Monteagudo conversan con ese home ao que debemos boa parte do coñecemento que temos do Monte.

Xan Louro con Fernando Alonso Romero

Xan Louro con Luis Monteagudo e Maribel Longueira

Xan Louro foi compañía xenerosa daquel tempo. Coñecedor de cada recuncho do Monte, da súa microtoponimia, gozaba subindo a el e contando o que sabía. Foi el quen atopou a vasilla medieval, hoxe depositada no Museo do Pobo Galego. Foi el quen amosou algunhas das covas onde procuraban agocho os fuxidos ao Pedregal, logo do levantamento militar do 18 de xullo de 1936. Hoxe conmemóranse 80 anos daquel feito.

Entre os seus moitos valores, o Monte Pindo tamén atesoura o de ser referencia da memoria silenciada. Foron moitos os homes que alí atoparon refuxio, moitas as mulleres castigadas por axudar a maridos, irmáns, noivos ou fillos. Alí buscou refuxio Manuel Rodríguez Louro, o preso 4148 de Mathausen, que o 16 de setembro de 1941 sería asasinado no castelo de Hartheim, instalación anexa ao campo onde se experimentaba con métodos que asegurasen acadar de maneira rápida a “solución final”.

Nunca teremos palabras abondas, nin tempo, para restituír a memoria dos vencidos. Pero tampouco teremos acougo se non o intentamos.

 

SOÑO E VÉRTICE

1275933034473Veiga_evaPresentouse onte na Coruña, no local Portas Ártabras, da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, o libro Soño e vértice, co que Eva Veiga obtivo o premio de poesía Concello de Carral, na súa XVIII edición. Tamén estes días Eva comparte outro libro connosco, Silencio percutido, que case ao mesmo tempo obtiña o XXXI premio de poesía Cidade de Ourense. Os dous forman parte da colección de poesía da editorial Espiral Maior, o primeiro co número 265, o segundo co 266. Ambos foron presentados xa en Carral e Ourense, respectivamente, pero agora inauguran o ciclo  habitual e necesario dos libros de poemas, indo de cidade en cidade, procurando a íntima relación cos lectores.

Mentres lía Soño e vértice, acudiron á miña memoria imaxes de dúas películas. Aquel Paseo polo amor e a morte de John Huston e Hereafter de Clint Eastwood. A primeira porque dende hai anos, dende aquel Paisaxes do baleiro, de 1999, Eva lévanos da man por un carreiro estreito e límite entre a luz e a sombra, entre a lucidez e o desconcerto, guiados sempre polos seus versos que se transforman en frecha azul. A segunda porque a lembranza que eu gardo de Hereafter é a brancura; e o branco máis albo, no mesmo sentido no que era empregado por Eastwood na película, aparece aquí como elemento, para min, principal de este Soño e vértice de Eva.

Quizais xa co seu primeiro libro Fuxidíos, pero dende logo, na miña opinión, dende Paisaxes do baleiro, Eva iniciou un camiño único e singular na nosa poesía. Un camiño que libro a libro a achega ao esencial, despoxando a palabra do innecesario, prescindindo de adxectivación, dicindo o menos posible para suxerir e emocionar máis. Afondando ata o extremo na linguaxe poética, sen perder de vista a reflexión filosófica, atenta sempre á revelación da ciencia, Eva axúdanos a mellor comprender e, tamén, a procurar a plenitude.

Podemos ter sido a un tempo
unha multitude arrastrando
o morto cada quen cara a si
pero sempre até a noite
que ninguén ve. 

ou

Arde un bosque de néboa no cristal.
Unha granada de sangue ausente
a estalar nas rexións do olvido.
Quen pode negar que existe ese abismo
na mesma lingua dos verdes días de onde
ao ollarnos tan desordenadamente puros
dobraba a súa espada o sol?

son versos que me remiten a esa primeira referencia cinematográfica. Porén, a máis intensa sensación do libro está relacionada coa segunda.

Aqueles que viviron a máis límite das situacións, esa de estar, por uns minutos, no gume entre a vida e a morte, falan no regreso de luz e de brancura. Eva viviu esa experiencia e garda lembranza dese instante e do retorno. Da primeira un resplandor ou unha luzada; do camiño de volta unha pinga de auga caendo sobre unha folla. Intuíu, entón, que hai un non lugar onde se fonden o visible e o invisible, un espazo de difícil acceso, onde se concentra toda a tensión poética, a última razón de ser do poema, o misterio da vida e da morte, a máis reveladora achega ao enigma que somos. Non hai nela afán místico, si de transcendencia, de tentar comprender por medio da palabra e da imaxe poética.

Estamos aquí/ no máis escuro/ do branco máis albo./ É como se fose un xogo/ que é en realidade un xogo. Dinos nun poema. Non é doado expresar con palabras a memoria dese lugar que se nos oculta. Sabemos que a presa -acaso nós- de ambos lados foxe cara ao fondo, como foxe a vida, lóstrego fugaz da súa arelante extensión. É necesario levar a linguaxe ao límite, despoxala, espila para poder apreixar e compartir esa intuición, contar como é que sente o corazón ese lugar con auga e canaveiras, porque non sabemos realmente o que alí acontece.

O poema que fai o número 15, vai precedido dunha cita de Czeslaw Milosz, para min ben reveladora: Adoitábase esparexer millo ou alpiste sobre as tumbas/ para alimentar aos mortos que voltaban/ con disfrace de paxaros. Como nacer de novo en formas de flor branca, di Eva noutro poema, sabendo que mentres sexamos visibles, nada realmente importante acontecerá, porque a proposta de Soño e Vértice e, tamén, a comprensión do ciclo da vida e da morte como un todo, flor e bolboreta a un tempo, a certeza de que non somos máis ca proxección causada por un efecto de luz.

Teño para min que, acaso, tamén é ese non lugar da brancura, entre o visible e o invisible, onde acoden, nun ir e vir constante, as persoas maiores desconcertadas, as que esqueceron, as que perderon a vista ou as palabras. Si, creo que, ás veces, transitan por ese doce val da tenrura.

 

DESPUÉS DE LA OSCURIDAD. MARTA LÓPEZ LUACES

Coñecín a Marta López Luaces en Nova York, no mes de outubro de 2014. Nese ano os dous participabamos no Festival de Poesía das Américas. Ela dá clases de literatura española e latinoamericana en Montclair State University. Pero naceu na Coruña, cidade á que regresa de cando en vez e na que nos vimos o pasado día 13.

Cando nos coñecimos, agasalloume cunha novela: Los traductores del viento, da que xa deixei constancia aquí no seu momento:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2014/11/11/marta-lopez-luaces-los-traductores-del-viento/

Agora recibín dela o seu último libro de poesía: Después de la oscuridad, publicado por Pre-Textos, Poesía, que presentou estes días por España adiante, e no que atopamos certos elementos comúns coa novela: o tempo mítico e do inicio do saber, a pescuda na evolución do ser humano, a inocencia, a morte e a esperanza.

Ordenado en cinco partes: Agua, Tierra, Fuego, Aire, Quark, o libro propón unha viaxe poética a través da historia da humanidade comprendida dende o mito, a filosofía, a poesía, a ciencia, ata esa parte final, Quark, nun mundo dominado polo usurpador dos soños que non dorme.

Y así era al principio:
El imperio del Sur reinaba sobre nuestras cabezas
Y éramos gigantes jugando con los dioses

Con eses versos inicia Marta o libro, nun tempo de titáns no que había visións, había soños, había formas, había sustancia, había materia, había elementos del poema como racimos de esplendor.

Tempo de Pitágoras, de Tales de Mileto, de Heráclito, da biblioteca de Alexandría, cando  sobre as nosas cabezas chovían estrelas e a primavera era dádiva do verde e da palabra.

Hai versos, expresións que se repiten como salmodias, velaí ese: El imperio del Sur reinaba sobre nuestras cabezas, que nos remite a unha idade de prata, aínda que sabemos que o usurpador dos soños sempre está ao axexo. Salientar o importante papel que xogan no libro os espazos en branco, os silencios, nun longo poema en cinco partes de linguaxe limpa, suxestiva, que fai levitar os versos, que se manteñen no aire como a memoria do que somos, que enfían na súa rítmica sucesión, ritmo e harmonía vinculados ás emocións que en nós produce o texto que avanza na procura dun sol que brillou e que acaso aínda brilla, malia os tempos.

LUZ E ESCURIDADENo libro hai espazo para o tempo bíblico, para os días do renacemento, para Copérnico, Galileo, Kepler, Newton, Diderot e, en todas as idades polas que transcorre a viaxe, atopamos fame, sede, dor, tamén desexo, e a sombra axexante do usurpador. Na primeiras catro partes o Imperio do Sur reinaba sobre as nosas cabezas. Así ata o final, ata ese Quark no que é o Imperio do Norte quen reina sobre nós. É este tempo final o da conquista dos límites, o tempo do terror representado nas figuras de Lorca-Nemirovsky-Tsvetaeva-Hernández-Celan e os ecos de Hipatia-Sócrates-Bruno-Sor Juana-Benjamin, pero tamén en Auschwitz, a Guerra Civil, o Pazo da Moeda, de Armenia, Bosnia ou Siria. É este un tempo no que xa non somos xigantes xogando cos deuses, malia intuír a partícula de Deus, no que vivimos o esgotamento, a cólera, o odio ao saber, a guerra como espectáculo. Pero seguimos a ser os grandes tecedores de soños, e temos a poesía, que sempre está connosco, e vemos voar os paxaros cara o eterno, e sempre, sempre, somos luz de esperanza.

El Imperio del Norte reina sobre nuestras cabezas
Y Greenwich es el nuevo tiempo.

 

¿los mismos elementos aquí en la tierra
como en el cielo?
en la soga abisal
                          dibujamos a Neptuno
arribamos a la Antártida
y se conquistó el último océano
Un objeto en la orilla del cosmos es la tierra
entre millones de estrellas muertas/una galaxia
en espiral
y la materia se hizo cuerpo

CASTELO DE SAN CARLOS DE FISTERRA

Díxomo a semana pasada Alexandre Nerium. Este ano non abrirá o Museo do Castelo de San Carlos de Fisterra. Museo ou centro de interpretación da pesca que, con tanto amor, Alexandre amosou durante anos.

maribel longueira

O Castelo, construído durante o reinado de Carlos III e situado sobre a praia da Ribeira, é un dos que mellor se conservan, de entre todos aqueles pensados para defender as vilas do litoral e hoxe case desaparecidos. Foi doado á vila por Plácido Castro del Río, fillo de Plácido Castro, quen llo mercara ao estado. A doazón expresaba o desexo do propietario de facer nel un museo. Ese destino chegoulle 58 anos despois da doazón, cando no ano 2006 abría as portas como Centro de Interpretación da Pesca, nunha vila de tanta tradición pesqueira como Fisterra. Ese momento coincidiu coa inauguración da lonxa nova, proxecto de Covadonga Carrasco e Juan Creus. A Confraría de Pescadores recibiu a encarga de xestionar os dous centros.

maribel longueira

Porén, coa chegada da crise, a Confraría non foi quen de manter a xestión do Castelo, cedéndolla a Asociación Neria. Hoxe, Neria está en bancarrota, circunstancia que castiga de maneira particular o Museo.

maribel longueira

Non son moitas as pezas que se expoñen no interior, pero son suficientes para que o visitante marche cunha idea do que é e foi a vida do mar. Alexandre Nerium ou Manolo de Fisterra, poeta e mariñeiro retirado, é quen de explicar con cariño os misterios das ondas, o valor das buguinas nos días de borraxeira, o funcionamento das nasas, a práctica do xeito. El fala das augas tintas, dos cetáceos, de naufraxios ou de versos, deses miles de versos, de poetas de todas as latitudes, que falan de Fisterra e que el se ocupou de recompilar. Nesta imaxe eu poso diante da caixa onde cada mes el expoñía un poema. Coincidiu na visita con Elena, que dentro estaba o meu Mar de Lira, no que son varios os poemas que falan do Cabo.

maribel longueira

Conta, tamén, como dende as rochas que serven de base á pequena fortaleza, os nenos facían a guerra ao mar.

maribel longueira

De visita ao Museo fun moitas veces, algunhas como guías a persoas ilustres, como cando levamos a Elena Poniatowska, ou ao escritor hindú Sudeep Sen, ou ao senegalés Abdoulaye Bilal Traoré. Tamén acompañamos a Yolanda Castaño, ao fotógrafo Francesc Torres, a artista norteamericana Terry Berkowitz. O resultado foi sempre o mesmo, unha revelación, a de escoitar a Alexandre contar con paixón o seu mundo, sen lle importar a lingua, porque el sabe que hai linguaxes que transcenden a fala, o corpo, e forman parte da emoción compartida.

Este verán os turistas italianos, franceses, alemás, ingleses, portugueses ou de calquera das comunidades do estado, ou de calquera provincia ou vila de Galicia, atoparán pechada a porta do Castelo. É mágoa, porque o Centro de Interpretación da Pesca e o seu guía, formaban parte, xa, do noso patrimonio, dese que amosamos con orgullo.

Eu confío en que o concello sexa quen de asumir e facer posible a apertura desta referencia principal da vila e da Costa da Morte.

(As fotografías, tomadas o día da visita de Elena Poniatowska e os seu fillo Felipe, son de Maribel Longueira. A ligazón que segue leva a un artigo anterior que lembra aquel día).

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2013/11/19/elena-poniatowska/

A FRASEOLOXÍA COMO EXPRESIÓN DE ESTILO

Habendo unha petición, e pedindo perdón pola lonxitude, deixo aquí a miña comunicación do sábado pasado, en Trasalba, sobre a fraseoloxía como expresión de estilo. Vai sen imaxes. A bibliografía aparecerá na publicación que recollerá todas as comunicacións.

A FRASEOLOXÍA COMO EXPRESIÓN DE ESTILO

Entón hai unha cultura galega?
………………………………………………………….
Disfrutou Galicia desde o amencer dos tempos
históricos dunha conciencia orixinal. Esa conciencia
pervive aínda hoxe. Ela inspirou os períodos vitais de Galicia

 

Ramón Otero Pedrayo
Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega (1932)

 

Ola, bos días, quero agradecer a Asociación Galega de Saúde Mental a organización cada ano, e van XXI, destas xornadas de reflexión, tan necesarias, nun tempo no que todo acontece nos extremos da présa, do brillo e do ruído. Ese agradecemento quero singularizalo en Antón Casais, quen me convidou a participar na edición deste ano, unha noite de inverno e de mencías.

Galicia Style, velaí a proposta de debate deste ano. Na documentación que se nos achegou, manifestábase a intención de reflexionar sobre estilo e/ou identidade. Polo tanto, se cadra, cada un de nós teriamos que iniciar os minutos de exposición que nos corresponden, manifestando a nosa idea sobre cada un destes dous conceptos.

Na miña opinión, Identidade é un sentir común dun grupo de persoas que recoñecen e expresan a súa pertenza a unha comunidade. Trátase dun concepto de forte carga emocional, que constrúe o ser dun grupo fronte ós outros. Nese sentido poderíamos dicir, que resulta exclusivo, tanto na acepción de único como de que exclúe, xa que a identidade refórzase poñendo en evidencia as diferenzas. Isto levaríanos á idea de que necesariamente somos con e para os outros, xa que precisamos deles, tamén para nos definir e identificar e eles necesitan de nós. A identidade sería o eu interior, empregando unha expresión astrolóxica.

Teño para min que a identidade é concepto ideolóxico dende a orixe, que se transforma en político cando, recoñecidos os fundamentos e intereses comúns, se articula un discurso que tenta dotar á identidade dun contido co que confluír e participar no ámbito do debate público. A identidade podería ser sinónimo de nación, en particular do que se entende como nación cultural, aquela comunidade humana con nome propio, que habita un territorio común, que comparte mitos e memoria histórica, que pode ter lingua de seu, e na que se manifesta un sentido interno e solidario de pertenza. Sabemos, porén, que nin territorio, nin lingua, son elementos determinantes da identidade.

O estilo faría referencia ao xeito de vivir e aos trazos máis visibles de personalidade que definen a colectividade. O estilo sería o xeito de se relacionar coa vida e a morte, de interpretar o mundo e as cousas, unha idiosincrasia que se estende á maneira de traballar e gozar da festa, de expresar o loito, de vivir a sexualidade, de comer e de beber, de ser ou non ser hospitalarios. Falamos de estilos de vida, concepto relativamente moderno que nace na década dos trinta do século pasado, cando as sociedades, como consecuencia das migracións masivas, empenzan a perder identidade e homoxeneidade, volvéndose mestizas. O exemplo máis evidente é o do American way of life, ou xeito de vida dunha sociedade, a estadounidense, resultado de múltiples migracións. Unha das características do estilo é que non resulta exclusivo, nin excluínte, polo que persoas que conviven nunha colectividade con forte consciencia de identidade, poden non compartir este sentimento, pero si asumir o estilo de vida. O estilo, ademais, ten a particularidade de ser flexible e pode ser incorporado como propio por unha colectividade que o recolle doutra, velaí, no noso caso, o gusto polas parrilladas criollas. O estilo sería o eu exterior, a expresión da comunidade.

Eu decidín falar de fraseoloxía porque creo que se a lingua transmite información sobre o nós máis profundo, a fraseoloxía vén sendo a verbalización dos trazos de personalidade da colectividade expresados nesa lingua. Debo dicir, antes de continuar, que non son experto en fraseoloxía, se ben teño acudido a ela en múltiples ocasións, á hora de escribir, sobre todo narrativa, porque sinto que ela é o reflectir do nós. Entendo como fraseoloxía, o conxunto de refráns, dicires, locucións, frases feitas, adiviñas. que empregamos a cotío. Considérase que, en calquera lingua, o maior nivel de destreza está en relación co coñecemento e dominio da fraseoloxía, dos dobres sentidos, dos significados equívocos.

Un dos referentes da fraseoloxía galega é Xesús Ferro Ruibal, quen dende o Centro Ramón Piñeiro dirixe os Cadernos galegos de fraseoloxía, que van polo número 16. No ano 1995, Ferro Ruibal entraba na Real Academia Galega cun discurso titulado: Cadaquén fala como quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre. Nel, entre outras moitas, expón unha idea ben interesante. Di que convén matizar a percepción que temos dos séculos escuros como tempo de silencio literario e documental. Para el esta é unha realidade parcial, xa que malia as dificultades e aínda que iletrada, a poboación de Galicia non deixou de ser creadora, e creación súa é a rica tradición de mitos, ritos, contos, parodias, adiviñas, cantigas, refráns, ditos, todo o conxunto de creacións artísticas que corren de boca en boca, que resultan incontrolados para o poder e que, aínda sendo humildes, non deixan de ter a condición de creación artística complexa e libre. Así, ata a Ilustración e o Rexurdimento, non fomos quen de poñer os alicerces do que hoxe coñecemos con literatura nacional, pero si soubemos explicarnos e explicármonos. Para Ferro Ruibal, durante ese tempo escuro, os galegos crearon, gozaron e transmitiron esa cultura oral que nos compensa da inactividade da literatura de autor. Unha cultura oral que nos espella.

Carme López Taboada e María Rosario Soto Arias, no seu traballo Sete catas na orixe da fraseoloxía, afirman que esta, especialmente se se enfocan aquelas expresións portadoras de valor léxico, reflicten a cosmovisión do pobo que a xerou.

Pero sendo certo o que di Ferro Ruibal, non o é menos que existen ditos anteriores á construción da cultura popular da que el fala; anteriores aos séculos escuros, e que poden axudar a entender unha parte do que foi a nosa historia a partir do século XV. Hai anos, escribín unha novela xuvenil do meu detective privado Suso Espada, e decidín situala en Istambul. Alí, Suso coñece a unha rapaza sefardita, que axuda na tenda de seu pai, vendendo panos de seda. A mociña é real, eu coñecina e mantiven con ela unha fermosa conversa, da que lembro unha pregunta que me fixo: ¿Cúal es la diferencia entre rojo y encarnado? Pois ben, decidín introducila na historia como personaxe, tradutora e interprete con Suso na cidade do Bósforo. Coma sempre, acudín á fraseoloxía para darlle forza e verdade ás súas expresións. Cara oriente, levado na memoria cando a expulsión e conservado como patrimonio oral, a comunidade sefardita conservou un refrán xudeu que me sorprendeu cando o descubrín, pero que comprendín axiña, lembrando que nos séculos XIV e XV en Galicia había un enfrontamento de todos contra todos: igrexa contra nobres, nobres contra monarquía castelá, nobres entre si, irmandiños contra nobres, igrexa contra irmandiños… O refrán di: Todos gallegos y no nos entendemos. Intúo que aínda hoxe hai algo de verdade nese dito.

O ano pasado convidáronme a dar o pregón das festas de Ourense. Nel, contra o final, proclamei que hai un xeito particular de ser, que é ser de Ourense. Falaba de estilo, claro. Lembrei entón un chiste de Forges, publicado nos anos setenta ou principios dos oitenta, no que se ve a dous homes arrastrándose polo deserto, barbados e case sen roupa, e o que vai detrás, exclama: Meu Ourense! Maneira ben particular, breve e plena, de expresar a saudade, ese sentimento que tentaron definir Ramón Piñeiro, no seu traballo Para unha filosofía da saudade, e Torres Queiruga, no discurso de entrada na Real Academia Galega, titulado: Nova aproximación a unha filosofía da saudade. Para este último, a saudade é unha singularidade luso-galaica, referida a sentimentos anímicos e espirituais. Piñeiro consideraba a saudade como un sentimento de soidade carente de significación patolóxica, non como a morriña, que na súa opinión ten algo de tristura depresiva. É moita a literatura oral e de autor que temos sobre a saudade. Pensando en Antón deixo aquí esta referencia local, frase da parroquia de Lira, en Carnota, onde din: Dende aquela ten saudades de Lira.

Pero se falamos de viñetas, de tentar explicar como as frases de uso común se refiren a nós, como expresan, por exemplo, a relatividade coa que enfrontamos a vida e a morte, como non lembrar aquela de Xaquín Marín que Eva Veiga lembrou para min, na que se ve a dous homes sentados nun banco diante da Torre de Hércules?. Supoño que isto haberá que imaxinalo cos necesarios silencios. Di un: Sabes o que che digo? (silencio que non está no debuxo pero compre expresar) Que todo che vén sendo relativo. Ao que o outro, logo doutro silencio que tamén supoño, responde: Iso depende.

Si, a fraseoloxía fala ben de como somos. Con tendencia á saudade, á prudencia, discretos e retranqueiros, quizais algo tristeiros e desconfiados, eses serían algúns dos nosos trazos de carácter, relatados de maneira transversal pola fraseoloxía, porque case todos os nosos dicires expresan algo diso na súa esencia, sexa cal sexa o significado.

Repasando, brevemente, algúns dicires que falan de nós e do xeito que temos de enfrontar as cousas, podemos lembrar:

Polo si ou polo non, referido á prudencia.
Se chove que chova, o clima e unha certa enteireza, que non resignación.
Manda chover na Habana!, cousa extraordinaria e eco da emigración.
Unha voda sen caldo, memoria da fame.
Vai chorar a Cangas, incorporación dun feito histórico ao ser colectivo.
Ir na misa co recado, referencia aos preguiceiros, lacaceiros ou nugallaos.
Estaba de ser, un xeito de aceptar a fatalidade.
Éche pan emprestado, unha maneira de entender a vida.
Imos indo ou O caso é ir indo, que expresaría, este si, certa resignación.
Non todo é terra chan, dicir, sen dicir, que temos dificultades.
Á mantenta, facer algo con verdadeira intención.
Un díxome díxome, xeito de definir a murmuración.

Con respecto á discreción, non hai moito un veciño meu de Lira sorprendeume cunha expresión concisa e plena. Desaparecera unha muller, que veciños e garda civil buscaron durante semanas polos montes e polo litoral. Atopouna un mergullador, entre unhas penedas das illas Lobeiras, prendida a un aparello de pesca atrapado entre as rochas. Pregunteille ao meu veciño que lle acontecera para saír do seu cuarto e, presuntamente, deixarse levar polo mar, e el respondeume: Padecía. Pregunteille eu: De que? E el dixo moi serio: Do seu.

Acaso na memoria de moitos de nós permanece aquel Aquí pasou o que pasou, de Iglesias Corral, para dar conta, ou para non dala, dun feito histórico transcendente, como foi a moción de censura contra o goberno de Fernández Albor en 1986, frase pronunciada diante dos xornalistas ao final do Consello da Xunta onde aconteceu todo.

Empregamos comodíns, expresións polivalentes e polisémicas, que substitúen verbos e substantivos, como o “aquel”: Aquilo aqueloume. “Meu pai está moi aquelado porque lle deu un aquel”, díxome un día un mariñeiro de Muros. Tardei en saber que seu pai sufrira un infarto e que ingresado no hospital en Compostela, o médico informara de que o seu estado era grave.

Somos quen, ademais, de facer préstamos a outras linguas, velaí o Habelas hainas, ou Tarde piache, que aparece en moitos textos como expresión italiana, sendo, como é tan de nós.

A fraseoloxía, hoxe, é moi empregada na publicidade. Este é un fenómeno que se dá en todas as linguas, sendo a nosa principal referencia as campañas realizadas dende o ano 2007, pola cadea de alimentación Gadis: Vivamos como galegos, Sintamos como galegos, Presumamos como galegos, Sairemos como galegos, con aquelas dúas incidencias fraseolóxicas: Malo será e Se chove que chova.

A fraseoloxía, polo seu valor referencial, descontextualizada e ofrecida a través dun medio non habitual como é a televisión, liberada do efecto automático que opera sobre nós cando a empregamos, produce varios efectos: por unha banda aumenta a atención, de maneira que o dito non pasa desapercibido; alumea e resalta a semántica que a frase encerra; fíxase na memoria e actúa de maneira emocional sobre cada un dos membros da colectividade e, tamén, sobre esta no seu conxunto.

As campañas de Gadis pretendían vender, provocando un sentimento de pertenza, de comuñón, de solidariedade. Aínda hoxe é posible seguir na rede o impacto que tiveron os anuncios, proxectados no cine e na televisión. A campaña fai referencia ao estilo, á expresión da personalidade, non tanto á identidade. Vivamos como galegos significa: comer ben, gozar das mellores praias e paisaxes, participar da festa, acudir os domingos á casa da nai e á aldea, vivir instalados na eterna dúbida entre subir ou baixar a escaleira, responder cunha pregunta.

Galicia terra coma un xardín, sempre verde; Fin da terra e centro do universo; os galegos inventores do futbolín; o lugar onde o xantar é unha relixión; xente riquiña, cun neoloxismo, riquiñez; habitantes dunha terra pura, máxica e sen igual; onde están as mellores nais e os mellores pais; a colectividade que máis nomes ten para a choiva, pero sabedora de que, empregue o que empregue, sempre escampa; onde as cousas boas son da casa… Con ameixas de Carril, pan de Carral, Lacón con grelos, Rapas das Bestas, Pementos de Padrón, Illas Cíes, o mellor fútbol, as mellores festas, -ata 17.340, di o anuncio de Vivamos como galegos-, elementos todos que remiten ao xantar e á festa como referencias de participación e expresión colectiva.

Como vemos, todos eles invocan lugares comúns e tópicos, que non afondan tanto no ser da comunidade, na identidade que o anuncio ignora, como nas súas manifestacións, e ese é o aspecto que me gustaría salientar aquí.

Nos anuncios, a fraseoloxía xoga un papel fundamental para definir o estilo:

  • A utilización de Bueno (así, castelanizado o din no anuncio) Vai calor?Bueno/ Vai frío?… Bueno/ E a familia?… Bueno.
  • A pregunta total: Fran, que?
  • Con maneiras indirectas de nos achegar: E logo, ti de quen ves sendo?
  • Con máximas que relativizan: Igual que che digo unha cousa, dígoche outra
  • Cunha maneira positiva de expresar a resignación: non me queixo

Hai varios traballos críticos sobre estes anuncios publicitarios. Francesco Screti refírese á banalización dos elementos que identifican a nación. Na súa opinión, o emisor, a través da descrición, narración e representación dos estereotipos máis pintorescos e folclóricos dos galegos, constrúe un discurso compartido polo grupo, xoga cos conceptos dentro/fóra, e banaliza os elementos políticos e ideolóxicos do nacionalismo, que emprega para obter obxectivos e beneficios comerciais.

Helena González, fai fincapé no feito de que a marca utiliza as emocións para potenciar o consumo; vulgariza e ridiculiza o papel da muller; remodela e aprópiase dos elementos de cohesión dándolle un tratamento superficial e manipula de maneira intencionada, un feito complexo e traumático como foi a emigración.

Mª Ángeles Rodríguez Fontela, nun traballo comparativo dos anuncios de Gadis e Campofrío (analizando os spots dirixidos por Álex de la Iglesia e Icíar Bollaín), considera que para conseguir os seus obxectivos, o publicista serve ao imperativo da aparencia, do que se manifesta no máis superficial, e anula no receptor o impulso interpretativo crítico, asegurando que a publicidade convida á rendición, non á reflexión.

Porén, seguindo como vos dicía a resposta da xente nas redes sociais, podemos apreciar que:

  • Unha gran parte das opinións, expresadas por galegos, manifestan sentir orgullo e identifícanse coas imaxes que ven e co discurso que escoitan.
  • A publicidade de Gadis provoca fóra reaccións excesivas. Unhas descualifican pola mensaxe dos anuncios a toda a colectividade; comentarios que nos definen como chovinistas e aínda, nalgún caso, son interpretados como un primeiro paso cara un proceso semellante ao que coñecemos como o dereito a decidir da sociedade catalá. Algúns falan, aínda, de camiño cara a independencia.
  • Atopei a opinión dunha muller que afirma que xa se sabe que Gadis é galega e que os seus donos nunca se manifestaron contra o nacionalismo.
  • En calquera caso, a min chamoume a atención, logo de ler dúcias de entradas nos blogs e chats, que moita da xente de fóra da comunidade, residente ou non aquí, manifestan a súa opinión de que, sexamos conscientes ou non, somos tal e como o anuncio nos retrata, pero esta sensación non vén propiciada pola imaxes, senón por esas dúas frases que son agora de uso común, emblemático e retranqueiro: Se chove que chova e Malo será. E lembro, entón, aquela reflexión de Sartre, quen afirmaba que unha parte do noso ser, vén condicionado por como nos ven os outros.

Dito o anterior, concluiría esta comunicación dicindo que a fraseoloxía manifesta unha maneira de ser e de nos comportar, de enfrontar as circunstancias da vida. A fraseoloxía fai referencia ao estilo, en tanto que reflicte actitudes, costumes, comportamentos e xeitos de vivir, pero afírmase en valores profundos., de maneira que formaría parte da identidade. Pero non é sinónimo dela. A fraseoloxía, como expresión do estilo, é quen, por si mesma, de verbalizar como nos vemos, incluso como somos, pero na miña opinión, soa, en ausencia doutros factores, non abonda para construír unha identidade, o que tamén lle sucede ao estilo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

EN TRASALBA, FALANDO DO ESTILO

O sábado chegamos a Trasalba cedo, antes das nove dun día que non semellaba primavera. Chuvia e frío. Subimos pola costenta estrada que ascende dende Santa Cruz. A Asociación Galega de Saúde Mental convocara na casa de Ramón Otero Pedrayo a XXI edición das Xornadas de Trasalba, para falar de estilo e/ou identidade.

Otero 1

Eu ía emocionado. Había anos que non me achegaba a este lugar tan querido e noutro tempo tan visitado, cando acudía cada fin de semana a pasear a contorna co meu amigo Antonio. El, daquela, vivía boa parte do tempo na casa dos pais, moi preto da de Don Ramón. Entrei na casa grande. Volvín a ver os cuartos, a biblioteca, os retratos, o salón co mapa de Fontán, tan importante na novela Arredor de si, un deses libros que agora, cando miro cara atrás, considero determinante na miña vida, porque el obrou en min un proceso semellante ao que vive Adrián Solobio, o protagonista da historia.

O mapa de Fontán a través do Espello

O mapa de Fontán a través do Espello

Outra emoción era atoparme, tantos anos despois, con Olga Novo, que tamén participaba na xornada convocada este ano arredor do Estilo. Connosco Antón Casais, Moncho Campos, Xosé Manuel García, María Antonia de Miguel, Xaime Subiela e Manuel Sánchez Salorio. Eu tiña detrás unha fiestra na que non reparei ben cando sentei na mesa, pero logo do descanso, xa entre o público e situado xusto diante, comprobei que era unha marabillosa xanela aberta á natureza. Unha parella de paporroibos foron presenza constante, tamén unha meixengra, pardais, e merlos, outra emoción.

Con Olga Novo, Antón Casais e Moncho Campos, na primeira das mesas. Ía frío

Con Olga Novo, Antón Casais e Moncho Campos, na primeira das mesas. Ía frío

Gustáronme todas as comunicacións, tamén a charla de Salorio. Pero Olga emocionoume de maneira particular, non só polo que dixo, como se referiu á súa relación coa terra, senón porque leu un poema dedicado a seu pai, enfermo da mesma enfermidade que vai apagando a miña nai. Falei con ela diso, da necesidade de escribir sobre a enfermidade e recoñecín que tamén eu deixaba fluír os versos dese ciclo de poemas que a teñan a ela por único centro.

Rodeando os Chaos de Amoeiro, os outeiros de Pena Corneira e a Serra da Martiñá, á que Otero, que tamén era poeta, dedicou este poema:

A SERRA DA MARTIÑÁ

Serra da Martiñá, baruda serra,
esquiva nai da nordesía ouveante,
miras pasar os signos sobre a terra
eterna e simpre com’o mar bruante.
Gardas  na túa conciencia misteriosa
a lembranza de estrelas esquencidas,
i a túa penedía bretemosa.
Ve nascer i morrer as nosas vidas
com’os lustrigos que na noite moura
fan os foliós na escura lonxanía,
cando o bido do sol túa cume doura,
cando dos vellos pinos a harmonía
se axiganta nas noites de luar.
Serra da Martiñá, na túa outura
está o xenio dos ventos a cantar
coa lira eterna da túa pedra dura.

MANUEL MARÍA

Muiñeiro de brétemasNo ano 1950, a colección Benito Soto publicaba o primeiro libro de Manuel María, Muiñeiro de brétemas. No proxecto Benito Soto participaba un poeta tan esquecido como bo, Manuel Cuña Novás. Sempre amei ese libro, dende que empecei a ler poesía galega. Sei que nun momento influíu moito en min, en nós, os mozos que aprendiamos a escribir nos primeiros anos setenta.

Tentabamos collerlle o ritmo aos seus poemas, xogabamos con el a facer endecasílabos, que moi ben nos ían para os poemas militantes que escribiamos. Nel tamén aprendiamos a escribir versos comprometidos, aínda que aquel primeiro libro seu estaba lonxe da poesía de loita e só mantiña compromiso co ser do poeta. Lembro por exemplo o principio de Horizontes:

Eu vou pensando en tí polos camiños
que me dicen unhas cousas moi estranas
pra que se perdan logo no horizonte
ou nas ponlas verde-oscuras dun carballo.

Si, procurabamos o ritmo, o xeito de adxectivar, a relación coa natureza, aprendiamos o léxico. Viñeron logo outros libros, outros autores, pero eu sempre gardarei lembranza desa obra, como a gardo da Esmorga, de Blanco Amor, o libro que me levou a escribir en galego, ou Arredor de si, de Otero Pedrayo, que me fixo tomar consciencia de Galicia.

Este 17 de maio é o seu día. Manuel María sempre foi poeta da xente, e é moita a xente que lle quere. Eu deixo aquí esta lembranza e cariño para con el, e comparto este poema Alborada, daquel primeiro libro seu:

Xogando na luz da alba
con aguilladas de sombras
muiñabas doces brisas
no teu muíño de follas.
 
                                   Os ventos, que non te ouvían,
                                   cos seus foguetes nas eiras
                                   depenicaban nas eiras
                                   garabullos de milleiros.
 
Asubiaban os melros
alalás entre as silveiras.
¡E a preta noite morría
aforcada nas cerdeiras!

 

Hai meses escribín para un proxecto colectivo un poema que xogaba con versos seus. Escollín eu o poema Sei dun país, vai como complemento ou coda.

Sei dun país que existe e non existe
Sei dun país –O camiño é unha nostalxia-
Manuel María
Sei dun país que existe e non existe
Sempre agochado e sempre tan presente
Entre o si e o non, arrriba, abaixo
Un pé no mar e outro na almofía.
 
                                  Nunca souben, nin sei, cal é o soño
                                  Extraviada procesión de ausentes
                                  Corpo de sal confundido na brétema
                                  Esquecida voz na sucesión dos días.
 
Entre o devalo do merlo e o cantar da lúa
O meu país recita nos cantís doentes
Respira e dorme, avanza e retrocede
Paixón que se desangra en poesía.
                                 Horizonte de mar, berce de terra
                                 O meu país latexa arborescente
                                 Ten orgullo de seu, ten soidades,
                                 Confundido de pranto e de alegría.
 
Son dun país que amo e que rexeito
Deitado entre solpores e abrentes
Co futuro debuxado en pedra,
Vizoso corazón, sede de vida.

NICOLÁS VIDAL

NicolasNicolás Vidal recibirá o vindeiro xoves, o premio “Luis Mera de xornalismo”, que cada ano concede o Club de Prensa de Ferrol. Recíbeo por unha fantástica reportaxe sobre tres irmáns da comarca emigrados a Cuba, que se negaron a padecer a historia e souberon atopar o camiño que os levou a participar na súa construción. Emocióname saber o nome de Nicolás unido ao de Luis Mera. Sei que se quixeron ata o pasamento de Luis, en marzo de 2015. Daquela, nesta fiestra, dediqueille esta lembranza.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/03/11/luis-mera/

Non sei canto de xustiza poética hai no recoñecemento a Nicolás Vidal. Hai meses que Nicolás abandonou a que, durante tantos anos, foi a súa profesión, oficio ao que entregou o mellor de si, axudando, cos seus compañeiros, a facer do Diario de Ferrol, a referencia informativa da comarca.

Comparto aquí a reportaxe que mereceu o recoñecemento do Club de Prensa. Recomendo a lectura. Publicado nas páxinas 6 e 7 do Diario de Ferrol do día 16 de agosto de 2015, aparece dividido en dous bloques, un que conta a vida dos tres irmáns Seixido e outro que narra a relación que estes mantiveron co Che, Neira Vilas e Lee Harvey Oswald, historia ben curiosa que fala de como se entrecruzan os camiños da vida.

http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/relaciones-cuba-y-estados-unidos-vistas-rincon-comarca/20150815205225131824.html

http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/une-foucellas-che-xose-neira-vilas-y-lee-harvey-oswald/20150816143850131893.html

A foto de Nicolás tomeina do facebook de Germán Castro e Tomé.

OS FILLOS DA FAME

Pouco sabía de Ismael Ramos ata que me falou del Malores Villanueva. O día que se iniciaba o festival Pontepoética en Pontevedra, ela presentaba en Vigo o libro de Ismael Os fillos da fame, premio Johán Carballeira de poesía do ano 2015, publicado por Xerais. Pola mañá, no acto cos alumnos do IES Sánchez Cantón, pedinlle emprestado a Malores o seu exemplar e compartín con todos un fragmento do último poema do libro, que me parece extraordinario. O sábado pola mañá ela traía para min un exemplar dedicado.

Os-fillos-da-fameLino axiña, non unha vez, dúas, e volvín varias veces sobre algúns poemas, sorprendido pola calidade dun poeta tan novo, que sendo de Mazaricos, -da montaña-, din en Carnota, territorio tan próximo ao mar e ao lonxe tan afastado, é quen de refacer un mar propio dende a sensacións vividas, dende a memoria propia e dende a compartida, esa que levamos canda nós e que aflora de cando en vez, pegada ou voz dos devanceiros, inconsciente colectivo, que dicía Jung. Porque hai aquí símbolos, feridas, lembranzas que están máis alá da razón, ecos que alimentan os versos dos poetas dende sempre, pero que non todos son quen de apreixar e de expresar.

Os fillos da fame é, nese sentido, un libro dunha extraordinaria madurez, tamén unha proposta de liberdade. Gustaríame salientar aquí a suxestiva polisemia de cada poema. Todos propoñen e permiten múltiples lecturas, dende a máis evidente, ata algunhas que intuímos abisais, palabras que nos chegan dende o máis fondo das fosas e das furnas, dende o máis recóndito recuncho do ser. O mar, o amor, o desexo, a estirpe, a morte, o misterio, a vida ou a verdade, todo iso alenta nos versos de Ismael e, como aquel venres cos rapaces, deixo aquí, como chamada e reclamo, o último poema:

Negar o azul é máis que nomealo. Non falarei do mar:
xa non se pode. Pero entón de que? O amor sucede nun
coche e case nin vemos o mar pola néboa pero está aí.
Case non hai pobo pero está aí. O amor é un corpo. O mar
é un corpo cheo de corpos que non poden falar. O amor
é un pobo que non pode falar. 
Negar o azul é falar da auga e da carne. Negar o azul
é a rocha, o debuxo das mans sobre a ferida. Quero para
ti un lugar que ula así, coma este coche. Esta calor da
calefacción. Algo que nos acariñe. Negar o azul é o cariño
co que se abre a ferida.
Non imos ter medo da dor. O mar é o mar. O amor é o
mar. Unha viaxe en coche. Elíxote a ti para que me leves
ao cabo do home o día que saiba que vou morrer. Ti oirás
a verdade. 
Entón non falarei do mar. Será outra cousa. O azul será xa
outra cousa.