A COR DE PEPA POCH

Nos coruñeses xardíns de Méndez Núñez, diante do edificio da Terraza, os paseantes ociosos, nenos que xogan nos columpios e pais que os acompañan, quizais se sorprendan estes días dos contedores que alí están, como arrombados, abertos case todo o día. Algunha xente entra e sae deles e observando o seu interior será posible advertir curiosas instalacións, pintores e fotógrafos traballando, murais pendurando das paredes, voces e música que nacen nalgún recuncho escuro. Os contedores e o espazo central que abranguen son o soporte de CITINART, unha iniciativa singular de encontro e reflexión arredor da arte.

Onte pola tarde, da man de Félix Bentz, presidente do Reial Cercle Artistic de Barcelona, puidemos asistir a un encontro coa artista Pepa Poch Riba e escoitala falar da cor, a súa paixón e a súa vida. Soubemos, entón, da existencia da International Coulour Authority (ICA), da reflexión que esta entidade, con sede en Londres, realiza cada ano para marcar as tendencias das cores que nos acompañarán nas tempadas primavera/verán e outono/inverno de cada ano, tendencia que será aceptada por fabricantes de vehículos, deseñadores de moda, expertos en decoración ou fábricas de pintura.

Pepa Poch, artista que elabora as obras pictóricas das que o ICA obtén as novas gamas de cada ano, falou de maneira clara e próxima, da importancia da cor nas nosas vidas, do significado e carácter de cada un, de como as cores actúan sobre nós como individuos e como sociedade. Insistiu en que a cor é un sentimento e lembrou os traballos existentes sobre as cores, as súas posibilidade terapéuticas e de sandar, así como a influenza psicolóxica que exerce en nós. Pepa advertiu que a reflexión e proposta do ICA non é allea á situación social, política e económica de cada momento, de maneira que as propostas pretenden que en tempos de crise, por exemplo, as cores que nos acompañen axuden a elevar o ánimo, amortezan os fluxos negativos, alivien tensión, ou que, nun momento de tantos conflitos e guerras como é este, as cores que nos acompañen non incrementen a tensión e a agresividade. Tampouco non é inocente a elección da cor azul por parte do PP ou da vermella do PSOE, como marca de partido.

Considerando que a proposta dunha tendencia é algo dirixido, que nace dese ICA algo misterioso para min, pregunteille se advertía ou advertían mensaxes do outro lado, necesidades da colectividade en relación coa situación histórica de cada momento, demandando cores que procuren o alivio ou que nos activen. Dixo que si, que había que estar atentos ao que sucede, porque o corpo social envía avisos, como os enviamos cada un de nós.

Foi a súa unha exposición divulgativa que nos permitiu aproximármonos a un mundo sorprendente no que descubrimos que a cor deste ano é a orquídea radiante ou que existe unha nova coa denominación de Azul Costa Brava, as dúas creadas por Pepa. Sería interesante que o vindeiro ano, os responsables de CITINART convidasen de novo a Pepa Poch para poder afondar con ela sobre algúns dos aspectos tan só apuntados onte, nos que advertimos un universo complexo de reflexión, sensibilidade, posibilidades expresivas, pero tamén un perigo de incidencia e orientación sobre a sociedade que habitamos.

Fascinante o momento no que, tras sacar o abrigo de cores azul, rosa e ouro, vestida de camisa e pantalón branco e situada diante do canón de proxección, a xeito de pantalla, Pepa pediu a Luis Caraltó que proxectase sobre o seu corpo a imaxe dun dos seus cadros, explicando entón como elabora as propostas de estampados das teas que vestimos, entre as que durmimos ou nas que sentamos.

Advertisement

TRISTE ALBA SEN GLORIA

Conmovidos, tristes, feridos, emocionados… así foron o serán de onte e o espertar de hoxe, dia da Patria, alba sen gloria, sen voz e con bágoas. Non sei se coñezo a alguén que viaxase no tren accidentado, non sei se coñezo a alguén que coñecese a algunha das vítimas, pero vai este abrazo para todos os que hoxe choran e sufren. Deixo esta gravación de El cant dels ocells de Pau Casals e esa tradución dun fermoso poema de W. Falulkner que a min, en máis dunha ocasión, si me axudou. Sexa só por expresar un sentimento que seguro compartimos moitos de nós.

Este poema é o último dos doce que forman parte dunha selección feita por Javier Marías, a partir do libro de William Faulkner A Green Bough e que leva por título un dos versos deste poemas: SI YO AMANECIERA OTRA VEZ (1997. Alfaguara)

A miña versión está feita a partir da versión de orixinal e da tradución de Javier Marías.

SE HAI DOR, QUE SEXA SÓ CHUVIA,
e esta só dor de prata pola dor en si,
se estes verdes bosques soñan aquí para espertar
o meu corazón, se eu amencera outra vez.
Mais durmirei, pois, onde hai morte
mentres nestes azuis e somnolentos outeiros do alto
teña eu, coma a árbore, a miña raíz? Aínda que estea morto,
esta terra que se agarra a min atopará o meu alento.

P.D. : Recoñecer, malia o título, que si hai gloria tamén nesta alba; a gloria da solidariedade da xente dun país, que segue a ser profundamente humano e que se expresa de tantas maneiras.