Onte pola tarde estiven en Betanzos. Acudín a presentar a novela 1989, de Xabier López López, último gañador do premio Xerais deste ano, con outro título, Cadeas, que sairá nas vindeiras semanas. Xa falei del algunha outra vez neste blog.
1989 é obra publicada por Biblos. Novela breve, pero non por iso menor, que coma espello reflicte a sociedade na que derivou Galicia logo da chegada da democracia, tempo transcendente que é necesario contar porque, en boa medida, explica este momento arrepiante que vivimos. E isto xa é mérito para un libro. A partir da chegada a unha vila imaxinaria (o das vilas e cidades imaxinarias en Xabier convén poñelo en corentena, xa que sempre podemos intuír de que lugar se trata, pero aí está o xogo) dun xaponés, prodúcese unha sorte de revolución, na que participan todos os membros da comunidade, intrigados polo obxectivo último dese personaxe misterioso.
Cinco son as voces que nos falan, ou seis, se contamos os informes da policía local: Buah! a dun aprendiz nun taller de xoiería; Si muller si, a muller da pensión onde se hospeda en principio o xaponés; Pois resulta, o bibliotecario e escritor enchufado do alcalde; Que non che, o sindicalista da Federación de industrias afíns e O que eu che diga, dun ex combatente da guerra civil, bébedo e ilustrado, que sabe de Cunqueiro e recita anacos do Tenorio. Poderiamos engadir os partes que informan das actividades do xaponés, elaborados polos policías municipais que responden aos códigos CP 0001 e CP 0002.
Cinco voces e unha vila ensarillada no contar dos cinco: o empresario Miranda, os traballadores dos talleres de xoiería, os clientes dos bares, mariñeiros do fondal da ría, mulleres do club de alterne, o obxector de conciencia que fai servizo social substitutorio… A novela de Xabier causa en nós, por veces, un certo desalento, xa que recoñecemos nesa armazón social a sociedade que hoxe aínda vivimos e, por veces, riso, polas situacións estrambóticas que se producen. Esa retranca, ese xeito irónico de contar, é algo tradicional na narrativa de Xabier, escritor que forma parte desa nómina de autores que publican con regularidade textos de calidade e, ao tempo, accesibles ao público, escritores que alimentan e fornecen unha literaturae a visita doutro estranxeiro moito máis indefinido aínda. Escritores bidueiro, que eu lles chamo.
Novela coral, na que todas as voces manteñen o mesmo rexistro, sen que unhas medren por riba das outras e, tamén, novela da linguaxe, da palabra, xa que é a palabra a que dá ser aos narradores.
Alegreime de estar alí, porque estou vinculado ao proxecto Biblos dende a orixe como clube de lectores. Un día da primavera do ano 2003, viaxaba eu pola Costa da Morte realizando visitas a talleres artesáns por cousas do traballo cando, da oficina déronme o aviso de que tiña unha chamada. Aínda non tiña móbil. Dende unha cabina teléfonei ao número que me deran. Era Tucho Calvo, para preguntarme se tiña algún libro inédito co que poder iniciar a colección Mandaio, que durante anos foi o referente de Biblos clube de lectores. Eran os días do Prestige, e mentres vía voluntarios e persoal de Tragsa retirar o fuel do litoral de Camariñas, escoitei como Tucho me explicaba o proxecto que nacía. Van dez anos dende entón. Díxenlle que si, que tiña un conxunto de relatos que buscaban editor. Quedei en enviarllos e a resposta foi inmediata. Sete noites e un amencer foi o primeiro título da colección, o primeiro editado por Biblos.
Agora Biblos, que segue a ser clube, abre libraría. De corazón deséxolles sorte e éxito e ofrézolles a miña colaboración permanente. Sei que dedicación e amor polo libro non faltarán, coñecendo como coñezo a Carmela González e a Tucho Calvo.
A gran sorpresa da tarde, a emoción maior, foi ver a Inma, Violeta e Xacobe, que acudiron ao acto de presentación acompañados de Cristian ou Gabriel, ou Cristian Gabriel, os catro acabados de chegar de Perú. Sorprendeume a naturalidade coa que Gabriel se integrou no grupo familiar e fascinoume o proceso que vive de descuberta deste mundo no que vivimos nós, tan diferente do seu. Onte empecei a exercer de padriño. Penso que cariño non vai faltar. Velaí esta imaxe dos dous na libraría, cousa de Xacobe, claro.