EVA VEIGA: A DISTANCIA DO TAMBOR

Hoxe, traído xa por un vento de verán, chegou o novo libro de Eva Veiga, A distancia do tambor, gañador da edición 2013 do premio Fiz Vergara Vilariño que a asociación cultural Ergueitos convoca cada ano, co apoio do concello de Sarria. Como é tradición do Fiz, o libro sae na colección de Poesía da editorial Espiral Maior que dirixe Miguel Anxo Fernán Vello. A imaxe de cuberta, suxestiva e poderosa, é do pintor Alfonso Costa.

Traballa Eva no silencio, con teimosía e con sosego, na nudez do poema que por veces desacouga. Traballa na procura do significado que non limite, senón que abra; na imaxe ou no lampo esencial, que alumee a consciencia do lector e que o emocione.

Quizais non exista máis camiño que a pureza da palabra e o prescindir de artificios, para tentar expresar e compartir o que sendo escrutable resulta inasible, acceder ao que en nós hai de certo e de misterio.

Ningún libro en Eva é estanco con respecto aos outros. Tampouco este que fonde as súas raíces na mesma terra que o anterior A frecha azul do teixo, para logo, tras beber da auga e da beleza que doen e que tremen, avanzar por outros horizontes que teñen que ver co compromiso e coa solidariedade, dos que Eva é militante implicada e comprometida.

Con emoción, deixo aquí estes poemas como mostra:

Son

o ave

que se retorce

no seu propio páramo

entre o sangue

e a palabra

por cada verso

que ascende

a vida

afonda o seu baleiro

de rancor

divídese

entre fame

e horizonte

aperta

o seu brazal

de distancia

bebe do que non hai

————————————-

Ser en

ti

puro instante

que expira e abre

a un tempo

a flor do mundo

————————————-

Na cicatriz

dunha pinga de auga

sobrevivir