Onte celebramos a poxa pola obra do pintor sirio Ahmad al Hammoud. Eu tardei en durmir pola emoción do que vivimos. O local das Portas Ártabras estaba practicamente cheo. Arturo, Felipe Senén e Xes Senén acolléronnos co agarimo se sempre, poñendo a nosa disposición local e tecnoloxía. Noa Morales falou de maneira breve, clara e concisa, da orixe da situación siria e o enquistamento actual do conflito; Ali Ali emocionounos a todos ao falar do seu amigo Ahmad e, sobre todo, cando lembrou a súa familia que está alá, pero tamén cando se referiu a Amal, a súa filla que tivo a sorte de nacer aquí e que nese momento corría pola sala. Camilo Franco conduciu a poxa con habilidade e simpatía, deixando claro dende o principio que o asunto do que tratabamos era de cartos. As amigas e amigos que acudiron poxaron polas sete obras que se ofreceron, cinco debuxos e dous óleos. Vendeuse todo.
Sei que é moita a xente que padece a mesma situación que Ahmad e a súa familia e o meu desexo e o das persoas que estabamos onte nas Portas Ártabras, sería axudar a todos. Pero nesta ocasión a chamada tiña rostro, o amigo do noso amigo Ali Ali. Eu lembraba, durante os días previos, que por accións individuais sairon dos campos franceses moitos republicanos españois, entre eles os embarcados por Neruda no Winnipeg, ou Rafal Dieste. Non sei se Ahmad al Hammoud poderá saír do campo de Harran co que onte conseguimos, pero si mellorará a súa situación e a dos seus.
O fotógrafo Gustavo García Roig envioume pola noite esta reportaxe fotográfica, que deixo aquí como constancia do que vivimos, expresión de xenerosa solidariedade.