BOS AIRES OBRADOIRO LITERARIO

Nesta ocasión a Bos Aires levoume participar no XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). Como actividades complementarias ao mesmo, unha previa e outra posterior, programouse a conferencia O soño galego de Julio Cortázar e un obradoiro de escrita en serán de xoves. As dúas cousas sucederon no edificio da Federación de Asociacións Galegas, na rúa Chacabuco, a primeira no salón Arturo Cuadrado, a segunda na Biblioteca Galega.

Como presidenta da AIEG ata o pasado día 8, Débora Campos foi a cabeza visible da organización do congreso. Na presidencia sucedeuna Carmen Mejía Ruiz, profesora titular de Filoloxía Románica da Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid. Ela e o seu equipo organizarán o XII congreso en Madrid no ano 2018.

O obradoiro foi algo case íntimo, aínda que contamos con público que se sumou sen estar inscrito e sen ánimo de traballar, pero si de escoitar. Participaron nel: Patricia Alonso, María Dolores Ferreiro, Mirta Gosende Faraldo, Claudia Amigo, Malores Villanueva, Cecilia Pastore, Claudia López Barros, María Rosa Iglesias López e Débora Campos.

Con Patricia en San Telmo

Patricia e eu coincidimos nun equívoco e presentámonos alí con hora e media de anticipación. Tivemos tempo de falar e de tomar algo no bar El Federal, no corazón de San Telmo. Nel é a primeira das fotos, tomada por un camareiro. Patricia é irmá de Rodolfo Alonso, poeta galego arxentino, a quen quero moito.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Non sei se as participantes no obradoiro aprenderon algo de min. A sensación que sempre teño é que son eu quen máis partido saca destas cousas. A min paréceme que teño pouco que dar, pero que sigo recibindo moito no intercambio de experiencias. O outro día eu percibín, unha vez máis, a importancia das raíces e do vínculo afectivo cunha referencia mitificada pero certa, que é o país de procedencia dos pais e dos avós. Puiden lembrar, tamén a frescura das propostas das escritoras que se inician; o esforzo de quen se bate coa primeira novela; tomar consciencia das dificultades que propón ou que supón a lingua. Tamén tiven ocasión de descubrir os relatos de Claudia López Barros. Xa coñecía os de María Rosa Iglesias.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Como práctica final, construimos un cadáver exquisito, non ao xeito dos surrealistas, xa que fomos procurando un poema con sentido, pero por orde e sabendo o que precedía ao verso proposto por cada quen. Todas fixeron a súa proposta, a partir de dous versos que propuxen eu. A min dáme a sensación, que non é nova, de que todo Bos Aires é un obradoiro literario. O cadáver abaneou entre a saudade e o tango, este é o resultado:

RODAR DA LÚA

Cidade aletargada
brillar de lastros no rodar da lúa
baixo o teu corazón o meu silenzo
que creba co afastado son do barco ausente.
Saudade feita brétema que nos devolve
o tango non bailado aquela noite.
Cidade estremecida, o roce dos corpos que latexan
e ti Bos Aires que mesturas
paixón, ardor, alento dos heroes
perdidos na alborada.

(A Malores debémoslle as dúas fotos do obradoiro, coa particularidade de que ela está na segunda, sentada a carón meu).

Advertisement

COMUNICACIÓNS CONGRESO AIEG EN CARDIFF 2012

Aquí deixo o enlace para poder acceder ás gravacións das comunicacións e conferencias do Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que tivo lugar en Cardiff no mes de setembro de 2012.

Nós participamos cunha comunicación sobre as virxes da Costa da Morte, preguntándonos se serían crebas santas atlánticas. Aquela comunicación hoxe forma parte do libro As crebas, outro xeito de andar ao mar. Aquí podedes acceder a case todas as comunicacións, conferencias e relatorios do congreso. As fotos son a achega de Maribel, o falado a miña.

http://tv.uvigo.es/es/serial/1740.html

Aínda que está na relación de vídeos aos que temos acceso, podedes ver aquí completo o concerto fermoso que nos ofreceron a arpista galesa Amanda Whiting e o músico e actor Mano Panforreteiro. Ela é intérprete excepcional, que coa súa arpa transita con facilidade entre os ámbitos da música clásica, da tradicional e do jazz.

CRAIG PATTERSON: BEACHCOMBER DA FELICIDADE

Onte, tarde de domingo, estiven tomando unha cervexa con Craig Patterson, a quen coñecín co gallo da homenaxe que o IGADI organizou en Baiona no ano 2011, en lembranza do amigo común Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Daquela, el veu dende Cardiff, para compartir a memoria dun home ao que quería e admiraba. O ano pasado, coincidimos precisamente na capital de Gales, porque sendo presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, correspondíalle a organización do congreso ao que acudimos Maribel e eu, para falar de virxes crebeiras.

Craig vén de se instalar aquí. Deixou todo o que era en Cardiff e mudou a Galicia, coa ilusión de atopar unha vida mellor e, sobre todo, sentirse satisfeito de si mesmo. Coñécenos ben, é membro correspondente da RAG e fala un galego fermoso. Responsable da tradución ao inglés de Cousas de Castelao, da Esmorga de Blanco Amor, agora está no final da tradución de Sempre en Galiza. A experiencia que está a vivir podedes lela na páxina 90 e seguintes do número 2 da revista Luzes.

Onte conteille que está iniciado xa o traballo de edición do que será o libro das crebas. Sabe de que vai o asunto e coñece a palabra. Entón como sen querer, faime o agasallo de me dicir como se di creba, crebeiro e andar ás crebas en inglés: beachcomb, beachcomber e beachcombing, velaí a orixe do termo bichicomas, como se lles di ás crebas na península do Morrazo. E debo corrixir o meu texto urxentemente, xa que eu atribuía esa expresión a unha derivación do inglés Beach Cover, que alguén me dixo unha vez.

Lembrou, tamén, que sendo el neno, a mediados dos anos setenta, había unha serie de televisión titulada, precisamente, Beachcomb. Busquei en internet e dei con ela. Fiquei impresionado da cantidade de entradas que responden a eses tres termos. Pero unha das cousas que máis me gustou, foi esta canción que vos deixo, interpretada por Mark Knopfler & Emmylou Harris-Large. A ver se vos gusta: