JORGE EDWARDS, ENTRE FISTERRAS

Dende hai dez anos, Javier Pintor, coa colaboración do poeta Xavier Seoane, organizan na UNED o curso: “A creación literaria e os seus autores”, destinado a alumnos da universidade a distancia, pero tamén aberto ao público cando se trata de dialogar cos escritores convidados.

Para pechar o ciclo da décima edición, onte gozamos dunha tarde magnífica de literatura, de historia, de risa e de memoria, coa presenza do escritor chileno Jorge Edwards, premio Cervantes 1999 e autor dunha importante obra narrativa con novelas como: El origen del mundo, El sueño de la historia ou La muerte de Montaigne; libros de relatos, que foi que primeiro publicou (El patio, en 1952); de ensaio como Persona non grata, e de memorias Los círculos morados.

Nun auditorio ateigado de público, Edwards, coa súa voz cálida pero firme, con lucidez e humor, co seu acento austral pulido pola vida diplomática e o coñecemento doutras linguas, foi debullando momentos da súa vida intensa que, dalgún xeito, influiron ou motivaron algúns dos seus libros. Nun principio situou a súa visita a Coruña, lembrando que chegaba ata esta fisterra europea dende a fisterra máis extrema, aquela que si é límite e confín, Chile, con capital en Santiago del Extremo, a terra que foi denominada polos conquistadores como Nueva Extremadura. Chile, “país de la ausencia, extraño país” dixo lembrando os versos de Gabriela Mistral.

Falou da súa formación de neno e adolescente; dos colexios coas súas luces e as súas sombras; da consciencia da literatura e dos escritores criollistas; dos mitos literarios chilenos do seu tempo, que sempre estaban fóra: Mistral, Huidobro, Neruda. Referiuse a amizade con este último, que recolleu no libro Adios poeta; analizou algunha das circunstancias que antecederon ao golpe militar de Pinochet e tamén da resistencia última e do plebiscito; falou da poesía nos días de hoxe, lembrando a Octavio Paz cando este dicía que a nosa sociedade é monotonía, sequedade e tristeza, se ben el fai unha análise máis optimista e menos tráxica.

Lembrou aos compañeiros e amigos do Boom da literatura hispanoamerciana, con mención especial para Rayuela de Julio Cortázar, sinónimo de liberdade, que ten algo de ritmo ou ton nerudiano nos primeiros capítulos, intuición de Edwards lector corroborada logo polo propio Cortázar, que lía o Canto General de Neruda cando escribiu esa parte da novela á que se refería Edwards, quen tamén falou da crise das grandes editoriais, por exceso de títulos e pola pouca atención que prestan ao que publican, sempre condicionadas polo balance, saudando ese fenómeno da aparición das pequenas editoriais que manteñen unha relación moi estreita co autor e co lector e que ofrecen edicións de tirada limitada, pero moi coidadas.

Puiden falar con el antes do inicio do acto. Comenteille que meu pai gustaba moito das súas novelas, en particular de El sueño de la historia, e procuramos centrar o noso primeiro encontro, en Compostela, no cambio de século. Falamos tamén, con Xavier de Albino Mallo, o xornalista cultural, hoxe xubilado, que viviu moitos anos en Chile e a quen considera un bo amigo.

Logo, mentres asinaba libros, Jorge Edwards prometeu volver. Semana de luxo esta na cidade, con Adonis, con Edwards, con Torneiro.