DOUTOR ALVEIROS

Sei desta novidade cinematográfica e literaria polo meu amigo Xosé Luis Fernández Carnicero, músico e autor da música orixinal da película. Levar ao cine a historia de Risco, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, foi proxecto da Fundación Vicente Risco. Eu só vin este trailer que vos deixo a continuación. Non deixa de causar simpatía e de provocar un sorriso, ver a Alfonso Monjardín, vestido de época e circulando pola película de figurante, pola paisaxe urbana de Allariz.

Quizais engadir que Carnicero puxo música a 16 poemas do meu libro Mar de Lira. Músicas fermosas e suxestivas. Agora toca ver o xeito de facer diso un produto que compartir con todos.

SAN MARTIÑO DE PAZO

Hoxe viaxei ata as terras de Allariz, ao enterro da miña tía Choncha. Cheguei ao mediodía, con calor. Logo do tempo no tanatorio, desprazámonos ata San Martiño de Pazo, a parroquia á que pertence Amiedoso, a aldea da que era ela. Son estas paisaxes moi queridas para min. Meu pai era de Magarelos, en San Torcado, a parroquia seguinte, continuando pola estrada que vai a Celanova. Amiedoso, Magarelos, As Quintas, son nomes que ecoan na memoria. Son moitas as lembranzas que me unen a este territorio, unhas de nenez, outras recentes, de cando xoguei a ser apicultor, primeiro cos amigos Tito e Fidel e o meu curmán Juan, logo co meu pai. Da infancia lembro en particular o ouveo do lobo, un verán no que fomos retellar a casa da avoa, aproveitando a vacación do meu tío Luís, o home de Choncha, os dous emigrantes en Francia. Lembro tamén a visión fugaz dunha loba, á beira do Arnoia e os tritóns, na fonte que había diante da reitoral de San Torcado e digo loba non por ser eu quen de identificarlle o sexo á sombra de animal que só entrevín, senón polo que dixo meu pai.

Porta lateral

Porta lateral

A igrexa de San Martiño de Pazo queda situada nun lugar alto. Dende ela vese todo o val de Allariz, pechado ao fondo e cara o leste pola serra de San Mamede. Sobre o outeiro do que foi castelo, ondea a bandeira do país. Intúese, contra o horizonte polo norte, o que penso pode ser a serra do Faro. A igrexa é fermosa, sobre todo nos restos mozárabes que conserva, do século X. Foi templo dun cenobio vinculado á Celanova de San Rosendo, pero moi alterado por posteriores reformas.

Chegamos ata a igrexa ela por unha estrada que ascende entre soutos. Castiñeiros moitas veces centenarios, que dan as castañas coas que fixen os magostos dende neno. Onte percorrín a aldea de San Martiño. Recendo intenso a figueiras, aroma de verán serodio, outra nostalxia, e vin casas vellas amañadas a novas e confortables, pero tamén a evidencia do que perdemos, coma o esqueleto da cabaceira situada diante da casa reitoral.

O adro está rodeado de cruces, unhas máis antigas e outras menos. No funeral de corpo presente, os dous curas novas que oficiaron foron incapaces de pronunciar unha palabra en galego, malia o auditorio de fieis que non falan outra lingua. Se cadra, igual era bo que viñera por aquí o papa Francisco. Igual lles daba unha volta, a eles e a situación, e lles explicaba esa teoría súa sobre o papel da igrexa na sociedade, que vin escoitando na radio no regreso, declaracións publicadas hoxe e que corresponden a unha entrevista de seis horas concedida a unha revista xesuíta.