SERRAT E O RÍO AMIGO

serratNon sei se sería porque hai días lin que, logo de tantos anos, Joan Manuel Serrat suspendeu a semana pasada dous concertos por primeira vez, ou porque a todos nos vai chegando unha idade na que as saudades agroman e xeran as súas propias dinámicas, que hai dous días espertei pola mañá cunha canción na cabeza, que non me deixou dende entón. Trátase de Amigo mío, e sorprendeume que, pasado o tempo e logo de anos sen me lembrar dela, non lle esquecín nin un só verso.

Ese Amigo mío da saudade nocturna formaba parte do disco Mi niñez, coñecido como disco branco, con canción do mesmo título que tamén sempre me gustou. Dese disco era Fiesta, canción moi censurada e que moito cantei.

Confeso que durante a adolescencia e a primeira xuventude, Serrat foi alguén principal para min. Por el coñecín a León Felipe (Vencidos); afondei en Antonio Machado de quen merquei a poesía completa en Austral, cando saíu o disco dedicado ao autor de Cantares, ou amei fondamente a Miguel Hernández. Daquela, sentía eu querenza polos cantautores que poñían música aos poetas. Con el aprendín a amar a liberdade e tamén recoñezo unha débeda con el, na miña educación sentimental.

Tería eu 16 anos cando Serrat veu a Ourense, polas festas, a cantar no Pavillón de Deportes. A velo fun, unha noite de verán, coa miña nai e miña irmá. Cheguei a saberlle 52 cancións de memoria. Discos completos, unha tras outra. Con elas celebrei moitas festas e, elas me axudaron a conquistar algún corazón. En Serrat aprendín, tamén, a construír versos. Daquela escoitaba outras músicas, claro, pero a el sempre lle tiven un cariño especial, ata que xa, nos anos 80 funme distanciando. Como dicía Cortázar: foime quedando ás beiras.

Atoparme de novo con Amigo mío, espertou en min recendos de inocencia. Cantei moitas veces a canción á beira do Miño, indo a Oira xunto da miña avoa, porque tamén o río era meu amigo, se cadra, por iso escribín logo un libro que leva seu nome. Canteina moitas veces só, porque, daquela, estaba eu namorado dunha moza imposible, e dela falaba, precisamente, co río, como fai Serrat na canción, na que aprendín, entre outras cousas, palabras como: abrojo, grama, barbecho…

Advertisement