TERRA FRÍA

Cold cold ground, di a letra da canción de Tom Waits que Miguel Mato Fondo invoca como referencia para o título do seu novo libro Terra fría.

Terra fría 1Onte asistín á presentación na Coruña. Con Miguel estaban Paco Souto, poeta, percebeiro e director da editorial Caldeirón; Suso Lista, tamén home de mar, actor e escritor e o profesor, cantante, escritor, e compositor César Morán. O acto, nas Portas Ártabras creadas por Felipe Senén e que son a sede da Asociación dos Amigos dos Museos de Galicia.

Este non é un libro máis. Co paso do tempo un aprende a percibir cando un libro ten algo especial, cando ten forza. Ter duende ou non telo, que dicía Federico García Lorca, de novo centro da actualidade pola publicación deses informes que falan de que confesou antes de que o matasen. Que confesou? Que amaba e que escribía versos? Foi esa confesión a que determinou o asasinato?

O libro de Miguel ten duende porque é un libro escrito dende a máis íntimaTerra frñia 2 e radical percepción de si e do que o rodea, sen concesións, dende a súa verdade. Libro individual e colectivo a un tempo, como son os grandes libros. Duro porque reflexiona sobre o que somos, sobre a situación na que nos atopamos, sobre a lingua, a paisaxe, sobre a derrota e sobre o frío; sobre a sombra que o envolve como nesta imaxe tomada durante o recital. Seguramente non é gratuito que o último poema do libro sexa unha elexía, que invoca a peza musical do mesmo título de Gabriel Fauré.

Díxose na presentación que seguramente este é o mellor libro de Miguel. Haberá valoracións, pero é un libro importante, xa dende a declaración inicial, que recollo aquí:

Non son un cantor ambulante. Desde a consciencia do meu destino individual e colectivo, levo en min certo carácter marxinal que me fai estraño ante o mundo. Os meus poemas deben ser a radical resposta da miña soedade creativa.

A rosa negra da derrota, da lenta agonía do idioma, a inminente chegada dos días da lenta descomposición, a desesperanza. Acaso este país non foi máis do que un soño que alentou como unha ave moribunda nos versos dos seus poetas. 

Para recitar os poemas do libro, Miguel acompañouse das músicas queridas. Janis Joplin, Waits, Fauré… por iso deixo aquí a canción Cold Cold Ground, coa que empecei: