O pasado venres, último da exposición “Vento de inverno” do gravador e editor de libros de artista Masafumi Yamamoto, convocados por Eva Veiga e Teresa Seara acudimos un grupo de amigos para recitar os nosos versos e a cantar. Con Teresa, que fixo de extraordinaria anfitrioa e de Eva que recitou, estabamos: Olga Patiño, Ánxeles Penas, Dores Tembrás, Pedro Ramos, Charo Pita, Manuel Álvarez Torneiro, (o noso flamante Premio Nacional de poesía, na imaxe), e eu. Na parte musical, a soprano Victoria Álvarez Acón, acompañada por Vicente Castro Alonso, interpretando tres cancións compostas a partir de poemas de Rosalía de Catro.

Foi un momento feliz, cando menos así o sentimos os que estabamos do lado actuante, pero esa sensación tivérona tamén moitos dos asistentes e así nolo comentaron ao final. As interpretacións de Victoria Álvarez foron fantásticas, malia as condicións do local, unha galería de arte que seguramente non reúne as condicións idóneas para a música a interpretar, e, malia iso, ela cantou marabillosamente. A min emocionoume, en particular, a romanza composta por Andrés Gaos, a partir do poema “Rosa de abril”.

Gustaríame compartir a canción, pero sobre todo a interpretación de Victoria. Porén non atopei nada dela en you tube, así que, pedíndolle perdón, vai este vídeo con interpretación de María Bayo, acompañada da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida, aínda, por Víctor Pablo.

 Hai tamén en you tube un vídeo, de moi baixa calidade, no que varios centos de nenas e nenos, alumnos dos colexios de Compostela, cantan a canción no Panteón de Galegos Ilustres. Tamén ese, malia a pouca calidade de imaxe e son, resulta emotivo, cando menos para min, pero é que a música de Gaos paréceme moi fermosa.

As imaxes todas forman parte da reportaxe gráfica de Maribel Longueira.