A semana pasada visitamos o estudio de Xulio García Rivas. Digo visitamos, porque alá fomos Maribel e máis eu e dela, claro, son estas fotografías. Nestes últimos meses foron moitos os vínculos que fixeron que os nosos pasos se cruzasen cos de Xulio: amizades compartidas, como Sole Pita, Pedro Ávila Durán ou Antonio García Teijeiro, os espazos e actos aos que acudimos, ou o feito de seren cuñados el, Fernando Alonso Romero e María Castroviejo.
Ascendemos con ánimo, pero sen présa, os cinco andares sen ascensor, que levan ata a atalaia onde nos agarda un mundo, o mundo, diría eu. Pedíranos ir cedo pola luz, quería que vísemos a terraza e o seu ámbito. Polos cadros o da luz do día daba igual, porque el pinta con luz artificial. Tamén os pintores poderían clasificarse así, nos di cando chegamos: os que só pintan con luz natural e os que sempre o fan con luz artificial. El pertence ao segundo grupo.
Son cativos os espazos do estudio e, malia isto, os cadros dan sensación de infinito, pero tamén están transcendidos de luz, aínda os máis escuros, malia ser pintados con luz artificial.
Xulio vainos amosando as obras que levará á exposición no pazo da cultura de Carballo o día 29 de xaneiro; tamén algúns dos que colgará na galería Atlántica da Coruña no verán. Variados formatos, diversas técnicas e múltiples sensacións. Transitamos por xardíns orientais, escoitamos cantar os xílgaros, contemplamos o voar das andoriñas, paseamos pola beira dun río, sentamos na beirada a contemplar unha treboada na Costa da Morte. O mundo de Xulio é a emoción, pero tamén a auga, a que emprega e destila nos seus cadros e a que suxire, auga que flúe, fertilidade, orixe.
Admiro o centro baleiro deses cadros compostos en tons brancos, grises e negros. Lémbranme a Valente e así llo digo, invocando o texto “Segunda variación en lo oblicuo” incluído no libro El fin de la edad de plata, que fala do emperador e pintor Hui-Tsung: ni el ave ni la flor pueden ser centro, sino tan sólo indicación del centro o guía del ojo que los mira para alcanzar la forma no visible en que el ave y la flor no están inscritos.
Discrepamos sobre o que evocamos cada un diante de Paisaxe para Courbet, cadro de gran formato, acrílico sobre madeira, ao que el deu forma a partir dunha paisaxe que cruza cada día, baixando cara Arteixo pola autoestrada de Carballo. Eu dígolle que en min suxire unha paisaxe africana e agora, escribindo isto, podo engadir que nel recoñecín as paisaxes que a miña imaxinación ía construíndo cando lía O caderno dourado de Doris Lessing, en concreto, a parte que recrea a historia de Anna Wulf en Rodesia, durante a Segunda Guerra Mundial. Amósanos, tamén, a primeira saba que pintou, como sen querer, e que foi fonte dun novo proxecto que reúne, xa, catorce obras elaboradas sobre este soporte.
Escribín eu un poema para o catálogo da exposición de Carballo, que lerei alí, o día 29, na inauguración. Escribino antes de ver os cadros que alumearán a sala e, malia iso, penso que agora, vistos todos, non cambiaría un só verso, porque Xulio é pintor capaz de dar xeito, coas súas propostas, ao soño ou á emoción do espectador, xerándose un fluído e producíndose unha transferencia emotiva que adquire a condición de potencia creadora para quen pinta e para quen mira. Este é o poema: