NICANOR PARRA

É este un ano de celebracións. Logo dos centenarios do nacemento de Octavio Paz en marzo e de Julio Cortázar hai 10 días, chega o do poeta ou “antipoeta” chileno Nicanor Parra (San Fabián de Alico, 5 de setembro de 1914). O máis curioso é que a Parra, o aniversario o colle vivo, e por moitos anos.

Irmán de Violeta Parra, Nicanor está considerado un dos grandes poetas vivos. Creador da antipoesía, actitude crítica con respecto á poesía e á literatura convencional, coa que procura desenmascarar a realidade inmediata, arremetendo contra ás máscaras que tecen a rede dos enganos que tratan de vendernos un mundo ideal que non existe, mentira que só pretende manter o status, ofrecendo falsas expectativas e medo, ocultando o que somos como seres humanos e como colectividade, a súa é, sen dúbida, unha actitude revolucionaria que tamén ataca o relixioso e o sagrado, sempre en connivencia co poder.

Premio Cervantes no ano 2011, a súa poesía está amplamente traducida e figura en todas as antoloxías ou recompilacións de textos de poesía contemporánea.

Deixo aquí, como celebración, este vídeo no que el mesmo recita un dos seus poemas máis emblemáticos: El hombre imaginario.

E estes outros versos corresponden ao libro Chistes pa/r/rá desorientar a la policía/poesía, que recomendo ler, dinamita en dose xusta, e que pode ser atopado na rede.

Ayer
de tumbo en tumbo
Hoy
de tumba en tumba

 

poesía poesía
como si en Chile no ocurriera nada!

 

De aparecer apareció
pero en una lista de desaparecidos

 

No matarás:
serás asesinado …

Chile fue primero un país de gramáticos
un país de historiadores
un país de poetas
ahora es un país de… puntos suspensivos