LES FEUILLES MORTES

Estamos en outono. No ano 2011, por estas datas, presentaba en Madrid o libro Golpear de sombras. Era a edición bilingüe galego-castelán de Bater de sombras que gañara o premio Fiz Vergara Vilariño o ano anterior e que agora publicaba Huerga y Fierro. A tradución fora traballo de Teresa Seara. Comigo estaban aquela noite Antonino Nieto e Vicente Araguas. O acto de presentación desenvolveuse no Centro de Arte Moderno. A miña amiga Amparo ocupouse da organización e levou a un músico, Juan Muro, extraordinario intérprete de jazz, quen con seu saxo estableceu un territorio de emoción propicio na sala ateigada de xente, cando ao principio, antes de falar ninguén, nos agasallou cunha versión fermosa de Les feuilles mortes.

Gustaríame compartir con todos esta versión, a clásica de Yves Montand, porque o outono é, tamén, un estado de ánimo.