UNHA DO OESTE

O meu amigo Pepe Fernández Ferreiro, natural da aldea de Espartedo, no concello de  Nogueira de Ramuín, escritor e académico, con quen paseo a miúdo pola Coruña, en compañía de Manuel Álvarez Torneiro, é a persoa, das que coñezo, que mellor colección de vídeos e dvd ten sobre o western, xénero polo que sente paixón.

Sabe el de cine, xa que traballou sendo novo e estudante de xornalismo en Madrid, na produtora Suevia Films, da que era propietario Cesáreo González, tamén natural de Espartedo e que fora, ademais, mutilo, que é como se di aprendiz en barallete, a lingua dos afiadores, oficio principal en Nogueira de Ramuín ao longo da historia.

A querencia de Pepe polo cine, non se reflicte só na súa colección de filmes, senón tamén súa narrativa. Corrupción e morte de Brigitte Bardot é novela que sucede dentro do universo cinematográfico español dos anos sesenta do pasado século e Agosto do 36, aínda sendo novela situada nos días da represión que desencadeou o golpe militar contra a República, ten estrutura, estética e tensión de western.

As veces, entre nós falamos de cal é o western mellor ou o que máis nos gusta. As nosas opinións son diverxentes. El considera varios. Gústanlle os clásicos, entre eles algún de John Ford e, tamén, de Howard Hughes. Eu sempre invoco os mesmos: Centauros do deserto, de Ford e Duelo na alta serra, de Peckinpah.

Centauros do deserto, protagonizado por John Wayne e Natalie Wood, é o filme do oeste que máis me gusta, tanto pola súa dimensión épica, como pola fondura dos conflitos que propón, pola banda sonora e pola forza das paisaxes, transformadas en elementos vivos da historia, nun personaxe máis. Na miña opinión é, tamén, a mellor interpretación de John Wayne, que encarna aquí a un personaxe teimudo e complexo, ao tempo rancoroso e tenro, nunha historia que remexe nun conflito que existiu, aínda que pouco nos teñen falado del, o da mestura de sangues nas fronteiras e a nova realidade que este feito provoca. A vida, o amor e a morte, en definitiva, as tres feridas do teatro, do cine e da literatura, máis alá das razas, das crenzas, dos prexuízos e malia o efecto redutor dos que so ven o branco e o negro das cousas.

A película ten un fondo real e hai pouco, no suplemento Babelia de El País, Antonio Múñoz Molina escribía sobre ela. Natalie Wood dá vida ao personaxe histórico de Cynthia Ann Parker, muller raptada de nena polos comanches, en 1836, que medra con eles ata esquecer a vida anterior e o inglés, india de cabelo loiro da que se fala nos territorios fronteirizos e que remata sendo unha lenda, ata que nun ataque do exército en 1860, descóbrese que  non era un mito, senón unha realidade.

Cynthia casou cun comanche chamado Peta e tivo tres fillos, unha nena Topsana, ou flor das pradeiras, e dous nenos Quannah e Peanuts. Co tempo e a derrota dos indios nativos na guerra polo seu territorio, Cynthia, xunto con Topsana, será entregada aos seus tíos brancos. Cynthia tentará fuxir e, como non o consegue, déixase morrer de tristeza, como sucede con certos seres da natureza que non soportan vivir cativos. Quannah, o fillo maior, merecería outra película. Loitou contra os brancos invasores das terras e finalmente asinou a rendición do seu pobo, pasando a ser un gran líder en tempos de paz, reconvertendo a economía, sen renunciar ao xeito de ser. En 1911 morría, sendo enterrado coa súa nai e con Topsana, a súa irmá.

Ford, en Centauros do deserto, dá prioridade á lenda da muller de ollos azuis que vive cos comanches e a súa procura, durante anos, do seu tío, o personaxe de Wayne, prescindindo do resto da historia.

Quannah Parker