A editorial Trifolium publica estes días unha novidade importante e fermosa, un relato de Elena Poniatowska, poucos días antes de que ela veña a España para recibir o Premio Cervantes 2013. Trátase dunha historia que explora territorios que teñen que ver co sexo, coa posesión, coas relacións dos seres solitarios cos outros e coas cousas, todo contado cunha sensibilidade moi especial e co marabilloso sentido do humor de Elena.
O relato narra a historia de Pancho, un maquinista de tren, que sente pola máquina, Prieta, unha atracción semellante a que lle produce Teresa a súa amante. Non é Pancho o único que humaniza a súa locomotora. Luciano púxolle La Coqueta á súa. As primeiras páxinas, coa máquina abríndose camiño na noite, precedida da lanterna de luz que alumea dous quilómetros por diante e contra a que morren os paxaros, son dunha forza e dun alento creador insuperables.
Non é o primeiro libro de Poniatowska que publica Trifolium, que xa antes acollera no seu catálogo o libro infantil Lilus Kikus, traducido ao galego por Teresa Moure e, tamén en galego, a emotiva e novelada correspondencia entre Quiela e Diego, doce cartas que dende París escribe a Diego Rivera a pintora rusa Angelina Beloff, no libro que leva por título Benquerido Diego, abrázate Quiela.
A fermosa e suxestiva ilustración de cuberta desta novidade é obra da pintora Ánxela Pérez Meilán.